Educación emocional e autorregulación

6 de Xullo de 2022
Tempo estimado de lectura: 4 min

No artigo “La educación emocional, un nuevo lenguaje”, propoñíase que a correcta identificación de emocións é a base sobre a que se van construír outras moitas habilidades emocionais, como a empatía, a autoestima, a regulación ou a resolución de conflitos. Se lle axudas ao teu fillo ou filla desde unha idade temperá a facerse cun rico vocabulario emocional interiorizarao coa facilidade da infancia para aprender cousas novas, e isto axudaralle a coñecerse mellor e a aprender a xestionar as súas emocións a medida que vaia crecendo.

Ao mesmo tempo que acompañas o teu fillo ou filla no proceso de identificar, diferenciar e nomear as emocións, tamén te dás conta de que xorde a necesidade de ensinarlle como xestionalas, como regularse, para que esa emoción que sente a poida expresar dunha forma positiva para si e para a súa contorna.
10.jpg 
 
Para seguir ampliando a nosa caixa de ferramentas de educación emocional, coñezamos a diferenza entre emoción e sentimento. A emoción é unha activación corporal, e as básicas son: sorpresa, tristeza, desprezo, medo, ira, alegría e noxo. Son universais, aféctannos a todas as persoas (e a outros mamíferos) e podémolas recoñecer facilmente. O sentimento, por outra banda, abarca moitas posibilidades, xa que engade matices ás emocións básicas, por exemplo pudor, vergoña, aburrimento, sorpresa, sentirnos inferiores ou superiores a outras persoas, arrepentimento, indiferenza.

Lémbrovos que, como en todo aprendizaxe, o voso fillo ou filla vai tomarvos de exemplo, así que preparádevos para ser o seu mellor influencer emocional. Todo o que se interioriza como “AUTO…” previamente foi aprendido e acompañado: a mirada amorosa da persoa adulta significativa será a base da AUTOestima e do AUTOconcepto positivo. O acompañamento na regulación das emocións dará lugar á AUTOrregulación
 
11.jpg 
 
Proposta para acompañar na aprendizaxe da autorregulación emocional:
  • Ante a expresión emocional da persoa menor de idade, escoitar e validar. “Vexo que estás triste” “Doume conta de que vés enfadada” “Enténdoo” “Que momento tan difícil” “Respira” “Pero que boa noticia, que alegría!” “Estou aquí para ti, cóntame”. Se é necesario, é o momento de usar “preparando o arco iris”. Dedicar a este punto todo o tempo necesario ata que se acougue un pouco, diminúa a intensidade e poida estar receptiva á reflexión. Aos poucos, desenvolverá a súa capacidade de autocontrol.
  • Ordenar a información, pedir detalles, e axudarlle a que poida reflexionar e ver algo que antes non vía: como sentiu, que necesitaba, cal foi a súa responsabilidade e a das outras persoas, cal foi o seu comportamento, valorar se foi adecuado para si mesma e para as demais persoas. Podes utilizar “a lupa para detectives”.
  • Se todo estivo ben, felicitar pola boa xestión. Se hai algo mellorable, preguntarlle que pode facer para sentirse mellor, para atender ao que sente, para mostrar empatía cara á outra persoa, para respectarse a si mesma e ás demais implicadas. Que alternativa diferente poderá probar máis adiante. “Acéndeseme a lámpada”.
  • Valorar positivamente a decisión de expresar os seus sentimentos, resaltar o que fixo ben, e sinalarlle que ti vas seguir ao seu lado para ensinarlle e para axudarlle a que se sinta ben. “A medalla ao traballo ben feito”.
Coa aplicación desta guía sinxela, daraste conta de que a túa filla ou o teu fillo irá desenvolvendo a tolerancia á frustración, o control da impulsividade e a capacidade de diferir recompensas. Serán ferramentas útiles e eficaces, superpoderes que podes regalarlles para enfrontarse á vida, achegándolles tranquilidade e relacións satisfactorias coas demais persoas.

Yudit González Núñez
Psicóloga Coordinadora do Programa Integración Familiar de Meniños en Ourense

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020