Dispositivos susceptibles de liberación de nicotina (DSLN)

Tempo estimado de lectura: 6 min 30 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

En España o tabaco continúa a ser unha das principais causas de morte prevenibles, estando relacionado con múltiples enfermidades crónicas como as enfermidades cardiovasculares e diferentes tipos de cancro como o de pulmón, orofarinxe, vexiga, ou colon, entre outros.

Segundo datos da Enquisa de Saúde de España e da Enquisa de Orzamentos Familiares 2023 publicados en maio de 2025, o 19,2 % das persoas de 15 anos ou máis é fumadora (20,2% dos homes e 13,3% das mulleres), das cales o 16,6 % consome tabaco a diario. Na poboación moza, as novas formas de consumo de tabaco mediante cigarros electrónicos (vapers) ou outros dispositivos novidosos están a aumentar e o seu uso e distribución poñen en risco a saúde neste grupo de poboación1,2,3.

Segundo os últimos datos publicados pola Enquisa sobre Uso de Drogas en Ensinanzas Secundarias (ESTUDES) no ano 2025, obsérvase unha evolución positiva no consumo de tabaco entre a poboación adolescente. A porcentaxe de alumnado que fumou algunha vez na vida descende ata o 27,3 %, e o consumo diario redúcese ata o 4,3 %, manténdose a idade media de inicio arredor dos 14 anos. Non obstante, o uso de cigarros electrónicos continúa a ser elevado: case a metade do estudantado de 14 a 18 anos probounos algunha vez, aínda que se rexistra un descenso respecto a 2023. Paralelamente, aumenta de forma notable a percepción do risco asociado ao seu consumo, o que podería contribuír a futuras reducións. Cando se afonda na idade, distínguense algúns patróns: as mulleres fuman máis ca os homes nas idades máis temperás (14, 15 e 16 anos), inverténdose a tendencia nos grupos etarios de 17 e 18 anos, nos que os rapaces consumen máis esta substancia3.

En Galicia, segundo os datos da enquisa do Sistema de información sobre condutas de risco (SICRI) do ano 2024, detectouse que o 18% dos galegos de 16 anos en diante son fumadores. A prevalencia de consumo é máxima entre os 25-44 anos (26%) e mínima a partir dos 65 anos (7%). Este estudo tamén mostra que os fumadores galegos consomen maioritariamente cigarros. O consumo de tabaco de lear segue aumentando, xa que no ano 2007 era do 2% e en 2024 do 29%. Con todo, o consumo de tabaco de lear é máis frecuente na poboación máis nova; así fuman de lear o 48% dos fumadores de 16 a 24 anos, fronte ao 8% nas persoas maiores de 64 anos. 1 de cada 100 galegos ≥16 anos fuman cigarros electrónicos, uns 26.500 en total, dos que case a metade teñen entre 25 e 44 anos4.

Cigarros electrónicos

Os dispositivos susceptibles de liberación de nicotina (DSLN), tamén coñecidos como cigarros electrónicos ou vapers, defínense, segundo o RD 579/2017, como “un produto, ou calquera dos seus compoñentes, incluídos os cartuchos e o dispositivo sen cartucho, que poida utilizarse para o consumo de vapor que conteña nicotina a través dunha boquilla. Os cigarros electrónicos poden ser desbotables, recargables mediante un contedor de carga, ou recargables con cartucho dun só uso”5.

Nun principio, estes dispositivos presentáronse como ferramentas destinadas a apoiar o cesamento tabáquico e a reducir os danos asociados ao consumo de cigarros convencionais. Porén, a evidencia dispoñible indica que, aínda que algúns fumadores substitúen temporalmente o tabaco por estes produtos, é moi pouco probable que consigan abandonar o consumo a longo prazo. Pola contra, o seu uso pode contribuír ao mantemento da dependencia da nicotina ou incluso favorecer o seu inicio, especialmente entre a poboación nova4,5.

