Camiñando xuntos no XX Congreso Nacional SEEDO

Tempo estimado de lectura: 3 min 30 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

Os datos máis recentes indican que o exceso de peso continúa supoñendo un dos problemas de saúde máis urxentes a nivel mundial. Por iso, supón un desafío que debe abordarse dunha forma conxunta, cun enfoque multidisciplinar, tendo en conta a participación de todos os axentes con implicación directa na saúde da poboación, promovendo a investigación en novas liñas de actuación e o desenvolvemento de programas que fomenten un estilo de vida saudable.

Na recta final do 2024 levaronse a cabo diversas iniciativas e celebráronse numerosos eventos nos que participou a Rede Galega de Promoción dá Saúde (REGAPS). Concretamente, entre o 27 e o 29 de novembro celebrouse o XX Congreso Anual da Sociedade Española de Obesidade en Santiago de Compostela. Este ano, co lema “Camiñando xuntos”, a Xunta Directiva, os Grupos de Traballo e o Comité Organizador Local elaboraron un programa innovador para cubrir os temas máis candentes e vangardistas da obesidade, a prevención, o diagnóstico e o tratamento personalizado, integrando a investigación básica-traslacional e a clínica.

Neste encontro desenvolvéronse diversos relatorios e mesas para poñer o foco nos avances máis novos. Da man deste completo programa, organizáronse diversas casetas para dar a coñecer a actualidade neste ámbito. É por iso que a REGAPS apostou novamente pola promoción da saúde a través dunha caseta para presentar EnMovemento entre todos os asistentes, unha aplicación que pretende espertar o interese para a práctica de exercicio físico. Trátase dunha ferramenta incluída dentro do proxecto Sanidade Mediaverso, que conxuga as novas tecnoloxías e o fomento dos hábitos de vida saudables.

Por outra banda, a organización do encontro fixo fincapé na importancia da investigación, podendo contar coa colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, IDIS, que tivo implicación a través da súa dirección e o persoal de investigación.

Así mesmo, xunto ao Comité Organizador Local, levouse a cabo a unha andaina na que participaron ao redor de 100 persoas asistentes, percorrendo un tramo do Camiño de Santiago ata a catedral durante a mañá do sábado 30 de novembro. Tras a celebración da mesma entregouse auga, froita e unha mochila de Gastas Pista, unha campaña de alto impacto incluída dentro do Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030, que pretende establecer un reto a conseguir por toda a poboación no seu conxunto, no que teña valor cada achega individual para manter un estilo de vida activo a través das pistas de baile, baloncesto, patinaxe, atletismo, etc.

 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020