A alimentación saudable no embarazo

alimentación-sana-embarzo.png 
 
Un estado nutricional óptimo é determinante para afrontar os cambios do organismo materno, para permitir un adecuado desenvolvemento tanto do feto como do lactante e para promover un idóneo crecemento e maduración en etapas futuras da vida.
 
Alimentarse ben é mais fácil do que parece. Non son necesarias pautas complicadas, nin fórmulas máxicas. Tan só sentido común e aplicar algúns dos consellos sobre alimentación saudable que che daremos.

Lembra que os períodos da xestación e a lactación constitúen unha excelente oportunidade para mellorar e consolidar os teus hábitos alimentarios saudables para o futuro. A familia é a primeira escola de saúde!

Un estado nutricional óptimo é imprescindible para afrontar os cambios do organismo materno e para permitir un adecuado desenvolvemento tanto do feto, como do lactante.
 
Unha dieta sá​ é un factor que favorece o nacemento “a término” e o peso axeitado do bebé. Ademais, a capacidade para acadar un máximo potencial físico e intelectual na idade adulta ven determinada, en parte, pola alimentación seguida durante o período fetal e o primeiro ano de vida. 
 
Nas primeiras semanas de embarazo, o embrión obtén os seus nutrientes das células maternas. Na cuarta semana, xa se ten formado unha placenta primitiva de tecido embrionario no útero materno. Nunhas cantas semanas mais, a placenta converterase nun órgano totalmente operativo a través do cal a nai proporcionará nutrientes ao feto.

Durante o primeiro trimestre, as células diferéncianse e divídense rapidamente para formar os distintos tecidos. O feto é especialmente sensible ás carencias de nutrientes, á toxicidade e aos posibles teratóxenos!

É propio do segundo trimestre o crecemento e desenvolvemento continuo das estruturas corporais, dos órganos e dos sistemas.

O terceiro trimestre é un período de intenso crecemento e desenvolvemento, especialmente dos pulmóns e do cerebro do feto.
 
Do mesmo xeito que noutras etapas da túa vida, durante o embarazo a dieta debe ser saudable, variada, equilibrada, segura, suficiente e sostible, o que vai permitir unha axeitada absorción de nutrientes ao longo do día. Lembrade que a demanda de moitos deles pode aumentar ata o dobre dos requirimentos basais. Polo tanto, a calidade nutricional da dieta debe garantir ditas necesidades. O embarazo non é o momento indicado para realizar restricións dietéticas!
 
RECORDA!

Un patrón alimentario saudable dende a etapa periconcepcional ata o primeiro ano de vida é imprescindible para:
  • A nai porque favorece un óptimo estado de saúde, evitando problemas tanto a curto como ao longo prazo (anemia, obesidade, alteracións metabólicas...).
  • O bebé porque cubre as necesidades nutricionais e favorece:
    • Unha axeitada formación de tecidos
    • O desenvolvemento neurolóxico
    • O crecemento e a remodelación ósea
 Baixa o risco de:
  • Defectos de nacemento
  • Problemas no desenvolvemento fetal
  • Problemas metabólicos tanto a medio como a longo prazo

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020