Non só no entroido... deixa que os teus fillos/as se disfracen en calquera momento

Tempo estimado de lectura: 3 min


Disfrazarse é un dos xogos favoritos dos nosos fillos/ as. A través dos disfraces e dos personaxes que representan, poden ensaiar diferentes papeis, distintas emocións e sentimentos, ver o mundo desde outro punto de vista e facer cousas que probablemente non poderían levar a cabo noutras situacións.
 
Non é necesario esperar a Entroido. Ten en conta que o xogo con disfraces cumpre un importante labor pedagóxico nos ámbitos social, afectivo-emocional, cognitivo e psicomotor. Os nosos nenos e nenas desenvolven o xogo simbólico, é dicir, “xogan a ser” dando vida á súa imaxinación e creando situacións nas que adquiren certos roles e mesmo, por que non, responsabilidades.
 
Escondidos baixo o seu disfrace, vense libres para expresar os seus sentimentos. Ten en conta que mesmo algúns pediatras utilizan nas súas terapias este divertido xogo de disfraces e recoméndanlles aos pais que xoguen cos seus fillos e fillas.
 
Disfrazarse obriga os menos e nenas a experimentar coa linguaxe, o vocabulario e a linguaxe corporal. Teñen que anticiparse ao que diría o personaxe ao que interpretan, practicando e experimentando con palabras e frases que non usan normalmente, revisando todo o que oíron e pensando como poden usalo.
 
Disfrazarse non ten regras e non entende de modas. Déixalles á man a roupa vella, luvas, chapeus, toallas ou todo aquilo que xa non che valla, para que o aproveiten e o integren nos seus xogos. Ademais… encantaralles disfrazarse de ti!
 
Iso si, aposta por disfraces que transmitan mensaxes positivas.
 
A súa imaxinación é o límite! Déixalles que a exploren ao máximo!
 
Xanela-aberta-a-familia_disfraces.jpg
 
Disfrazarse é un xogo moi divertido que ten múltiples beneficios:
 
  • Facilita a empatía
  • Fomenta a creatividade
  • Estimula a intelixencia e o desenvolvemento do vocabulario
  • Libera tensións
  • Aumenta a súa confianza
  • Facilita o pensamento simbólico
  • Potencia a imaxinación
  • Fomenta o desenvolvemento emocional
  • Mellora as habilidades comunicativas
  • Desinhibe 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020