Estilos de apego

estilos apego 1.jpg


No artigo “O apego: unha necesidade básica para o desenvolvemento humano” reflexionabamos sobre a importancia, para un adecuado desenvolvemento durante a infancia, dos patróns relacionais e de coidados recibidos de persoas adultas significativas.

Se este vínculo é de seguridade, converterase a etapa infantil nunha base para explorar o mundo, e nun refuxio ao que regresar de novo tras as aventuras.

A vosa reacción como nais, pais e persoas coidadoras ante as necesidades do voso fillo e a vosa filla, leva ao desenvolvemento de patróns de apego que lle permiten durante os primeiros anos de vida experimentar tres aspectos moi importantes:
  • Son unha persoa digna de ser amada e coidada? Son importante para alguén?
  • O mundo é un lugar seguro e confiable? Ou é un contexto neglixente, hostil ou violento?
  • Podo obter o que necesito?
Moitas das persoas que agora estades a ler isto identificádesvos como  persoas seguras, porque, polo menos, unha das coidadoras ou coidadores na vosa infancia tratouvos con sensibilidade, aprecio e interese polo voso benestar. Ademais, puido imaxinar as vosas necesidades en cada momento, e puido atendelas acertadamente na maioría das ocasións. E cando se equivocou, puido rectificar. Estas vivencias permiten lembrar os primeiros anos da vida coa alegría de recibir amor e respecto. Chámase apego seguro. Un marabilloso legado!

Pero existe tamén a experiencia contraria: persoas que na súa infancia non foron tratadas coa atención e coidados que necesitaban e merecían, porque as persoas adultas non llos puideron achegar. Estariamos a falar dun vínculo de apego inseguro.

É a cadea da vida, que ten infinitos elos que se remontan xeracións e xeracións. Cando temos fronte a nós a unha persoa, en realidade temos o reflexo dos coidados recibidos na súa familia durante lustros, décadas… Quen recibiu un bo trato, probablemente poderá tratar ben. Quen recibiu bos coidados, na maioría dos casos poderá coidar adecuadamente. Quen non, terao máis difícil e por tanto necesitará da contorna para que o/a apoie, o/a enriqueza e o/a axude.

Factores que inflúen nas persoas coidadoras e na crianza que lles poden ofrecer ás persoas menores de idade:
  • A saúde emocional, mental e física.
  • Socioeconómicos, e de forma negativa a situación de pobreza e exclusión social.
  • O contexto nas que están inmersas e o grao de respecto e apoio que reciben.
  • As capacidades e habilidades para atender as necesidades desas nenas e nenos.
Mary Ainsworth (1913-1999) deseñou un experimento co que poder observar a reacción dos nenos e nenas cando se separaban das súas nais. Identificou que se comportaban de formas moi diferentes nos tres momentos da situación de laboratorio: cando estaba a súa nai presente, cando se ausentaba e quedaban cunha persoa adulta descoñecida, e posteriormente, cando ela regresaba.

A partir da observación das diferentes reaccións infantís, describiu tres tipos de apego: o seguro, o inseguro ambivalente e o inseguro evitativo. Con posterioridade, identificouse outro estilo máis: o desorganizado.

O experimento estudou o vínculo da nena ou o neno coa súa nai; na actualidade, a experiencia confirma que pais e persoas significativas non proxenitoras tamén poden establecer vínculos de seguridade na infancia, garantindo un óptimo desenvolvemento.
estilos apego 2.jpg


O apego seguro é o máis habitual, e establécese cando a figura relevante permite a exploración da contorna coa seguridade de estar aí, presente, atenta ás necesidades do neno ou a nena, para cando se sinta mal ou teña medo. Este tipo de apego está caracterizado pola incondicionalidade: o neno ou a nena sabe que a persoa que o/a coida non lle vai fallar. E sabe que pode explorar o mundo porque ten a confianza de que haberá uns brazos acolledores e cariñosos aos que regresar.

Sería similar á imaxe que nos suxire unha radio ben sintonizada: a melodía soa ben, a persoa coidadora “está na onda” e percibe con nitidez as mensaxes que o neno ou a nena emite; e a resposta é igual de eficaz.

Isto permitirá que a persoa menor de idade poida desenvolver empatía e autonomía, tan necesarias para a vida en sociedade.

A medida que vai crecendo, non lle supoñerá un esforzo unirse intimamente a outras persoas e non sentirá continuamente un ameazante medo ao abandono.

En contraposición, o apego inseguro é o resultado da relación con persoas coidadoras que non poden sintonizar emocionalmente coas persoas menores de idade, nin poden atender as súas necesidades. Neste contexto, durante as primeiras etapas da vida experiméntase a vivencia de non ser persoas dignas de ser amadas, nin coidadas, e de que o mundo é un lugar inseguro e hostil que non lles poderá achegar o que necesitan.

Tipos de apego inseguro:
  • Ambivalente.
  • Inseguro.
  • Desorganizado.
O termo “ambivalente” refírese á presenza de emocións ou sentimentos contrapostos, o cal frecuentemente xera angustia. No caso do apego ambivalente, a nena ou o neno teñen unha experiencia constante de falta de certeza, porque ás veces as persoas que os/as coidan están dispoñibles e “sintonizadas” para atender as súas necesidades, e outras veces non o están; o constante é a inconsistencia nas condutas de coidado e seguridade.