A ampla variedade de sabores e a crenza errónea de que emiten unicamente “vapor” fomentan a percepción de baixo risco e incrementan o seu atractivo. Porén, o que realmente producen non é vapor, senón un aerosol composto por partículas con propiedades potencialmente canceríxenas, como propilenglicol, glicerina, nicotina, aromatizantes, espesantes e metais pesados suspendidos nun gas. Ao inhalarse, estas partículas poden quedar atrapadas nos pulmóns e ocasionar danos tanto a curto como a longo prazo6.

Os cigarros electrónicos son dispositivos que manteñen ou poden xerar un transtorno adictivo. Non se demostro cientificamente que poidan ser unha axuda no proceso de cesamento tabáquica7.

Produtos de tabaco consumidos por quentamento (tabaco quentado)

A diferenza dos cigarros electrónicos, que non conteñen tabaco e utilizan un líquido no seu interior, os produtos de tabaco quentado conteñen tabaco procesado, xa sexa picado ou en po. Estes dispositivos quentan o tabaco a temperaturas inferiores ás da combustión, o que permite a liberación de nicotina e doutras substancias químicas sen que se produza fume visible, xerando no seu lugar un aerosol. Por este motivo, clasifícanse como “produtos do tabaco novidosos”. Non obstante, aínda que se promocionan como alternativas de menor risco, o aerosol que producen contén nicotina e outros compostos tóxicos potencialmente prexudiciais para a saúde, polo que o seu consumo non está exento de riscos8,9.

Pipas de auga (shishas ou cachimbas)

Ademais do cigarro electrónico, observouse un aumento no uso de pipas de auga, coñecidas como shishas ou cachimbas, especialmente entre a poboación nova. Estes dispositivos permiten inhalar fume xerado pola combustión de tabaco aromatizado ou doutras mesturas. Unha sesión pode prolongarse ata 80 minutos, durante os cales un usuario pode realizar entre 50 e 200 inhalacións; en comparación, un cigarro convencional adoita consumirse en 5–7 minutos e supón entre 40 e 75 caladas. Isto implica que a cantidade total de fume inhalado durante unha sesión de cachimba pode equivaler á de aproximadamente 200 cigarros. O seu uso asóciase cun aumento do risco de cancro de pulmón e de esófago, alteracións pulmonares e cardiovasculares, así como diversos danos na saúde bucal8,9.

Snus e novas formas orais de nicotina

Nos últimos anos xurdiron outros produtos que tamén conteñen nicotina sintética e se promocionan como alternativas ao non requiriren combustión nin xerar aerosol. Entre eles atópanse os denominados snus, unhas pequenas boliñas de tabaco tradicionalmente comercializadas en Suecia, que se colocan entre a enxiva e o beizo superior e cuxo uso está prohibido no resto da Unión Europea. Por outra banda, xurdiron novas formas orais coñecidas como nicotine pouches ou “bolsiñas de nicotina”. A súa venda en España non está autorizada pero tampouco prohibida, xa que non están reguladas nin clasificadas entre os produtos do RD 579/201710.

Estas bolsiñas conteñen sales de nicotina xunto con substancias como celulosa microcristalina, carbonato de sodio, ácido cítrico e diversos aromatizantes, e adminístranse directamente a través da mucosa oral. Poden acadar concentracións elevadas, rexistrándose ata 47,5 mg de nicotina por unidade. Os estudos dispoñibles indican que aproximadamente a metade desta cantidade pode absorberse, acadando niveis en sangue comparables aos obtidos tras o consumo de cigarros convencionais, e incluso superiores no caso das presentacións de alta dosificación. A súa cinética de absorción é semellante, o que suxire un potencial adictivo equiparable.

A pesar de non conter tabaco, nalgunhas unidades detectáronse nitrosaminas específicas do tabaco, compostos capaces de producir alteracións no ADN e recoñecidos pola Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC) como carcinóxenos10,11.

