Falamos de alimentos: A roda de alimentos e a clasificación NOVA

Tempo estimado de lectura: 8 min 30 sg

 
 
RODA DE ALIMENTOS 
 

Falamos 1.jpg 

 
Nesta roda están representados todos os alimentos necesarios para acadar un óptimo desenvolvemento.
 
Están agrupados segundo a función que desempeñan no noso organismo.
 
Lembrade que cómpre incluír alimentos de todos os grupos ao longo do día e que debemos variar tamén entre os alimentos de cada sector.
 
Os distintos tamaños indican a cantidade proporcional que cada un deles deberá achegar á nosa dieta diaria.
Falamos2.jpg 
  
Alimentos dos grupos I e II
 
Son ricos en nutrientes como os carbohidratos e as graxas, que achegan o «combustible» necesario para realizar as actividades do día (xogar, movernos etc.)
 
Falamos 3.jpg 
 
No menú diario dos rapaces non deben faltar os alimentos ricos en carbohidratos complexos como os derivados dos cereais (pan, pasta, arroz) combinados con patacas. Lembrade introducir de cando en vez cereais integrais para que pouco a pouco os vaian incorporando á dieta.
 
Ollo! cos preparados comerciais, pois cunha base de cereais engaden tamén graxas e azucres en exceso.
 
Consultade sempre a etiqueta nestes produtos.
 
Falamos4.jpg

Alimentos dos grupos III e IV

Constitúen unha boa fonte de proteínas, necesarias para medrar correctamente e para ter os ósos e os músculos fortes.

Ademais proporcionan ferro (III) e calcio (IV).

 
 Falamos 5.jpg
O ferro procedente dos alimentos animais como as carnes e os moluscos absórbese moi ben no noso organismo. Para mellorar a absorción do ferro contido nos vexetais, como as lentellas, é importante achegar na mesma comida algún alimento rico en vitamina C. Que vos parece unhas mandarinas para a sobremesa? Procurade garantir a achega de ferro nas nenas adolescentes logo da menarquía!
 
Intentade ofrecer, polo menos, entre 4-5 racións de peixe cada 2 semanas, variando as especies e as preparacións.
 
Lembrade todas as súas calidades nutricionais.
 
O pico de masa ósea adquírese xa na segunda década da vida, por iso é tan importante unha correcta achega de calcio dende a infancia. Este mineral está relacionado coa boa saúde ósea ao longo da vida.
 
Non está xustificado evitar os lácteos na dieta dos rapaces, salvo que exista algunha contraindicación médica. Os alimentos ricos en calcio achegan, ademais, outros nutrientes que favorecen a absorción deste mineral.
 
Ofrecede dúas veces á semana un «prato de culler» con verduras, legumes e cereais
 
 
 Falamos6.jpg
Alimentos dos grupos V e VI
 
Son ricos en vitaminas, minerais, fibra e noutras substancias moi beneficiosas para a saúde.
 
 Falamos 7.jpg
 
Sabiades que regulan moitas funcións do organismo e que poden axudar a previr algunhas enfermidades metabólicas ou cardiovasculares?
 
Asegurádevos da presenza de verduras e froitas en todas as comidas do día e procurade que haxa 2 ou 3 cores diferentes polo menos. Sabiades que cada cor garda diferentes beneficios para a saúde?
 
 
Falamos8.jpg
 

Clasificación NOVA de alimentos

Ademais de clasificar os alimentos en función do seu contido en nutrientes, podémolos agrupar en función da natureza, grao e propósito do seu procesamento, xa que este está relacionado coa saúde.

Case todos os alimentos sofren algún tipo de procesamento, que é necesario na maioría dos casos para chegar ao consumidor final en óptimas condicións. Así e todo, hoxe sabemos que un patrón alimentario rico en alimentos ultraprocesados aumenta o risco de obesidade, de alteracións metabólicas e doutras enfermidades relacionadas coa alimentación.

Para facilitarvos as escollas, achegamos a clasificación NOVA, proposta recentemente e que agrupa os alimentos en función de tipo de procesamento ao que son sometidos:


 Nova 1.jpg
 
Grupo 1. Alimentos non procesados ou minimamente procesados
  • Non procesados: son as partes comestibles das plantas (sementes, froitas, follas, talos, raíces), dos animais (carne, ovos, leite) e os fungos e algas tras ser separados da natureza.
  • Minimamente procesados: son os alimentos naturais alterados por procesos que inclúen a eliminación de partes non comestibles e a tinguidura, moído, fraccionamento, así como a pasteurización, refrixeración, conxelación, envasado e envasado ao baleiro. Estes procesos efectúanse para conservar os alimentos naturais, ou para volvelos seguros, comestibles e pracenteiros para o consumo.
 
Grupo 2. Ingredientes culinarios procesados
 
Son substancias derivadas dos alimentos do grupo 1 obtidos da natureza por procesos de prensado, refinación, moído e secado.
 
Non se usan para ser consumidos sós e empréganse xunto con alimentos do grupo 1 para preparar guisos, sopas e caldos, ensaladas, pans…
 
Son os aceites, a manteiga, o azucre, o sal…
 
Grupo 3. Alimentos procesados
 
A maioría deles teñen dous ou tres ingredientes e pódense recoñecer como versións modificadas dos alimentos do grupo 1.
 
O propósito do seu procesamento é aumentar a durabilidade dos alimentos do grupo 1 ou modificar as súas calidades organolépticas. Inclúense aquí diversos métodos de conservación ou cocción e, no caso de pans e queixos, fermentación non alcohólica.
 
Polo xeral, prepáranse agregando sal, aceite, azucre ou outras substancias do grupo 2 a alimentos do grupo 1.
 
Forman parte do grupo, entre outros, os vexetais envasados e embotellados, o peixe enlatado e as froitas en caldo de azucre, queixos e pans recentemente feitos.
 
Grupo 4. Alimentos ultraprocesados
 
Non son alimentos modificados, senón preparacións feitas na súa maior parte ou completamente de substancias derivadas de alimentos e aditivos, con pouco ou ningún alimento intacto do grupo 1.
 
Conteñen outras fontes calóricas e nutrientes que normalmente non se empregan nas preparacións culinarias. Algúns extráense directamente de alimentos, como a caseína, a lactosa, o soro do leite e o glute. Outros proveñen dun sobreprocesamento dos constituíntes alimentarios, como os aceites hidroxenados ou o xarope de millo rico en fructosa. Habitualmente inclúen tamén aqueles empregados nas comidas procesadas, como azucres, aceites, graxas ou sal.
 
Os produtos ultraprocesados en xeral teñen un envase atractivo, inclúen mensaxes publicitarios que incitan á compra e son altamente palatables e cómodos para consumir en calquera momento e lugar.
 
Forman parte deste grupo, entre outros, as bebidas refrescantes e enerxéticas, os produtos de aperitivo (galletas salgadas, patacas chips etc.), os friames as galletas e bolería industrial, a margarina e moitos pratos conxelados e precociñados, listos para o consumo. .
Nova2.jpg 
 Nova3.jpg 
 
​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020