O vínculo de apego na adolescencia: da familia aos iguais

Tempo estimado de lectura: 10 min

En artigos anteriores reflexionabamos sobre a importancia, para un adecuado desenvolvemento durante a infancia, dos patróns relacionales e dos coidados recibidos de persoas adultas significativas.
 
A vosa reacción como nais, pais ou persoas coidadoras ante as necesidades do voso fillo e a vosa filla, leva ao desenvolvemento de patróns de apego que lle permiten durante os primeiros anos de vida experimentar tres aspectos moi importantes:
  • Son unha persoa digna de ser amada e coidada? Son importante para alguén?
  • O mundo é un lugar seguro e confiable ou é un contexto neglixente, hostil ou violento?
  • Podo obter o que necesito?
12.jpg 
 
O apego seguro é o máis habitual e establécese cando a figura relevante permite a exploración da contorna coa seguridade de estar aí, presente, atenta ás necesidades do neno ou da nena para cando se senta mal ou cando teña medo. Este tipo de apego está caracterizado pola incondicionalidade: o neno sabe que a persoa que o coida non lle vai fallar. E sabe que pode explorar o mundo porque ten a confianza de que haberá uns brazos acolledores e cariñosos aos que regresar. Sería similar á imaxe que nos suxire unha radio ben sintonizada: a melodía soa ben, a persoa coidadora “está na onda” e percibe con nitidez as mensaxes que o neno ou a nena emite; e a resposta é igual de eficaz. Isto permitirá que a persoa menor de idade poida desenvolver empatía e autonomía, tan necesarias para a vida en sociedade. A medida que vai crecendo, non lle supoñerá un esforzo unirse intimamente a outras persoas e non sentirá continuamente un ameazante medo ao abandono.
 
En contraposición, o apego inseguro é o resultado da relación con persoas coidadoras que non poden sintonizar emocionalmente coas persoas menores de idade nin poden atender as súas necesidades. Neste contexto, durante as primeiras etapas da vida experiméntase a vivencia de non ser persoas dignas de ser amadas nin coidadas e de que o mundo é un lugar inseguro e hostil que non lles poderá achegar o que necesitan.
 
Tipos de apego inseguro:
  • Ambivalente
  • Evitativo
  • Desorganizado
Os distintos tipos de apego construídos durante a primeira infancia pódennos orientar en gran medida sobre como se desenvolverán os procesos relacionais durante o resto da vida. Deste xeito, os mozos e as mozas con modelos seguros van resolver mellor a tarefa de conseguir autonomía emocional con respecto ás persoas adultas coidadoras e previsiblemente terán tamén un mellor desempeño nas relacións amigables e afectivas.
 
As persoas adolescentes preocupadas-ambivalentes e as autosuficientes-evitativas mostran máis dificultades relacionais, maior desaxuste emocional e comportamental.
 
A adolescencia é un momento de grandes transformacións cognitivas, emocionais e sociais que van ter unha repercusión directa sobre os procesos de apego. O xurdimento do pensamento formal vai permitir razoar cunha maior complexidade sobre as súas relacións coas figuras de apego, xa sexa para pensar alternativas, para comparalas con outras persoas adultas ou ben para desidealizalas ou contemplalas de forma máis realista. Este é o momento no que a túa filla ou o teu fillo adolescente te baixan do pedestal!
 
13.jpg 
  
A comunicación tamén adoita modificarse desde a puberdade. Nesta etapa, as mozas e os mozos falan con menor espontaneidade sobre os seus asuntos, as interrupcións son máis habituais e a comunicación faise menos fluída. Ademais, as discusións e os conflitos entre as persoas adultas de referencia e as mozas e mozos pasan a estar moi presentes na vida cotiá da familia.
 
A persoa adolescente comeza a vivir, nun novo escenario, a necesidade de activar o sistema de apego e o sistema de exploración. Como ocorría nos primeiros anos da infancia, neste momento evolutivo mostrarán maior tendencia á exploración se senten que as persoas adultas significativas están dispoñibles e que lles mostran o seu apoio.
 
Estudos científicos reflicten que as persoas adolescentes con vínculos de apego seguro manexan e transforman os conflitos coas persoas adultas implicándose en discusións nas que ambas as partes teñen a oportunidade de expresar os seus sentimentos e pensamentos e tratan de atopar solucións a estas discrepancias con fórmulas que atenden á súa necesidade de maior autonomía, preservando ao mesmo tempo a boa relación coas persoas adultas significativas. Parece evidente que permite un proceso de distanciamento máis saudable.
 
