Tempo estimado de lectura: 4 min
Merendas saudables
Con frecuencia, nas merendas e ceas atopamos un exceso de embutidos, friames, cremas chocolateadas, produtos de aperitivos e outras combinacións de alimentos pouco adecuadas se temos en conta a frecuencia de consumo destes.
Os seguintes exemplos poden servir para engadir opcións máis saudables e variadas:
No lugar de bocadillos con exceso de derivados cárnicos, probade con bocadillos ou tostas de:
- Carnes e aves frescas:
- Filete de peituga de pavo fresca salteada con cogomelos.
- Tosta gratinada ao forno con tiras de peituga de polo, bechamel e queixo.
- Friame caseiro con carne de tenreira ou porco picada.
- Mini “pizzas” de pan con base de tomate fresco, queixo, carne picada de polo aderezada con alfábega.
- Peixe fresco:
- Tiras de xarda fresca (sen espiñas) preparadas en escabeche con herba dos cóengos e brotes tenros de espinacas.
- Gambas cocidas e picadiñas con leituga, olivas negras e crema de cenoira con aceite de oliva.
- Polbo con aceite e pemento doce ou picante.
- Peixe en conserva:
- Xoubas en conserva, tomate e aros de cebola.
- Atún con pementos morróns e aceite.
- Mexillóns en escabeche e tiras de leituga con eiruga.
- Ovos:
- Tortilla de patacas, de cabaciña...
- Tosta de ovo cocido, leituga, tomate e espárragos.
No lugar de bocadillos con exceso de cremas doces para untar, probade con bocadillos ou tostas de:
- Cremas de vexetais frescos:
- Crema de aguacate ou guacamole.
- Rebanda de pan, tomate raiado e aceite.
- “Hummus” de legumes (garavanzos, fabas...)
- Cremas con froitas frescas e froitos secos:
- Rebanda de pan con queixo fresco e compota de mazá.
- Tosta con “compota” de figos, noces picadas e queixo de cabra gratinado.
- Rebanada de pan con queixo fresco e xelatina de froitas naturais.
- Crema de cacahuetes caseira.
- “Bocadillos” de uvas e dátiles con taquiños pequenos de queixo curado.
- Peixe:
- Crema de peixe, olivas e cogombro en conserva.
- Paté caseiro de atún e tomate.
En lugar de ofrecer un exceso de produtos de pastelería e produtos de merenda, zumes comerciais... probade con:
- Zume natural + iogur ou leite caiado.
- Batidos de froita con leite + tosta de pan:
- Amorodos, iogur e leite.
- Amorodos con zume de laranxa.
- Plátano, laranxa, mazá...
- Macedonia de froitas frescas.
- Un anaquiño de repostería caseira (baixa en azucres, saborizada con vainilla e limón).
- Rebanda de pan con aceite e pemento + iogur.
Festas saudables
Podemos preparar receitas moi ricas para a nosa festa do aniversario. Canto máis sinxelas, mellor: pan con queixo, tortilla de pataca, tostas de guacamole, ovos recheos, croquetas caseiras de polo, pequenas albóndigas con tomate natural…mmmm!. Ademais, axudamos e ensinamos os nosos dotes culinarios. Benvidos ao club da cociña saudable!!!!