Como abordar a educación en normas e límites

5 de Xullo de 2022
Tempo estimado de lectura: 10 min

Da mesma forma que non é posible construír a PAZ coas armas, tampouco é posible castigar fisicamente a un neno ou nena e esperar que non use esa mesma violencia cara aos outros. Educar no respecto ás normas e límites só é posible desde a comunicación e o respecto.
 
É máis posible que as persoas adultas aceptemos tapar a nosa boca con máscara, cambiar os nosos hábitos sociais, e mesmo aceptar o confinamento, se entendemos ben os “por que”, se sentimos que dalgún modo participamos dun obxectivo compartido. Do mesmo xeito, é moito máis probable que un neno ou nena respecte unha norma ou un límite se entende ben os motivos deste, se ve como os outros os cumpren e máis aínda se pode participar da súa elaboración dalgún modo. (Aos nenos e nenas custoulles menos que ás persoas adultas incorporar a máscara).
 
Posiblemente, as normas e límites na educación teñen moito que ver con iso, con explicar os “por que”, con construír unha forma primixenia de entender o mundo, as relacións cos outros e as relacións con nós mesmos.
 
Se o obxectivo das normas e límites na educación é que os nenos e nenas aprendan, é importante tamén ter en conta que os estudos afirman que aprendemos o 20 % do que escoitamos, o 50 % do que vemos e o 80 % do que facemos. As normas e límites apréndense fundamentalmente a través da práctica e do modelado (o que os nenos e nenas ven nas persoas adultas de referencia, como nos relacionamos con nós mesmos e sobre todo con eles). A educación dos nenos e nenas é unha carreira de fondo na que o modelado, a práctica, a coherencia e a constancia son elementos fundamentais.
 
Unha autoridade ríxida externa pode producir falta de autonomía, dificultades na capacidade da toma de decisións e falta de confianza nun mesmo. A autoestima do neno ou nena estará maiormente asociada a se cumpriu as normas establecidas polos outros. Pola contra, unha educación baseada no respecto, na confianza e no bo trato, xera nenas e nenos responsables, cun bo concepto de si mesmos, con confianza nas súas capacidades para ser autónomos e sobre todo respectuosos cos outros e consigo mesmos.
 
É imposible que a túa primeira tortilla de patacas saiba igual que a da túa nai. Terás que coñecer os detalles da receita, experimentar, implicarte na tarefa, ter confianza en poder alcanzar o éxito e ter comensais amables dispostos a comer os teus experimentos reforzando os teus esforzos por alcanzar ese sabor ancestral incomparable.
 
Do mesmo xeito, os nenos e nenas necesitan, en primeiro lugar, un modelo de referencia, unha receita de conduta, ensaiar e probar alternativas, uns comensais-pais e nais dispostos a repetir, aguantar, tolerar os fracasos mantendo a confianza no éxito e nas capacidades do neno ou nena para mellorar.
 
Pero ocorre que nesta travesía do educar e criar cachorros humanos é máis que posible que os nenos e nenas transgridan esas normas e límites que deseñamos para eles (tamén as persoas adultas transgredimos as normas con frecuencia).
 
Unha das competencias que máis poden protexer os pais e nais de cometer erros na educación, é a capacidade para reflexionar sobre a súa propia práctica educativa e para restaurar os erros. Reflexionar sobre os “por que” dos límites que poñemos e tamén sobre os “por que” do motivo dos nenos e nenas para incumprilos é a fórmula do éxito.
 
Como referente adulto cómpre preguntarnos: ​
  • O neno ou nena entende suficientemente o límite ou este está formulado de forma demasiado xeral e confusa para el ou ela? (Evita fórmulas como “pórtate ben” ou “portácheste mal”, describe minuciosamente que significa exactamente para ti ese “portarse ben”). Unha boa práctica é adiantarse anticipándolle ao neno ou nena que é o que ocorrerá e que esperamos del ou ela. (“Agora imos ir xogar a casa do curmán, acórdate de que non se poden quitar as cousas das mans e hai que usar as palabras para pedir. Ti sabes usalas moi ben e se fai falta eu vouche a axudar”).
  • Hai intencionalidade no quebrantamento do límite, ou este pode ser debido a que non o ten ben aprendido ou se esqueceu? Hai que repetilo máis veces?
  • No caso de que creas que hai “vontade” de exceder os límites. Cales poden ser “os bos motivos” do neno ou nena para excedelos? Está querendo atraer a nosa atención? É a conduta unha forma de expresar unha frustración, un malestar que non estamos atendendo e que non sabe expresar doutra forma? É capaz de xestionar as emocións de frustración ou enfado asociadas, ou necesita axuda?
  • O que lle estamos pedindo ao neno ou nena é suficientemente claro e secuenciado ou é unha xeneralidade que pode confundir ou atafegarlle pola súa complexidade? É posible explicar o que esperamos de forma máis simple, clara e mesmo secuenciada? (“Lávache ben os dentes” vs “Frega as moas de arriba mentres conto ata cinco, agora as moas de abaixo etc.”).
  • É o neno ou nena suficientemente maduro para incorporalos? Son estas normas e límites acordes ao seu momento evolutivo? (é imposible que un bebé non se meta na boca as cousas que lle rodean ou que un neno ou nena pequeno non queira saltar nos charcos).
  • De que forma podería participar a nena ou neno na comprensión e elaboración desa norma? De que forma podemos facer que sinta partícipe e sexa máis probable que o cumpra? Nese caso concreto, supón unha maior aprendizaxe para a nena ou neno que nós cedamos para fomentar a capacidade de negociación e o seu autoconcepto? (“Primeiro comemos a froita e despois a galleta de chocolate”: o que queremos é que a alimentación do neno ou nena sexa equilibrada e saudable, se toma a iniciativa e propón investir a orde podemos ser flexibles desde unha conversación na que expliquemos os beneficios dunha alimentación equilibrada e estes sintan que participan na negociación).
3.jpg 
  
