Educando en EQUIPO aínda que separados

28 de Xuño de 2024
Tempo estimado de lectura: 3 min 30 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

A ruptura dunha parella supón unha situación de crise que lles afecta a todos os membros da familia, especialmente aos nenos e nenas.

Para conseguir minimizar o impacto negativo e a incerteza que pode xerar a nova situación é importante facer un esforzo de adaptación, evitando as tensións.

No relativo á educación, alcanzar acordos supón un traballo de negociación para calquera familia, pero isto pode converterse nun reto cando as persoas proxenitoras sepáranse. Estas situacións están marcadas moitas veces por problemas de comunicación e dificultades de consenso que afectan tamén á crianza dos nenos e nenas.

A falta de coherencia e a disparidade de criterios poden xerar confusión e frustración nos nenos e nenas, polo que é indispensable afrontar estas situacións desde o respecto e a confianza. Nestes casos, é fundamental priorizar o benestar dos fillos e fillas, para o que suxerimos as seguintes claves:

  • A pesar de que xa non se é parella, cada unha das partes continúa sendo pai ou nai, e por tanto segue habendo un proxecto común no que implicarse.
  • En caso de desacordo, é imprescindible o diálogo coa outra persoa proxenitora, sen culpabilizala en presenza dos nenos e nenas nin utilizarlles de transmisores de mensaxes. Evitade falar mal do outro diante dos vosos fillos e fillas.
  • Tratade de chegar a acordos sobre os aspectos fundamentais nos que se considere que se deben manter unhas directrices comúns na crianza, deixando unha marxe de flexibilidade para aqueloutros que permitan certa liberdade para cada unha das persoas proxenitoras.
  • Respectade estes acordos evitando impoñer límites naqueles asuntos nos que se consensuou flexibilidade. Neste sentido, é importante deixar moi claro cales son as regras comúns que ambas as partes deben cumprir. Intentade manter unha comunicación respectuosa e fluída nos aspectos que teñan que ver coa educación dos fillos e fillas.
  • Pode ser necesario explicarlles que ás veces en cada casa haberá normas diferentes, debido ás diversas formas de educar que empregamos, e que deben ser respectadas. Facerlles ver a razón de que nalgúns casos existan normas máis estritas axudará a que as entendan e non as vexan como unha imposición arbitraria, especialmente se esas normas redundan no seu benestar a curto ou medio prazo.

Recordade que o obxectivo é facilitarlles esta situación aos nenos e nenas, polo que nese aspecto seguides sendo equipo, e como tal debedes actuar, tratando de fortalecer as dinámicas que mellor vos funcionan e mellorando naquelas que o necesitan.

 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020