Preeclampsia e embarazo

10 de Xuño de 2021
Tempo estimado de lectura: 3 min 30 sg
 
 
A preeclampsia é unha complicación do embarazo que, aínda que adoita ser leve na maioría dos casos, se non se trata, pode causar problemas graves de saúde para a nai e o seu bebé. Por iso son tan importantes os controis durante a xestación.

Que é a preeclampsia?
A preeclampsia é unha enfermidade que poden ter algunhas mulleres xestantes despois da semana 20 de embarazo e que principalmente se caracteriza por ter unha tensión arterial elevada e presenza de proteínas na urina.

Como sei se teño a tensión arterial alta?
Considérase que tes hipertensión cando en distintas medicións da túa tensión arterial se dá un destes dous casos:
  • A tensión arterial máxima (sistólica) é superior a 140 e a mínima (diastólica) é maior que 90.
  • A tensión arterial máxima (sistólica) é superior a 140 ou a mínima (diastólica) é maior que 90.
Por que teño hipertensión?
  • Porque xa eras hipertensa antes de quedar embarazada.
  • Porque o embarazo che induce tensión arterial alta, sen presenza de proteínas na túa urina.
  • Porque tes preeclampsia, é dicir, tensión arterial alta e proteínas na túa urina.
Como previr a preeclampsia?
No teu primeiro trimestre de embarazo, o teu obstetra pode determinar que tes un risco de preeclampsia. Se é así, poida que che receite algún fármaco de maneira preventiva. O factor de risco máis importante é o antecedente de preeclampsia.

Que riscos ten?
  • A preeclampsia afecta á placenta, o fígado, os riles, o sistema nervioso central e o sistema cardiovascular.
  • A preeclampsia pode ter repercusións moi graves como a eclampsia, que é unha enfermidade durante o embarazo ou o puerperio que provoca convulsións seguidas dun estado de coma.
Cal é o tratamento?

O tratamento dependerá da gravidade da preeclampsia, da semana de embarazo en que esteas e, sobre todo, do estado de saúde teu e do teu bebé. Confía no teu obstetra e matrona e pregúntalles todas as dúbidas que teñas.

 

Tensiómetro.jpg
 
Acode ao hospital se es hipertensa e...  
  • Tes dor de cabeza intensa
  • Tes dor abdominal intensa na boca do estómago
  • Sofres cambios visuais (visión de luciñas, perda temporal da vista…)
  • Náuseas ou vómitos
  • Mareo
  • Falta de aire grave
  • Edema que aparece moi rápido en todo o corpo (os edemas no embarazo son normais, sobre todo nas pernas)
  • Medición de tensión arterial descompensada en domicilio
Sabes medir a tensión?  
  • Pide consello na túa farmacia de confianza antes de adquirir un aparello de medición.
  • Senta e permanece en repouso durante 10 minutos.
  • Ten os pés apoiados no chan, descruzados, e o brazo á altura do corazón. Coloca o brazalete e segue as instrucións.
  • A primeira vez, faino nos dous brazos. Se os resultados son parecidos, toma o dereito como referencia. ​​​​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020