Se o estilo de apego é inseguro, vivirase un nivel máis alto de tensión na convivencia familiar, a procura de autonomía pode ser considerada unha ameaza para a autoridade das persoas adultas e todas as persoas da familia poden verse afectadas por unha forte carga afectiva froito dos conflitos e desacordos.
 
Cando o tipo de apego é evitativo ou autosuficiente, frecuentemente as discusións resólvense de forma pouco produtiva, dificilmente se alcanzan solucións negociadas e a retirada do conflito pode ser a estratexia máis frecuente. Se se reitera esta dinámica, será menos probable poder renegociar a relación parento-filial para atender as novas necesidades de autonomía e, pola contra, poderá haber un maior risco de rexeitar e de cortar a relación coas persoas adultas significativas.
 
As persoas adolescentes cun vínculo preocupado-ansioso poderán implicarse máis frecuentemente en discusións moi intensas e improdutivas, sobredimensionando a vivencia dos conflitos familiares, o que pode entorpecer a resolución de certas tarefas relacionadas coa autonomía persoal se optan pola aparente solución de renunciar a ela.
 
A necesidade das nenas e dos nenos de lograr a aprobación das persoas adultas significativas amplíase, desde a puberdade, ás relacións con iguais. A procura de proximidade e de apoio emocional vai trasladándose ás relacións de amizade, mentres que seguirán necesitando da base segura que lle proporcionan as persoas adultas para regular a súa ansiedade. As súas amizades convertéronse no centro do seu universo? Este é un cambio moi evidente nesta etapa do desenvolvemento. Esta dobre seguridade (familia e amizades) achegaralles confianza para afrontar situacións novas, como o inicio das relacións de parella.
 
Este proceso de achegamento ao grupo de iguais cumpre tres funcións diferentes. En primeiro lugar, axúdalle ao adolescente a relaxar os lazos coas persoas proxenitoras e a conseguir certa autonomía emocional. En segundo lugar, é unha experiencia en relacións igualitarias que lle vai a preparar o camiño para o comezo das relacións afectivo-sexuais. E, en terceiro lugar, vai permitirlle dispoñer de varias persoas nas que apoiarse, o que pode resultar moi útil en situacións de tensións en que algunha destas figuras puidese non estar dispoñible.
 
14.jpg 
 
Os modelos de apego construídos na infancia tamén van gardar relación cos vínculos que a persoa adolescente estableza cos seus iguais. É importante a relación entre a seguridade no apego e a competencia mostrada nas relacións cos iguais. As persoas adolescentes con estilo de apego seguro móstranse máis cómodas nas interaccións afectivas que teñen un compoñente de intimidade, como as relacións de amizade e as relacións de parella, e son percibidas como máis competentes socialmente: son mellor aceptadas e considéraselles populares.

As persoas adolescentes inseguras adoitan mostrar unhas expectativas negativas con respecto ás demais persoas e unha comunicación distorsionada que as pode levar a manterse afastadas emocionalmente doutras mozas e mozos que poderían chegar a ser amizades significativas, sendo en ocasións percibidas como hostís e distantes. Se presentan un estilo ansioso preocupado, poden mostrar un grande interese por establecer relacións sociais, cun elevado contido emocional relacionado coa intimidade e coa procura de apoio, o que pode levalos a un pobre desempeño.

Parece demostrado que o estilo de apego que se establece durante a infancia evoluciona ao longo da adolescencia cara a un sistema que ten que ver coa autorregulación emocional. E é que, a pesar do aumento da autonomía, os mozos e as mozas seguen necesitando as súas figuras de apego (persoas adultas significativas) para que lles axuden na regulación das súas emocións e na redución da tensión e malestar psicolóxico, sobre todo ao comezo da etapa da adolescencia.

Este momento evolutivo de transición entre a infancia e a adultez, tan importante para a persoa, supoñerá a evolución nas funcións do sistema de apego: da necesidade de protección ante ameazas físicas, á regulación das emocións en situacións de tensión emocional.

A túa filla, o teu fillo, SEGUE NECESITÁNDOTE para que o acompañes nos novos retos que lle presenta a vida, para que lle axudes a acougar, a desenvolver a súa autoconfianza, a alegrarse cos seus logros e a acompañalo na dor dos seus desenganos. ​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020