Prevención de accidentes e primeiros auxilios

Tempo estimado de lectura: 4 min

Os cativos e cativas da casa non paran. Explórano todo, sóbense a todas partes e poden sofrer accidentes, tanto na casa como na rúa.
 
En Europa as lesións non intencionadas ou accidentes representan a primeira causa de morte na infancia. Por iso é tan importante evitar aquelas situacións que supoñen un perigo maior para os nosos fillos e fillas.
 
Desde os seus xoguetes, ata os mobles e obxectos da casa, calquera elemento do fogar ou das nosas saídas pode converterse nun risco.
 
51.jpg 
 
Lembra
 
Debemos evitar aquelas situacións que supoñen un perigo maior para os nosos fillos e fillas.
  • Dalle xoguetes adecuados para a súa idade, evita obxectos pequenos ou desmontables.
  • Non deixes visibles os enchufes e protéxeos.
  • Vixía que o neno ou nena non estea preto mentres pasas o ferro.
  • Para cociñar, usa os queimadores interiores e pon o mango do cazo ou da tixola cara a dentro sen que sobresaian.
  • Retira do alcance de nenas e nenos os produtos de limpeza do fogar, nunca os gardes en botellas ou envases de auga ou refrescos.
  • Evita os produtos de limpeza con forma, cor e olor atractivos para os nenos e as nenas.
  • Garda os medicamentos baixo chave.
  • O neno ou a nena debe viaxar no asento traseiro do coche convenientemente suxeito.
  • Non deixes ao alcance do neno ou da nena obxectos pequenos: moedas, botóns…
  • Evita que as nenas e os nenos usen bolsas de plástico como xoguetes.
  • Un neno ou unha nena no baño é un perigo, pois poderían escorregar e golpearse ou afogarse. Precisan da vosa atención.
  • Vixía a nenas e nenos cando estean preto dunha piscina.
  • Coida de que non estean ao seu alcance coitelos, tesoiras e outros elementos cortantes.
A prevención de lesións infantís non é posible sen a colaboración das persoas que están na contorna de nenos e nenas, tanto pais, nais, como avós, avoas, coidadores… É dicir, calquera persoa que lles dedica o seu tempo debe ter as habilidades e coñecementos para garantir a súa seguridade e poder reaccionar ante determinados problemas no caso de que ocorran.
 
Unha actuación rápida e idónea por parte dunha persoa adulta pode axudar a mellorar o prognóstico do neno ou da nena e, mesmo, salvar a súa vida. É importante saber que hai que facer, pero tamén que non hai que facer ante accidentes como caídas, queimaduras, golpes, intoxicacións e atragoamentos.
 
A Asociación Española de Pediatría (AEP) en colaboración coa Fundación Mapfre teñen publicada unha GUÍA PARA PADRES SOBRE LA PREVENCIÓN DE LESIONES NO INTENCIONADAS EN LA ETAPA INFANTIL
 
A caixa de primeiros auxilios da casa Que debe de conter?
 
En xeral, o mínimo imprescindible, elementos comúns, prácticos, que resolvan con facilidade pequenos incidentes que ocorren no domicilio ou nas saídas (viaxes, excursións…). Non é cuestión de ter unha farmacia ou un cuarto de urxencias en miniatura.
52.png 
 
É necesario facer revisión das datas de caducidade dos medicamentos cada certo tempo e evitar gardar fármacos de tratamentos anteriores. No punto SIGRE das farmacias podedes entregar os medicamentos: os caducados, os sobrantes de tratamentos anteriores, as caixas dos mesmos e os envases baleiros ou con restos.
 
Os e as profesionais da pediatría do Hospital I​nfantil Universitario Niño Jesús co patrocinio do Banco de Santander teñen elaborada unha GUÍA PRÁCTICA DE PRIMEROS AUXILIOS PARA PADRES​.

 
Tan importante é a prevención como saber prestar primeiros auxilios

Os nenos e as nenas non teñen conciencia do perigo

Teñámola nós por eles!​​​​​ ​
 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020