Preguntas frecuentes sobre a vacinación infantil

Tempo estimado de lectura: 9 min


As respostas ás seguintes preguntas serven de xeito xeral. Se ten dúbidas ten que consultar sempre co seu profesional sanitario asignado

Que pasa se o meu fillo está enfermo?
Hai moi poucas razóns médicas para atrasar a vacinación: os bebés e nenos e nenas con tose ou arrefriado leve ou os que toman antibióticos poden vacinarse de forma segura e eficaz. Máis se o seu fillo ten febre alta, debe atrasarse a vacinación ata que estea mellor.

Que pasa se a miña filla foi prematura, tivo baixo peso ao nacer ou ictericia?
En xeral, os bebés prematuros deben vacinarse con normalidade e é importante protexelos adecuadamente pois son máis vulnerables. É máis, pola súa prematuridade recoméndase poñer algunha vacina adicional. Se o seu bebé tivo un peso moi baixo ao nacer, debe consultar co seu pediatra. Os bebés que tiveran ictericia despois de nacer e aqueles que están en lactación materna, deben vacinarse normalmente.

Que pasa se o meu fillo ten unha enfermidade grave?
É moi importante que os nenos e nenas con enfermidades graves sexan vacinados/as, xa que as complicacións en caso de sufrir a enfermidade, son moito maiores se non están vacinados/as. Nenas e nenos con parálise cerebral ou síndrome de Down, deben vacinarse con normalidade, dado que son máis vulnerables.
Hai que ser moi coidadosos cos nenos e coas nenas que teñen unha enfermidade ou un tratamento que lles reduza a súa inmunidade. Neste caso, consulte co seu pediatra ou profesional de enfermería.
No caso de ter recibido algunha transfusión sanguínea, débese atrasar a vacinación coa vacina tripla vírica. O seu profesional sanitario de referencia indicaralle cando poñer dita vacina.

Que pasa se o meu fillo ten asma, eczema ou alerxias?
Estes nenos e nenas deben recibir as vacinas do calendario infantil de vacunación, incluso se teñen unha alerxia grave ao ovo. Unicamente as nenas e os nenos que desenvolvan un shock anafiláctico cando están en contacto co ovo deben evitar a vacina triple vírica.
O feito de que ao seu fillo non lle guste o ovo ou teña diarrea ou dor de estómago despois de comer ovo, non é motivo para deixar de vacinalo e pode facelo sen ningunha precaución especial.
A vacina fronte á gripe non debe administrarse aos nenos e ás nenas con alerxia grave ao ovo.
Os nenos e as nenas que toman corticoides por inhalación (para o asma) ou se lles aplica nunha crema a dose baixa (para o eccema) se vacinarán normalmente. Ante calquera dúbida consulte co seu pediatra ou profesional de enfermería.

Que pasa se o meu fillo ten epilepsia o tivo convulsións?
Poderán vacinarse se a súa enfermidade está estabilizada.
Nenos e nenas con antecedentes familiares de epilepsia ou convulsións poden vacinarse con normalidade.
Algúns nenos e nenas poden sufrir convulsións febrís, polo que se o seu fillo ten febre moi alta (máis de 39,5 oC) despois de ter sido vacinado, pode utilizar paracetamol ou ibuprofeno.

Que pasa se a miña filla tivo unha cirurxía recente ou vai tela?
Ter tido unha cirurxía non é razón para atrasar a vacinación e unha vacinación recente non é razón para atrasar a cirurxía.

Que pasa se o meu fillo xa tivo unha das enfermidades fronte ás que se vai a vacinar?
Debe vacinar ao seu fillo a pesares de saber que xa tivo a enfermidade. No caso da varicela, consulte co seu pediatra.
É importante estar protexido xa que en nenos e nenas de curta idade, a inmunidade que producen as enfermidades como infeccións polo Haemophilus Influenzae tipo B (Hib), meningococo e pneumococo non é suficiente.