Á hora de lles axudar aos nosos fillos e fillas a alcanzar un obxectivo difícil, pode resultar moi útil aplicar a fórmula que expón Ben Furman no seu libro Habilidades para niños. As súas ideas están baseadas na Terapia Centrada en Solucións que pon o acento no logro e no fomento da capacidade da nena ou neno para alcanzar o cambio coa axuda dos outros. A proposta baséase na seguinte secuencia:
  • Encontra ou xera un momento e estado emocional propicio para falar sobre a súa conduta.
  • Chequea o teu propio estado emocional e aborda a tarefa desde a calma. Se o neno ou nena sente que estamos enfadados é posible que se pechen ou bloqueen e a comunicación colaborativa non sexa posible. Atopa o momento para falar un a un e centrar a túa atención nel ou ela. Chequea o estado emocional do neno ou a nena e promove un espazo propicio para a colaboración. (Inicia a conversación falando sobre as cousas que fai ben e fomenta a confianza nas súas capacidades antes de empezar a falar do logro que queremos que alcance). O obxectivo de iniciar así a conversación é que entenda que a túa intención non é rifarlle, senón que queres falar porque te preocupas por el ou ela, cóidalo/a e queres axudarlle a mellorar.
  • Trata de que sexa ela ou el quen propoña a conduta para cambiar. En xeral, os nenos e nenas saben cales son estas cousas nas que teñen que mellorar. (“Ti es moi boa facendo “X” e “Y”. Hai unha cousa na que sería bo para ti que mellorases”). Non definas a tarefa como un problema senón como unha habilidade que se lograse alcanzar sería positiva para el ou ela. Trata de que adiviñe cal é a conduta á que nos referimos (podemos axudarlle a identificar do que estamos falando). Elixe unha soa cousa concreta a pesar de que existan varias cousas que queres que cambie. É máis posible que cambien o seu comportamento se eles mesmos din que é o que queren cambiar.
  • Evita falar do mal comportamento, das razóns polas cales o fai ou das consecuencias negativas deste, no seu lugar centra a conversación nos beneficios que tería se consegue facer o cambio e as cousas que necesita facer para ser mellor nesa tarefa concreta.
  • Formula o obxectivo ou a tarefa en positivo. Evita formulalo como un “deixar de facer” e busca con el ou ela a habilidade que o substitúe. (Se o neno ou nena se comporta de forma agresiva cos outros non formules o obxectivo como “non pegar”, centra a conversación en como podería mellorar no “control do seu temperamento” e os beneficios que para el ou ela tería esta habilidade).
  • Pregúntalle se ten algunha idea sobre como conseguir o cambio e as cousas que cre que poderían axudarlle. Pregunta quen quere que lle axude e de que maneira.
  • Termina a conversación acordando coa nena ou neno como medir os seus progresos. Durante a aprendizaxe evita prestarlles demasiada atención aos posibles retrocesos, céntrate nos seus avances entendendo que no camiño pode haber atrancos que non son importantes se hai melloras no tempo. (“O teu profe contoume que onte conseguiches probar a comida do comedor, podes contarme como o conseguiches? que ou quen che axudou?”). O éxito atrae o éxito. Falar dos progresos traslada confianza e anímaos a seguir na mesma dirección
  • Segundo o a nena ou neno progresa é bo reforzar positivamente os avances, centra a atención nas cousas ou persoas que lle están axudando a facer o cambio.
  • Planifica co neno ou nena como o celebraredes cando a habilidade estea adquirida.
 
E lembra, moitas veces os nenos e nenas teñen máis capacidade para aprender e cambiar da que imaxinamos. A educación é unha carreira de fondo tan esgotadora como satisfactoria e se chegaches ata aquí, seguramente sexas un pai ou unha nai sensible. Parabéns, xa tes o máis importante, a capacidade para reflexionar sobre como educas e a capacidade para corrixir e seguir mellorando.
 
Juan A. Lechón
Coordinador do Equipo de Integración Familiar Fundación Meniños en Vigo. ​
​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020