Determinantes sociais e obesidade

 

A elevada prevalencia do sobrepeso e da obesidade supón un problema cuxa importancia radica na súa contribución como factor de risco no desenvolvemento de enfermidades crónicas, no aumento da morbimortalidade e na crecente demanda asistencial que ocasiona. Desde hai varias décadas, a súa abordaxe constitúe un reto desde o punto de vista da saúde pública. Os determinantes sociais xogan un papel fundamental nos estilos de vida da poboación e consecuentemente o estado de saúde vese influído por factores socioeconómicos, culturais e sociais.

O sobrepeso e a obesidade teñen un forte compoñente social e relaciónanse directamente co ambiente obesoxénico. Este caracterízase pola influencia que teñen as condicións ambientais sobre as oportunidades e as decisións que toma a poboación relacionadas cos hábitos de vida e que promoven o sobrepeso, tales como a adopción dunha alimentación inadecuada e as condutas sedentarias.

Un estudo descritivo realizado en 2023 analizou a influencia de factores socioeconómicos no peso dos nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 9 anos, a partir dos resultados da enquisa ALADINO 2019. Os fogares dun nivel socioeconómico baixo presentaban o dobre de prevalencia de obesidade que os de nivel alto, tanto en nenos como en nenas. Isto é debido a que o status socioeconómico baixo se asociaba a malos hábitos de vida, menor actividade física e peores hábitos dietéticos, xunto a outras características do ámbito familiar que favorecen o desenvolvemento da obesidade. En canto á diferenza por xéneros, comprobouse que as nenas eran máis sedentarias que os nenos1.

Nun estudo realizado nos Estados Unidos, baseado nos datos da Enquisa Nacional de Saúde, analizouse a relación da brecha de determinantes sociais coa obesidade e o sobrepeso. Tivéronse en conta 38 determinantes sociais agrupados en 6 categorías: estabilidade económica, veciñanza, contorno físico e cohesión social, contexto comunitario e social, inseguridade alimentaria e educación e sistema sanitario. Ao dividir a puntuación destes determinantes por cuartís, identificáronse diferenzas claramente significativas entre a prevalencia da obesidade e do sobrepeso, xa que era moi superior no cuarto cuartil (Q4), que incluía os datos máis desfavorables en canto aos determinantes sociais. O Q4 asociouse cun 15 %, 50 % e 70 % máis de prevalencia relativa do sobrepeso, da obesidade de clase 1 e 2 e da obesidade de clase 3, respectivamente, en relación co Q1.

O incremento da obesidade, directamente proporcional ao aumento das desigualdades socioeconómicas, producíase en todos os grupos demográficos2.

No noso contorno, os datos de obesidade e sobrepeso reflicten unha situación que require unha abordaxe coordinada entre todos os axentes comunitarios. Segundo os datos da Enquisa europea de saúde de 2020, aproximadamente o 39,2 % dos galegos presenta sobrepeso e o 16,5 %, obesidade.
 
Por mor desta necesidade, elaborouse o Plan Obesidade Zero, desenvolto mediante o consenso, a consulta e a participación dos distintos sectores sociais; onde se tiveron en conta aspectos relacionados coa educación e se identificaron accións para permitir que os contornos sexan saudables e seguros. O seu desenvolvemento implica o traballo conxunto das administracións, tanto autonómicas como locais; os axentes sociais e empresariais, mediante a abordaxe da saúde en todas as políticas e coa saúde pública actuando como eixo central na coordinación de todos os actores implicados3.
 
 
Bibliografía
  
 1. Gutiérrez-González E, Sánchez Arenas F, López-Sobaler AM, Andreu Ivorra B, Rollán Gordo A, García-Solano M. Socioeconomic and gender inequalities in childhood obesity in Spain. An Pediatr. agosto de 2023;99(2):111-21.

 

2. Javed Z, Valero-Elizondo J, Maqsood MH, Mahajan S, Taha MB, Patel KV, et al. Social determinants of health and obesity: Findings from a national study of US adults. Obes Silver Spring Md. febreiro de 2022;30(2):491-502.

 

3. Dirección Xeral de Saúde Pública. Plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia desde unha perspectiva de saúde pública 2022-2030 [Internet]. Xunta de Galicia. Consellería de Sanidade. DXSP; 2022. Dispoñible en: https://extranet.sergas.es/catpb/Docs/gal/Publicaciones/Docs/SaludPublica/PDF-3000-ga.pdf

 

logo_obesidad_zero.png 
 

 

​ ​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020