Día mundial sen tabaco 2025

Tempo estimado de lectura: 4 min
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

O pasado sábado 31 de maio celebrouse o Día mundial sen tabaco, unha iniciativa que promove a Organización Mundial da Saúde desde 1988 e que pretende resaltar os riscos para a saúde asociados a fumar e á exposición pasiva ao fume do tabaco. Ademais, é un día que pretende poñer no foco todas as políticas que perseguen reducir o seu consumo. Cada ano escóllese un tema para este día co obxectivo de chamar a atención da poboación e mostrar a complexidade que representa este importante problema de saúde pública.

Este ano, o lema proposto pola OMS é «Desenmascaremos o seu atractivo: as tácticas da industria cos produtos de tabaco e nicotina ao descuberto». Un dos principais retos da saúde pública na actualidade é combater o atractivo do tabaco, a nicotina e os produtos conexos, especialmente entre as persoas mozas, polo que resulta necesario crear conciencia e informar o público sobre as tácticas ás que recorre a industria para potenciar o uso dos produtos de tabaco e a nicotina. Á súa vez, preténdese promover cambios en materia de políticas con medidas que regulen estes produtos a través da publicidade, a promoción e o deseño dos seus envases para que resulten menos atractivos. Por outra banda, esta campaña persegue reducir a demanda e que en última instancia consiga diminuír a exposición aos produtos de tabaco e nicotina.

Cabe destacar que calquera consumo supón un risco para a saúde e non existe un nivel seguro de exposición pasiva nin de consumo. Segundo datos da OMS, o tabaco mata á metade dos seus consumidores, xa que máis de 8 millóns de persoas morren ao ano debido ao consumo directo ou a exposición pasiva.

Conscientes da importancia deste tema, desde 2023, Galicia celebra o 31 de outubro o Día galego sen tabaco, no marco do Plan Inspira Saúde 2023-2027, co fin de destacar a importancia que ten a implicación individual nas actitudes e no posicionamento da sociedade nos proxectos de saúde. Nesta liña, en 2016 creouse a Rede galega de Praias (marítimas e fluviais) e Portos sen fume, co obxectivo de aumentar os espazos sen fume ao aire libre, cambiar a percepción social sobre o tabaco, reforzar o papel modélico positivo das persoas adultas fronte á infancia e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente. No ano 2024, esta rede contaba coa adhesión de 242 praias de 82 concellos. Esta rede ampliouse en 2023, creando a Rede galega de Parques sen fume, que xa conta con 45 municipios adheridos.

Todas estas iniciativas convidan a reflexionar sobre a importancia de seguir deseñando estratexias enfocadas na prevención das enfermidades relacionadas co consumo de tabaco e da exposición pasiva ao fume do mesmo.

Día mundial sen tabaco  

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020