As emocións máis frecuentes neste tipo de apego son o medo e a angustia exacerbada ante as separacións, así como unha dificultade para acougarse cando a persoa coidadora regresa. Todas as nenas e os nenos necesitan a aprobación das persoas adultas significativas e vixían de maneira permanente que non lles abandonen. Debido á resposta inconsistente, cando o apego é ambivalente exploran o ambiente de maneira pouco relaxada e procurando non afastarse demasiado da figura de apego.

Habitualmente consolídase como relacións de dependencia cara ás persoas significativas, e de desconfianza e temor cara ás descoñecidas.
estilos apego 3.jpg


Polo que respecta ao apego evitativo, é o vínculo que resulta das situacións nas que a persoa coidadora significativa non pode estar presente, sensible, atenta, nin sintonizada coas necesidades da persoa menor de idade. Especialmente no que se refire a afecto e protección. Así, a experiencia é a de que “non hai ninguén” que a coide, que a vexa e para a que ser importante. Préstaselles pouca ou nula atención e non chegan a desenvolver confianza en si mesmas, con moitas dúbidas de se algunha persoa as quere.

No experimento da situación estraña que propuxo Mary Einsworth, estas nenas e nenos evitan as persoas que as/os coidan, e non buscan o contacto nin o consolo nelas. Cando se afastan non adoitan mostrar grandes niveis de sufrimento ou medo e o seu regreso non resulta especialmente celebrado e existe certo nivel de indiferenza ou evitación do contacto con elas.

A medida que crecen, non recorren ás persoas adultas buscando seguridade e protección cando teñen medo ou algún problema. Esta resposta de evitación é a forma de defenderse dunha probable resposta de abandono. “Mellor non pido o que necesito, e así non me enfronto a outra resposta de abandono ou desatención”.

O terceiro tipo de apego inseguro é o apego desorganizado: é a preocupante resposta que o neno ou a nena logran dar cando as figuras coidadoras son ao mesmo tempo xeradoras de dano e xeradoras de coidados, aínda que de forma imprevisible, aleatoria e intensa. Prodúcese en contextos de malos tratos, abuso e violencia.

A ausencia da persoa coidadora xera tranquilidade (porque non infrinxirá dano), e ao mesmo tempo temor e inseguridade. Posteriormente, o seu regreso pode producir no neno ou a nena unha resposta de alegría ou de temor, pero non buscará a proximidade.

A expresión infantil do apego desorganizado é grave, variable e recolle un abano amplo de condutas, que van desde a indiferenza á axitación inconsolable. Na maioría das ocasións, estas respostas non logran o resultado necesario: que a persoa menor de idade sexa vista, escoitada, atendida, coidada e amada. Será necesario garantirlles un contexto seguro no que poder continuar o proceso de desenvolvemento en condicións suficientes de protección. Así mesmo, deberáselles ofrecer axuda ás persoas adultas, para que poidan mellorar as súas capacidades e habilidades de crianza.

Que podes facer como nai, pai, ou persoa coidadora para xerar un apego seguro coa túa filla, co teu fillo?
  • “Sintonízate”, de forma atenta e interesada co que necesita.
  • Dá unha resposta acorde.
  • Se te equivocas, repara: proba outra alternativa.
  • Mostra interese por coñecelo/a e escoitalo/a.
  • Dálle importancia ás súas emocións.
  • Exprésalle o importante que é para ti, e para o resto do mundo: bícao/a, abrázao/a. Isto fará que se sinta unha persoa valiosa, digna de ser amada e ben tratada, e permitiralle confiar en que haberá máis persoas na súa vida que o/a tratarán así.
Actualmente existen múltiples factores psicosociais que teñen consecuencias importantes na formación destes vínculos primarios. Por exemplo, a dificultade para a conciliación laboral, a pobreza, a exclusión social, a violencia, a vulnerabilidade debido á diminución da saúde emocional, física e mental. Isto fainos ver que a tarefa de formar estilos de apegos seguros lle compete a toda a sociedade, non só ás nais, aos pais ou ás figuras vinculares próximas.

En posteriores artigos, propóñoche reflexionar sobre o vínculo de apego e a súa evolución na adolescencia: da familia aos iguais.
  • Evoluciona o estilo de apego durante as distintas fases do desenvolvemento da persoa?
  • Cómo se manifesta na adolescencia?
  • Inflúe nas relacións que establecemos con persoas alleas á nosa familia de orixe?
  • Que importancia ten o estilo de apego no establecemento de relacións efectivas, de parella e de amizade?
  • Pódese modificar? Cómo unha persoa se pode vincular progresivamente de forma máis segura coa súa contorna?

Yudit González Núñez
Psicóloga clínica, técnica do programa de intervención familiar, psicoterapeuta do programa Caixa Proinfancia e coordinadora de Fundación Meniños en Ourense. 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020