Hora de sentar á mesa! Consellos para que os máis pequenos coman de todo.

Tempo estimado de lectura: 4 min
Autor: Xanela Aberta á Familia
alimentate ben_plan proxecta de innovacion educativa.jpg  

1. Á hora da comida, excluír o televisor.

Comer co televisor impide a conversación familiar e provoca moitas veces excesos ou defectos na cantidade de alimento consumido. Por iso non é recomendable "entreterlles" para que coman e menos aínda facendo uso do televisor ou doutro tipo de pantallas.

Ademais, as pautas alimentarias que se ofrecen na publicidade de alimentos e bebidas por esta canle, non son sempre as máis axeitadas para a idade infantil.

2. Fomentar a conversa na mesa.

Manter na mesa unha conversación tranquila e agradable, fará da hora da comida un momento pracenteiro. Este é un momento axeitado para comentar experiencias e aspectos agradables das xornadas laboral e escolar.

Tamén podemos destacar aspectos sobre as experiencias positivas cos alimentos, como saben, como lles gustan máis, como cheiran... Así como evitar conflitos ou discusións, teñan ou non que ver coa comida.

3. Tentar ser flexibles.

Non hai que preocuparse ante o rexeitamento a probar novos alimentos. Ofrecéndoos en ocasións sucesivas e aos poucos, acabaranos introducindo na súa dieta. Non é conveniente forzarlles nin rifar, xa que os alimentos nunca deber ser utilizados como premio ou castigo. Se non queren comer, non é boa práctica substituír alimentos que non lles gustan por outros do seu agrado.

É mellor animar a probar o alimento e si non se consegue, esperar e volver intentalo noutras ocasións. Para facilitar esta tarefa, podemos usar a imaxinación.

Por exemplo, podemos organizar un campionato de chefs na casa. Facemos equipos (papá e a avoa; mamá e o tío), que elaborarán receitas ricas. Os xuíces, que terán que probar o cociñado, serán os máis pequenos da casa.

É importante que o resto da familia tamén inclúa os alimentos máis complicados na súa propia alimentación, para que así os nenos e nenas se afagan á súa presenza e observen como o resto da familia os consomen.

4. Ofrecer unha gran variedade de alimentos.

Salvo o leite materno no primeiros seis meses de vida, ningún alimento presenta todos os nutrientes necesarios. En función dos diferentes grupos, cada un achega distintas propiedades e beneficios para un crecemento e desenvolvemento óptimo.

Aconséllase por isto ampliar "a carta" do noso restaurante doméstico, fomentado a inclusión de novos ingredientes, receitas e preparacións culinarias. Unha boa idea é ofrecer o novo ao principio de cada comida, cando o neno ten máis apetito.

5. Axudarlles a partir ou esmiuzar os alimentos.

Aínda que é recomendable que desde a idade infantil os escolares manipulen os alimentos, é necesaria a supervisión dun adulto para previr que os pequenos se atragoen.

Lembrade que a consistencia, o partido e a textura dos alimentos teñen que estar en función da idade do neno.

6. Servir porcións e consistencias adecuadas.

É preciso ensinar a comer con moderación, servindo os alimentos en función das súas racións recomendadas.

Ademais, podemos incluír unha serie de estratexias como servir o alimento en cada prato e prescindir das fontes na mesa, fomentar un consumo responsable aínda cando os alimentos sexan moi do agrado do neno, seguir un horario adecuado de comidas etc.

O concepto moderación hai que asocialo sempre ao de variedade: un pouco de cada cousa e non moito dunha soa.

7. Ofrecerlles un almorzo completo a diario.

A enerxía que achega o almorzo debe ser a cuarta parte da enerxía total do día. Aconséllase que inclúa leite ou lácteos como o queixo e o iogur natural, pan ou cereais integrais e froita fresca máis frecuentemente que zumes, aínda que estes sexan naturais. Lembrade variar alimentos dentro de cada grupo.

8. Lembrar as necesidades de hidratación e beber auga con frecuencia.

A auga debe ser a bebida habitual na casa. Por iso, non son aconsellables outras bebidas ou refrescos e menos como premios ou como integrantes de mesas familiares en datas especiais, festas infantís, etc.

As bebidas ricas en cola ou as bebidas enerxéticas poden ter un alto contido en azucres simples e cafeína, que tomados con frecuencia poden inducir efectos prexudiciais na infancia.

9. Limitar o consumo de comida procesada: fritos envasados, pizzas, hamburguesas, lambetadas e doces industriais.

O consumo habitual destes alimentos densos en enerxía é un dos responsables no desenvolvemento de patoloxías como a obesidade infantil. Sempre se poden atopar alternativas máis saudables que necesiten pouco tempo de preparación e a base de alimentos de orixe vexetal. Isto é particularmente importante para as merendas e ceas infantís.

 

Lembra... É importante saber que as claves para establecer e consolidar os hábitos alimentarios desde a infancia pasan pola constancia, a imaxinación, o ambiente relaxado e as eleccións saudables á hora da comida.

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020