Alcohol e consumo seguro

Tempo estimado de lectura: 4 min
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

O alcohol é unha das substancias psicoactivas máis consumidas na poboación xeral. Esta droga legal está totalmente arraigada na nosa cultura e sociedade debido, entre outros motivos, á súa asociación co lecer e a relaxación; con todo, supón un grave problema de saúde pública a nivel mundial. Estímase que 283 millóns de persoas padecen algún trastorno relacionado co alcohol, sendo a causa do 5,3% das mortes anuais1.

O termo “consumo prudente” pode facernos pensar que existe un consumo que non supón un risco para a saúde; porén nada máis lonxe da realidade, xa que aínda que o seu impacto sobre a nosa saúde aumenta en base á cantidade inxerida, non existe un consumo libre de riscos. Unicamente o feito de non consumilo evita os seus efectos prexudiciais1,2.

Pero… unha copa de viño non é beneficiosa para a saúde? A resposta segue sendo a mesma. Non hai distincións en función do tipo de bebida alcohólica xa que non existe un consumo seguro2,3.

Nas últimas décadas, esta afirmación viuse estendida e reafirmada por gran parte da sociedade debido á existencia de estudos que aseguraban que unha copa de viño diaria prevía enfermidades cardiovasculares3,4. Aínda así, non debe sorprender que o consumo de alcohol non proporcione beneficios.

Ademais, cómpre resaltar os consellos saudables acorde aos avances da evidencia científica. Estudos mais recentes e de maior grao de evidencia conclúen que beber unha copa de viño non achega ningún beneficio á saúde e, ademais, afirman que o consumo regular de alcohol aumenta o risco de mortalidade por calquera causa. Concretamente, o consumo dunha bebida alcohólica ao día (10 gramos, o equivalente a media copa de viño ou a un terzo de cervexa) xa aumenta o risco anual de desenvolver problemas de saúde relacionados co alcohol nun 0,5%, entre os que destaca o cancro1,3,5,6.

Calcúlase que un 10% dos casos de cancro en homes e un 3% en mulleres pódese atribuír ao consumo de alcohol. Isto fai desta substancia o terceiro factor de risco modificable, por debaixo do tabaquismo e a obesidade, para a aparición de cancro5,7.

 

Aínda que é certo que existen análises que poderían asociar unha redución da mortalidade por cardiopatía isquémica co consumo dunha copa de viño, este posible beneficio non compensa o aumento de mortalidade polo resto de causas. Ademais, podemos reducir a mortalidade pola devandita patoloxía así como polo resto de enfermidades cardiovasculares de forma moito máis efectiva e segura mellorando a nosa alimentación e aumentando a actividade física3,4.

En definitiva, o consumo de alcohol de forma habitual, aínda que sexa en pequenas cantidades, pode ter consecuencias na nosa saúde e na dos que nos rodean, tanto a curto como a longo prazo. A mensaxe debe ser clara cando nos pregunten se o consumo de alcohol é seguro: o máis beneficioso para a nosa saúde é non consumir alcohol de ningún tipo, e se o consumimos, canto menos, mellor1,2,8.

 
  • World Health Organization. Global status report on alcohol and health—2018. Geneva, Switzerland: World Health Organization; 2018.
  • Observatorio Español de las Drogas y las Adicciones. Monografía alcohol 2021. Consumo y consecuencias. Madrid: Ministerio de Sanidad. Delegación del Gobierno para el Plan Nacional sobre Drogas, 2021. 109 p.
  • Zhao J, Stockwell T, Naimi T, Churchill S, Clay J, Sherk A. Association Between Daily Alcohol Intake and Risk of All-Cause Mortality: A Systematic Review and Meta-analyses. JAMA Netw Open. 2023;6(3):e236185. doi:10.1001/jamanetworkopen.2023.6185.
  • R. Goulden. Moderate Alcohol Consumption Is Not Associated with Reduced All-cause Mortality. Am J Med., 129 (2016), pp. 180- 186.
  • International Agency for Research on Cancer. Personal Habits and Indoor Combustions: A Review of Human Carcinogens, Volume 100E 2012. Available from: http://monographs.iarc.fr/ENG/Monographs/vol100E/index.php
  • Galan, I., Segura-García, L., Álvarez, F. J., & Bosque-Prous, M. (2020, 13 noviembre). Tipos de bebidas alcohólicas y efectos diferenciados en la salud: una revisión paraguas de estudios observacionales. Instituto de Salud Carlos III. http://hdl.handle.net/20.500.12105/11475
  • Scoccianti, C., Cecchini, M., Anderson, A. S., Berrino, F., Boutron-Ruault, M. C., Espina, C., Key, T. J., Leitzmann, M. F., Norat, T., Powers, H. J., Wiseman, M., & Romieu, I. (2016). European Code against Cancer 4th Edition: Alcohol drinking and cancer. Cancer Epidemiology, 45, 181-188. https://doi.org/10.1016/j.canep.2016.09.011
  • Alpert HR, Slater ME, Yoon YH, Chen CM, Winstanley N, Esser MB. Alcohol consumption and 15 causes of fatal injuries: A systematic review and meta-analysis. Am J Prev Med 2022;63:286–300

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020