Petiscos saudables para levar

Tempo estimado de lectura: 4 min 30 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

Este verán, coida da túa saúde cando saias á praia, á piscina ou de picnic. Hai moitas opcións de petiscos que son ao mesmo tempo prácticos, frescos e saborosos: froita xa cortada, bocadiños integrais ou brochetas frías. Leva unha neveira pequena, mantén os alimentos frescos e goza dun verán saboroso e saudable.

Petiscos saudables para levar: ideas para un verán saboroso, fresco e sen complicacións

O verán é tempo de gozar: praia, piscina, campo, camiñadas, concertos, actividades ao aire libre… A vida faise máis social e improvisada, e tamén cambian os nosos horarios e hábitos alimentarios. Picamos máis fóra da casa, compartimos tapas ou petiscos, e ás veces esquecemos coidar o que comemos.

Por iso, propoñémosche unha selección de ideas sinxelas, saborosas e saudables para levar contigo a calquera parte: á praia, a unha excursión ou a un picnic coas amizades ou coa familia. Comida que te coida e que tamén gusta!

Que debe ter un petisco saudable?

Un bo petisco para levar debe cumprir tres características:

  • Nutritivo: que achegue proteínas, graxas saudables, fibra, vitaminas ou minerais.
  • Fácil de transportar: idealmente que non requira cubertos ou moito manexo.
  • Resistente ao calor: ou que se poida conservar nunha neveira portátil sen riscos.

Consellos para levar e conservar os petiscos

  • Emprega neveiras portátiles ou bolsas isotérmicas con placas de frío para conservar ben os alimentos.
  • Escolle envases herméticos e mellor se son reutilizables, para evitar perdas ou contaminación.
  • Evita alimentos moi perecedoiros (como maionesa, cremas con leite ou carnes crúas) se non tes forma de mantelos fríos.
  • Lava e prepara os alimentos na casa con boa hixiene e non reutilices utensilios sen lavar.
  • Leva servilletas, toalliñas húmidas ou xel desinfectante para manter as mans limpas se comes ao aire libre.

Ideas de petiscos saudables para levar contigo

  • 1. Brochetas de froita fresca
  • Combina anacos de sandía, melón, uvas, kiwi ou froitas vermellas. Refrescantes, doces e cheas de auga e fibra. A presentación en pauciños fai que sexan fáciles de compartir e apetecibles para toda a familia.

  • 2. Froitos secos e sementes
  • Un puñado de améndoas, noces, pistachos ou sementes de cabaza (sen sal nin azucre engadido) dá enerxía e graxas boas. Leva unha ración pequena (unha man) en bolsas herméticas.

  • 3. Iogures ou queixos frescos
  • Se tes neveira portátil, os iogures naturais sen azucre ou queixiños tipo “snack” son unha fonte excelente de calcio e proteína.

  • 4. Compotas caseiras ou batidos
  • Podes preparar compota sen azucre ou batidos de froita natural con iogur e levalos nun bote térmico. Unha sobremesa ou merenda perfecta.

  • 5. Augas aromatizadas ou infusións frías
  • Non esquezas a hidratación: leva contigo sempre auga fresca. Podes darlle un toque cunhas follas de menta, anacos de limón ou froitos vermellos.

  • 6. Tupers de hummus con crudités
  • O hummus (crema de garavanzos) é fonte de proteína vexetal e graxas saudables. Acompáñao con bastóns de cenoria ou pepino.

  • 7. Bocadiños integrais con aguacate ou peixe azul
  • Podes preparar minibocadillos ou wraps con pan integral e recheo de aguacate, sardiñas en conserva (ao natural ou en aceite de oliva), queixo fresco ou vexetais asados.

  • 8. Roliños vexetais
  • Emprega follas grandes de leituga, repolo ou tortillas integrais para envolver mesturas de arroz, legumes, vexetais ou atún. Leves, saborosos e sen cubertos.

  • 9. Ensaladas frías completas
  • Pasta integral, arroz, lentellas, cuscús ou quinoa combinados con vexetais, froita (como mango ou mazá), froitos secos e algo de proteína (ovo, atún, queixo…). Lévaas en tupers ben pechados.

Saír da rutina non significa deixar os hábitos de lado. Apostar por petiscos saudables é unha maneira intelixente de manter unha boa alimentación tamén fóra da casa, sen renunciar ao pracer nin ao sabor.

Con planificación, creatividade e uns poucos recursos, podes converter cada saída nun momento delicioso e saudable!

 


A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020