Día Internacional do Voluntariado: 5 de decembro. O poder da Acción Colectiva

Tempo estimado de lectura: 10 min 15 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
Día internacional do voluntariado 

A Asamblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) e o programa de Voluntarios da mesma (VNU)  coordinan a celebración do Día do Voluntario, que se celebra anualmente o 5 de decembro para recoñecer e promover a incansable labor dos voluntarios de todo o mundo. Este día serve para que os voluntarios e as organizacións festexen os seus logros, compartan os seus valores e promovan a súa labor entre as súas comunidades, as organizacións non gubernamentais (ONG), os organismos das Nacións Unidas, as autoridades e o sector privado.

O voluntariado desempeña unha función primordial no fortalecemento das relación entre a cidadanía e o Estado. Favorece a mellora da gobernanza, contribúe a crear sociedades máis igualitarias e inclusivas e promove a estabilidade. Cada vez é máis frecuente que os voluntarios e voluntarias forxen alianzas máis estreitas coas autoridades públicas co fin de dar resposta a problemas urxentes en materia de desenvolvemento, que van dende o cambio climático á pérdida de biodiversidade e de ecosistemas, pasando polas secuelas da pandemia da COVID-19.

Como sinala o Cuarto Informe sobre o estado do voluntariado no mundo 2022, titulado “Crear sociedades igualitarias e inclusivas”, o interés que esperta o voluntariado a escala internacional non ten decaído pese ás terribles repercusións socioeconómicas da pandemia.

Dito informe, amosa as formas en que os voluntarios e voluntarias e as autoridades estatais interactúan, colaboran e se alían, sendo indispensables para acadar a Axenda do Desenvolvemento Sostible de 2030 e os obxectivos da mesma. O informe axuda a entender o traballo do voluntariado, a súa universalidade e o seu alcance . Segundo as últimas conclusións deste informe:

Mensaxes clave:

  • O voluntariado pode contribuír a unha cultura baseada na toma de decisións conxuntas
  • O voluntariado pode modificar as relacións de poder asimétricas
  • O voluntariado abre múltiples vías para a participación cidadá, aínda que segue sendo desigual
  • O voluntariado tende pontes entre varios grupos como asociacións locais da comunidade e institucións estatais

O voluntariado en España

No informe “Acción Voluntaria 2023” levado a cabo pola Plataforma de Voluntariado de España , case a metade da poboación española maior de 14 anos (49,2%) colabora con algunha entidade social. Esta taxa de colaboración representa un aumento de algo máis do cinco por cento con respecto a do ano pasado (43,8%). A doazón destaca como a actividade máis recorrente, xa sexa en forma de achegas económicas (30,8%) ou mediante doazóns en especie (20,9%), que inclúen contribucións de roupa e alimentos, entre outros. Ser socio/a dunha entidade representa o 11,5% da poboación, mentres que facer voluntariado alcanza ao 11%. O 51,4% das persoas que colaboran adoita ser cunha soa organización, mentres que o 48,6% participa en varias organizacións. En referencia ao sexo, rexistrouse un aumento na feminización da colaboración cidadá con respecto ao ano pasado, obténdose unha taxa de feminización do 1,15. En concreto, este ano un 56,3% das persoas colaboradores son mulleres e un 43,7% son homes. Existe unha tendencia positiva cara a colaboración a medida que aumenta a idade. Neste sentido, as persoas maiores de 45 anos tenden a ser máis colaboradoras en comparación coa distribución de idade da poboación en xeral, poñendo de manifesto o papel que as xeracións maiores desempeñan na construción dunha sociedade máis solidaria.

O número de voluntarios en España acada un 11% da poboación maior de 14 anos, o que supón un incremento respecto aos anos precedentes nos que se situaba en torno ao 8,5%; case tres puntos porcentuais por encima do rexistrado no ano pasado. O 57,9% das persoas voluntarias son mulleres e o 42,1% son homes. O peso relativo das persoas máis xoves (14-24 años) é menor (8,3% de voluntariado mentres representan un 13,4% da poboación xeral).

A Lei do Voluntariado recoñece 10 ámbitos de actuación. Como ven sendo habitual, o máis frecuente é o social, no que declaran participar máis da metade das persoas voluntarias. As áreas de saúde (voluntariado socio-sanitario) e educación (voluntariado educativo) tamén amosan unha presencia destacable, con porcentaxes do 15,2% e 14,5%, respectivamente. Os ámbitos de voluntariado de ocio e tempo libre, voluntariado cultural e voluntariado ambiental tamén contan cun respaldo considerable, mentres que a participación en protección civil é relativamente baixa, cun 2,8%.

O voluntariado en Galicia

Case a metade da poboación galega colabora dalgunha forma cunha ou máis entidades; un 9,1% da poboación colabora a través do voluntariado, taxa que se sitúa por debaixo da que se rexistra no conxunto do país. O voluntariado galego está bastante feminizado (hai 1,82 voluntarias por cada voluntario) e é practicado en maior medida por persoas de mediana idade, e con alta tendencia a manterse na acción voluntaria. O social é o ámbito máis frecuente no que se desenvolve. Con todo, case un cuarto das persoas practica a colaboración informal (colaboración cidadá á marxe de entidades). Este dato fai pensar nunha posible marxe de crecemento do voluntariado formal. A colaboración informal é máis frecuente tamén entre as mulleres e entre persoas de máis de 25 anos. Ante o tipo de voluntariado, destaca o medio ambiente e a mellora da comunidade. As áreas menos populares son a  xestión de entidades e a cooperación internacional, pero tamén a sensibilización social e a loita contra a vulnerabilidade e a pobreza. A que pode considerarse unha epidemia do noso tempo, a soidade, afecta a un 13% da poboación, é máis frecuente en homes e é transversal á idade, alcanzado o seu pico de severidade entre as persoas maiores, cuestión que merece unha análise, dado o  envellecemento demográfico que presenta Galicia e a función do voluntariado para paliar unha das realidades máis desoladoras da nosa comunidade.

 

O voluntariado fronte a desastres naturais

Por desgraza, o voluntariado foi noticia en España recentemente debido á súa indispensable labor de axuda aos afectados polo temporal da DANA, en Valencia. As cooperativas, os voluntarios e as asociacións axudaron con achegas económicas, coordinación e xestión de alimentos e produtos de primeira necesidade así coma de recursos humanos desprazados á zona, chegando a crear incluso un mapa de cartográfico de Emerxencia e o despregue de tractores de cooperativas agrarias que participaron en accións de limpeza.

O voluntariado, por tanto, posúe un potencial real en resposta a situacións de crise pola súa capacidade instalada entre a mesma poboación afectada.

Os  datos nacionais indican que a solidariedade é un valor á alza no noso país e que as sucesivas crises ás que se enfronta a nosa sociedade (pandemias, erupcións volcánicas, desastres naturais) provocan unha maior tendencia a unha resposta solidaria

Por tanto, o voluntariado é un enorme recurso renovable para a resolución de problemas sociais, económicos e medioambientais en todo o mundo. Nun momento no que nos enfrontamos a retos cada vez maiores, os voluntarios adoitan ser os primeiros en axudar, situándose en primeira liña nas situacións de crise.

 

Neste día tan importante, volvamos comprometernos para garantir que todas as persoas poidan prestar a súa enerxía a fin de forxar un futuro mellor para o planeta que compartimos

Secretario Xeral da ONU, António Guterres

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020