Alimentación complementaria

Tempo estimado de lectura: 6 min 30 sg

A alimentación complementaria é o proceso gradual no cal se ofrecen alimentos sólidos ou líquidos aos lactantes, sempre como complemento do leite e nunca como substitución desta.

A idade adecuada para ofrecer a Alimentación Complementaria (AC) se calcula en función dos beneficios para a saúde, de distintos aspectos nutricionais e do desenvolvemento do lactante, ademais de estimar as características individuais.

Por razóns nutricionais, a maioría dos lactantes necesitan AC ao redor dos 6 meses xa que despois desta idade, o leite materno en exclusiva xa non é suficiente para garantir os requirimentos nutricionais. Aínda así, a lactación materna debe manterse a demanda, durante todo o tempo que a nai e o lactante así o desexen.

A introdución da AC é unha etapa importante para a transición cara á comida familiar. Coincide cun rápido crecemento e desenvolvemento, momento no que pode haber maior susceptibilidade a deficiencias e excesos de nutrientes pola exposición a novos alimentos, sabores e experiencias.

190. Alimentación a partir 6º mes.jpg 
 
 
Convén saber que:
  • A alimentación complementaria NON substitúe ao leite. Só compleméntaa en nutrientes que poden chegar a ser escasos para os requirimentos dun lactante maior de 6 meses. Este é o caso do ferro e do zinc.
  • A introdución de alimentación complementaria antes do 6º mes non se asocia con vantaxes “extra” para a saúde.
  • De forma individualizada, e contrastando beneficios fronte a desvantaxes, pode valorarse unha dieta máis diversificada antes dos 6 meses, sempre baixo a avaliación do equipo de pediatría e con alimentos nutricionalmente apropiados.
  • Non é aconsellable iniciar a AC antes do 4º mes, xa que é conveniente que o organismo teña a maduración necesaria para permitir a deglutición doutros alimentos de forma segura.
  • Da mesma forma, desaconséllase demorar o inicio da AC por encima das 26 semanas de idade, xa que isto tamén pode aumentar o risco de problemas nutricionais, como o déficit de ferro.
  • O momento da introdución de alimentos distintos ao leite pode condicionar a composición corporal ao longo da vida.
  • É habitual e normal un certo rexeitamento inicial ao probar distintos alimentos, que non debemos interpretar como unha aversión permanente. Aos poucos, por medio da exposición sucesiva e gradual aos novos ingredientes da dieta, lograremos a súa tolerancia e aceptación.
  • É preciso respectar o ritmo de desenvolvemento do bebé e permitir certa autonomía segundo as súas capacidades. Manipular, tocar e probar alimentos por si só, así como o uso do vaso ou a culler, aínda de forma torpe, favorece o seu desenvolvemento psicomotor.
  • É importante procurar un ambiente agradable, sen distraccións (xoguetes, televisor), dispoñer do tempo suficiente e evitar condutas moi permisivas ou excesivamente esixentes.
  • Á hora da comida o bebé debe estar SEMPRE baixo a supervisión dun adulto. A mellor posición é a de sentado e ergueito.
  • Aconséllase introducir os alimentos dun nun, con intervalos duns días (1 semana por exemplo) entre un alimento e o seguinte, para observar o nivel de tolerancia e o grao de aceptación.
  • A fariña de cereal, as froitas e algunhas hortalizas son os alimentos máis habituais para iniciar a alimentación complementaria. As carnes deben ofrecerse tamén de forma prioritaria, en particular por ser boa fonte de ferro e zinc. Aínda así, debemos lembrar que non hai pautas “ríxidas” nin son necesarias grandes cantidades de alimento.
  • Os alimentos minimamente procesados, de proximidade e de tempada (carne, pito, peixe, hortalizas e verduras frescas…) deben ser os prioritarios para conformar a dieta infantil. Débense evitar os alimentos ultraprocesados (friames, produtos de repostería, sobremesas lácteas, etc).
  • As hortalizas e verduras deben formar parte dunha dieta saudable. Pero a achega de cantidades excesivas dalgunhas variedades pode inducir certa produción de gas derivada da súa dixestión que se manifesta como certa incomodidade e molestias abdominais.
  • Os alimentos en tarros comerciais poden ser un bo recurso para as viaxes ou en momentos puntuais. Con todo, non deben constituír a base da alimentación nesta etapa.
  • Lembrade que non é recomendable enmascarar alimentos achegando outros condimentos como o sal, o azucre ou os edulcorantes.
  • É moi importante previr os atragoamentos. Para iso, debemos evitar ofrecer alimentos como os froitos secos enteiros, as uvas enteiras, os anacos de salchicha e algúns vexetais e froitas duros, como os anacos de mazá e de cenoria crúa.
  • O Baby-Led Weaning é un método para introducir alimentos no que o bebé elixe e decide o como (por si só), o canto (a cantidade) e o que (a selección) quere comer a partir dunha oferta alimentaria previa posta ao seu alcance polos adultos. Os beneficios deste método con respecto a outros máis clásicos non están claros. Se a familia decide seguilo, debe sopesar os riscos (atragoamento, difícil mastigación…) polo que a supervisión constante dun adulto deberá estar SEMPRE garantida.
  • As merendas son unha oportunidade para proporcionar alimentos nutritivos e os nutrientes críticos que o seu bebé necesita. Evitade os alimentos procesados e ricos en sal, aínda aqueles que se anuncien como petiscos para os mais pequenos.
  • Os bebés necesitan rutinas e horarios regulares, tamén na hora das comidas. Neste momento se debe respectar os sinais de fame e de saciedade sen forzar nin distraer en exceso.

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020