O Concello de Ponteareas convida a cidadanía a participar no mapa de "Activos en Saúde"

Tempo estimado de lectura: 4 min 30 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
​ 

Concello e cidadanía configurarán u​n mapa cos elementos do territorio que melloran a capacidade das persoas para manter e soster a saúde e o benestar

Ponteareas, 01 de abril de 2025.- Co obxectivo de mellorar a saúde infantil mediante intervencións comunitarias o Concello de Ponteareas participa no proxecto europeo Health4Eukids. Na última reunión da Rede Local de Saúde deste proxecto acordouse a posta en marcha de distintas iniciativas a desenvolver enfocadas á cidadanía en xeral, ao público infanto xuvenil e ás familias para xerar hábitos de vida saudables e concienciar sobre a incidencia dos xestos cotidiás sobre a saúde.

No marco deste proxecto que desenvolve a Consellería de Sanidade da Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia o Concello creará un mapa de activos en saúde para o coñecemento de todos os recursos locais saudables e nos que ter un tempo de lecer de calidade. A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, convida a todas as persoas a participar aportando fotografías das 24 parroquias dos recursos da contorna que  a propia poboación considera como activos para a súa saúde.

“Un activo en saúde é un elemento do territorio que mellora a capacidade das persoas para manter e soster a saúde e o benestar reducindo a desigualdade”, explica a edil de Saúde.

A alcaldesa Nava Castro salienta a importancia deste proxecto que involucra a toda a sociedade e que camiña na liña da estratexia de futuro de Ponteareas centrada en crear unha vila sostible, saudable e en equilibrio co patrimonio natural.

​ 

Participa

Participar é sinxelo, explica Raquel Plana, tan só hai que tirar unha fotografía dos recursos da contorna e escribir por que poden aportar saúde.

A continuación hai que enviar as fotos xunto ao texto ao seguinte enderezo electrónico: info@ponteareas.gal

Con todas as fotos recibidas crearase un mapa do Concello onde poderás atopar os activos achegados pola comunidade e que se presentará durante a celebración da Semana das Ciencias o vindeiro 9 de maio. O prazo para enviar as fotografías estará aberto ata o 21 de abril. O mapa estará disponible na web do Concello.

No marco do proxecto europeo Health4EUKids, a través grupo de traballo 5 “Grünau moves”, estase a desenvolver este programa de transferencia de boas prácticas co obxectivo de reforzar o enfoque cooperativo e integral na loita contra a obesidade infantil, facilitando intercambio de coñecementos e habilidades e mellorar a saúde na infancia.

O municipio de Ponteareas foi elixido para implantar o proxecto tras unha análise do municipio e comprobar que cumpre os requisitos establecidos polo grupo europeo. Ademais, contouse co compromiso e apoio do Concello e do Centro de Saúde. Por todo isto, Ponteareas convértese nun exemplo de boa práctica que será extrapolable ao resto de Galicia.O Concello de Ponteareas ten 3.423 nenos e nenas menores de 15 anos, dos cales, 1.213 son alumnos matriculados no ensino non universitario en centros sostidos con fondos públicos en educación primaria. A poboación destinataria das accións son estes 1.213 alumnos de educación primaria.

Entre as accións que implica o proxecto está: a formación en alimentación saudable nas aulas con dous obradoiros (etiquetaxe nutricional e o prato saudable); deseñar unha xornada de xogos tradicionais populares no Auditorio de Ponteareas para fomentar a actividade interxeracional; conseguir que todos os colexios establezan de forma correcta o Programa 16 de control dos menús escolares. Tamén se procura a adquisición de hábitos de actividade física saudables no alumnado mediante pausas activas entre clase e clase e o deseño dun sendeiro das escolas;. Ademais realizarase unha análise do concello para capacitar á poboación obxectivo e poder abordar os problemas sociais dende a súa perspectiva utilizando distintas ferramentas e formar ás educadoras/es.

 
​​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020