O coidado dos dentes, da lingua e das encías mediante un cepillado regular con pasta dental fluorada e o control da inxesta de azucre libre, fai que os nenos teñan unha boca sa. Unha boa saúde bucodental permite realizar funcións básicas como comer, falar ou respirar e facilita a interacción social, mellorando o estado de ánimo e a autoconfianza derivada da estética dental.
Unha hixene oral inadecuada provoca enfermidades bucodentais como a carie ou a xinxivite, pero tamén facilita a multiplicación de bacterias que pasan directamente ao torrente sanguíneo, podendo provocar ou agravar enfermidades cardiovasculares, pulmonares, diabetes ou mesmo o cancro.
A carie dental é a enfermidade crónica mais prevalente na idade preescolar. O 40% dos nenos de 5 anos presentan cavidades nos dentes como consecuencia da chamada “carie da primeira infancia”, pese a ser unha enfermidade prevenible. Un neno con carie nos seus dentes de leite será, se non se modifica o seu estilo de vida, un neno con carie nos seus dentes definitivos e, no futuro, un adulto con múltiples tratamentos dentais, coas consecuencias físicas, psicolóxicas, emocionais e económicas que isto implica.
A carie provoca a destrución gradual dos tecidos dentarios (esmalte e dentina). As bacterias presentes na boca, o mesturarse cos alimentos que conteñen azucre, segregan ácidos que ao estar en contacto coa saliva forza o descenso do PH no medio oral, obrigando así á disolución dos minerais presentes nas pezas dentais (calcio e fosfatos). Se isto ocorre de maneira puntual, os propios mecanismos de defensa da saliva son capaces de repoñer a perda de minerais. Sen embargo, se se mantén unha inxesta constante de alimentos ricos en azucres, as barreiras xeradas pola saliva non serán suficientes para evitar a carie. Por isto, desaconséllanse de maneira especial os azucres entre comidas, e de aí a importancia de incorporar merendas saudables na escola.
Co obxectivo de aprender a identificar e reducir os azucres ocultos dos produtos máis consumidos pola poboación infantil, a odontóloga Lucía Fernández Ascariz e a hixienista dental Mónica Montoto Vázquez da Unidade de Saude Bucodental do Centro de Saude de A Estrada, reuníronse con todos os representantes dos centros escolares do concello para abordar a organización dos tacos que leva a rapazada á escola para os recreos da mañá. Desta reunión xurdiron as charlas “Prevención da carie en dentes de leite” impartidas nas escolas do concello pola hixienista dental Mónica Montoto Vázquez, coa colaboración da nutricionista Paula Mariño ao longo do ano 2024. A elas asistiron tanto o profesorado como os/as familiares. Deste xeito, contribúese a establecer o chamado Fogar dental que resulta da interacción entre os pais, nais, profesionais sanitarios e todos os ambientes que rodean á rapazada dentro dos cales están as escolas. Tal e como recomenda a Sociedade Española de Odontopediatría “Crear o Fogar dental nas idades temperás supón unha oportunidade para xerar hábitos e rutinas saudables que reducirán o risco e a exposición a desarrollar patoloxías dentais durante toda a vida”.
Os centros participantes foron os seguintes:
- CEIP O Foxo o 14 de Maio ás 18:00h
- CEIP de Figueiroa o 5 de Xunio ás 16:30h
- CEIP Manuel Villar Paramá o 17 Setembro ás 17:00h
- CEIP Plurilingüe de Oca o 6 Setembro ás 12:00h
- CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes o 18 Xunio ás 16:30h
- CEIP Cabada Vázquez de Codeseda. Dúas charlas: A primeira o 5 de setembro ás 12:00 para o grupo de infantil e a segunda para tódolos alumnos, pais e nais de todo o centro escolar o 17 setembro ás 18:00 h.
- CEIP Pérez Viondi (aínda pendente)