Praias sen fume

8 de Abril de 2021
Tempo estimado de lectura: 2 min

 

 

A rede galega de praias sen fume naceu no ano 2016 cun fin educativo e de sensibilización social co obxectivo de avanzar na desnormalización do consumo de tabaco na poboación, recalcando a importancia da conduta dos adultos ante os máis pequenos, como figuras modélicas que son. Sen dúbida, unha clara actitude negativa ante o tabaco fará que moitos mozos e mozas non empecen a fumar, xa que a anticipación da idade adulta e a imitación da conduta dos adultos forman parte dos factores causais do inicio.

 

Un dos obxectivos da rede é que a mocidade saiba que “o normal é non fumar”. O feito de ampliar a prohibición do consumo ás praias, ámbito que non recolle a normativa actual, fainos avanzar e cambiar a percepción social sobre o tabaco á vez que converte este contorno en educativo e preventivo. A implicación de diferentes entidades nesta iniciativa, contando coa participación activa da sociedade, é o camiño idóneo para conseguilo.

 

Nas praias sen fume está prohibido fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia nin sanción para o incumprimento por parte dos cidadáns, xa que se trata dunha elección voluntaria e persoal o feito de seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio e, polo tanto, o cumprimento da norma de “non fumar” é unha responsabilidade persoal. Trátase de acadar a participación activa da sociedade neste obxectivo de normalizar o feito de “non fumar”.

 

PSF.png

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020