As tabacaleras e outras empresas atopan nas novas plataformas de medios sociais dixitais un novo espazo de promoción tanto directa como indirecta de produtos relacionados co consumo de tabaco ou inhalación de fume e aerosois, que parece escapar ás regulacións actuais. Estas plataformas poden xerar un novo tipo de consumo aspiracional. Por iso é polo que todos os expertos a nivel internacional inciden na necesidade de analizar de maneira rigorosa a situación actual e contribuír a encher o vacío de datos empíricos sobre estos novos produtos relacionados co consumo de tabaco. Para todos os novos consumos, existe un risco crecente, xa que o seu consumo, especialmente no caso da poboación máis nova, pode ser a porta de entrada ao tabaco e/o outras adiccións, promovendo o risco de xerar adicción á nicotina.

Referencias bibliográficas:

  • Ministerio de Sanidad. Presentación de la Encuesta Nacional de Salud. 2023. Disponible en: https://www.sanidad.gob.es/estadEstudios/estadisticas/encuestaSaludEspana/home.htm
  • Instituto Nacional de Estadística (INE): Encuesta de Presupuestos Familiares (EPF). 2024. Disponible en: https://www.ine.es/dyngs/Prensa/EPF2024.htm
  • Observatorio Español de las Drogas y las Adicciones. Encuesta sobre uso de drogas en enseñanzas secundarias (ESTUDES) 2025 [Internet]. Madrid: Ministerio de Sanidad; 2025 [citado 12 de diciembre de 2025]. Disponible en: https://pnsd.sanidad.gob.es/profesionales/sistemasInformacion/sistemaInformacion/pdf/ESTUDES_2025.pdf
  • Dirección Xeral de Saúde Pública. Sistema de información sobre condutas de risco (SICRI). 2024. Disponible en: https://www.sergas.es/Saude-publica/Documents/8079/NunhaOllada_SICRI-2024.pdf
  • Dirección General de Salud Pública. Ministerio de Sanidad. Gobierno de España. Informe sobre los cigarrillos electrónicos: situación actual, evidencia disponible y regulación [Internet]. Madrid: Ministerio de Sanidad; 2022 [citao 12 de diciembre de 2025]. Disponible en: https://www.sanidad.gob.es/areas/promocionPrevencion/tabaco/profesionales/docs/InformeCigarrilloselectronicos.pdf
  • Ministerio de Sanidad. Hacia nuevos espacios sin humo y sin vapor [Internet]. Madrid: Ministerio de Sanidad; s.f. [citado 12 de diciembre de 2025]. Disponible en: https://www.sanidad.gob.es/areas/promocionPrevencion/tabaco/profesionales/docs/Hacia_nuevos_espacios_sin_humo_digitales.pdf
  • OMS. Questions and answers on electronic cigarettes or electronic nicotine delivery systems (ENDS) 2013. Disponible en: http://www.who.int/tobacco/communications/statements/eletronic_cigarettes/en/ 2013
  • Ministerio de Sanidad. Informe sobre productos de tabaco calentado [Internet]. Madrid: Ministerio de Sanidad; s.f. [citado 12 de diciembre de 2025]. Disponible en: https://www.sanidad.gob.es/areas/promocionPrevencion/tabaco/docs/Informe_productos_tabaco_calentado.pdf
  • Ministerio de Sanidad. Tipos de productos del tabaco [Internet]. Madrid: Ministerio de Sanidad; s.f. [citado 12 de diciembre de 2025]. Disponible en: https://www.sanidad.gob.es/areas/promocionPrevencion/tabaco/docs/Tipos_Productos_Tabaco.pdf
  • Ministerio de Sanidad. Informe sobre nicotine pouches (bolsitas de nicotina) [Internet]. Madrid: Ministerio de Sanidad; s.f. [citado 12 de diciembre de 2025]. Disponible en: https://www.sanidad.gob.es/areas/promocionPrevencion/tabaco/profesionales/docs/NicotinePouches_informe.pdf
  • Ministerio de Sanidad. Nicotine pouches: ficha informativa [Internet]. Madrid: Ministerio de Sanidad; s.f. [citado 12 de diciembre de 2025]. Disponible en: https://www.sanidad.gob.es/areas/promocionPrevencion/tabaco/profesionales/docs/NicotinePouches_ficha.pdf
 


A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020