A saúde bucodental no embarazo

Tempo estimado de lectura: 2 min 30 sg


Durante a xestación prodúcense cambios fisiolóxicos que favorecen a aparición de patoloxía bucodental, como xenxivite gravídica, que pode agravar ou desencadear unha enfermidade periodontal. Tamén, nalgúns casos, pódese producir o agravamento de enfermidades periodontais e carie por aparición de factores que predispoñen a isto e que se poden dar durante a xestación.

O primeiro trimestre é o período máis seguro para realizar o coidado dental rutineiro. Hai que poñer énfase no control das enfermidades activas e eliminar os problemas potenciais que poderían aparecer ao final da xestación ou no posparto inmediato, xa que pode ser difícil realizar un coidado dental nestes períodos.

A embarazada debe procurar manter unha boa hixiene bucodental para o cal fará emprego do cepillado dental, hixiene interproximal coa seda dental e os cepillos interproximais. Ademais, realizarase un control profesional da placa como método capaz de controlar a carie e a xenxivite, para evitar a perda do soporte periodontal nas xestantes.

Durante esta etapa, realizarase unha visita á unidade de odontoloxía e saúde bucodental en cada trimestre, independentemente do tratamento dos procesos agudos odontolóxicos que puidesen xurdir.

71. A saúde bucodental no embarazo.jpg 
 
 
Actualmente, en Galicia as prestacións do Programa de saúde bucodental en atención primaria no embarazo son as seguintes:
  • Actividades preventivas:
    • Exploración preventiva da cavidade oral.
    • Educación para a saúde bucodental.
  • Tratamento de procesos agudos odontolóxicos, incluída a exodoncia.
  • Cirurxía oral. Aquela que non pode ser realizada nas unidades de odontoloxía e saúde bucodental de atención primaria, pola súa complexidade ou polos especiais requisitos que comporta, lévase a cabo nos servizos de cirurxía maxilofacial.
  • Limpeza con ultrasóns nas mulleres xestantes nas que exista indicación.
  • Exclúese:
    • Grandes reconstrucións.
    • Traumatismos dentais.
    • Tratamento en casos de afectación pulpar. ​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020