Pode o meu fillo ser vacinado aínda que conviva cunha embarazada?
Non hai problema. De feito, vacinar a nenos e nenas, protexerá á sua convivente embarazada de sufrir enfermidades como a rubéola.
No caso de vacinarse fronte a varicela, se o neno ou a nena presenta lesións na pel, debe restrinxir o contacto coa embarazada.

Algúns nenos ou algunhas nenas necesitan outras vacinas?
Si aos nenos e ás nenas que se lles extirpou o bazo, teñen fibrose quística, unha deficiencia inmunitaria, enfermidade cardíaca, pulmonar ou hepática crónica, anemia de células falciformes ou outras enfermidades como a diabetes, deben consultar co seu persoal sanitario de referencia, por si precisarán algunha vacina complementaria.
Recorde que si viaxa a outro país debe consultar por se vostede ou o seu fillo ou a sua filla precisan vacinas especiais.
221.jpg 
 
Está ben atrasar a vacinación?
Algúns pensan que atrasar as vacinas ou espazalas (deixar máis tempo entre unha dose e a seguinte) ou separalas (poñelas de unha en unha sen xuntalas na mesma inxección ou na mesma visita) ten beneficios, sobre todo para o desenvolvemento neurolóxico ou para outras cuestións.
O anteriormente exposto, non é certo e así o amosan estudos recentes. Entre outras cuestións, analizouse o grao de estrés que supón para un neno ou unha nena recibir máis dunha inxección nunha mesma visita e viuse que este non aumenta.
Atrasar as vacinas aumenta o tempo durante o cal o neno ou a nena está a maior risco de contraer enfermidades que poden ser moi graves, sobre todo en nenos e as nenas de curta idade.
Os calendarios de vacinación infantil baséanse no mellor coñecemento científico actual. O momento ideal para que nenos e nenas reciban unha vacina determínase tendo en conta o maior risco de contraer a enfermidade e o momento en que a vacina terá máis efectividade. Por outra banda, cambiar o calendario implica máis consultas co profesional sanitario. Por todo isto, non hai razóns para atrasar a administración de vacinas nun neno ou unha nena san.

Que debo facer se a vacinación do meu fillo se atrasou?
O importante é retomar a vacinación canto antes para reducir ao máximo o tempo que o seu fillo estea desprotexido ou non completamente protexido.
En xeral, non é preciso repetir ningunha dose ou iniciar de novo a vacinación fronte a ningunha enfermidade. Pode ser adecuado reducir o tempo entre unha dose e a seguinte, respectando sempre o intervalo que hai que deixar entre as diferentes doses dunha mesma vacina . Existen calendarios acelerados que poden ser adecuados para o seu fillo. Pregunte ao seu profesional sanitario de referencia.

Son os calendarios de vacinación iguales en todas as Comunidades Autónomas?
Os calendarios de vacinación infantil son moi parecidos entre as diferentes Comunidades Autónomas (CCAA), con algunha pequena modificación segundo as diferentes situacións epidemiolóxicas ou políticas de vacinación. Por exemplo, Cataluña, Ceuta e Melilla inclúen a vacina fronte á hepatite A e algunha CCAA inclúe a vacina fronte a Meninxite B. Tamén hai pequenas diferencias nas idades de vacinación dalgunha vacina infantil.
Por outra banda, a Asociación Española de Pediatría recomenda ampliar a vacinación con algunhas vacinas que non están incluídas nos calendarios de vacinación infantís de forma xeneralizada. Estas vacinas non están financiadas polo sistema público.
Estas son:
  • Vacina fronte ao rotavirus: non se financia salvo nos casos de nacementos prematuros (menos de 32 semanas de xestación). En Galicia recomendase a administración desta vacina en nenos e nenas que nacen prematuramente e neste caso é gratuíta.
  • Vacina fronte a meninxite B: En Galicia, esta vacina está indicada para nenos e nenas de risco e neste caso é gratuíta.
  • Vacina fronte ao VPH para nenos e nenas. En Galicia está indicada nas nenas e en certos adultos homes con determinadas situacións de risco.
Galicia segue sempre as indicacións e recomendacións que se consensúan entre todas as CCAA baixo a coordinación do Ministerio de Sanidade.

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020