Estudo de saúde da Poboación Xitana en Galicia
O obxectivo xeral do estudo busca analizar o estado de saúde, os estilos de vida e o acceso aos servizos sociosanitarios da poboación xitana en Galicia, para orientar a formación e deseñar estratexias de intervención inclusivas.
Para isto, deseñouse un estudo cuantitativo mediante enquisa estruturada e presencial a 609 fogares xitanos de Galicia (marzo-xuño 2025), obtendo representatividade de 2.502 vivendas segundo o mapa de residencia de 2015 e chegando a 2.135 persoas enquisadas. Realizouse unha mostraxe proporcional por áreas sanitarias (EOXI), con entrevistas en domicilio (54,3%) e outros lugares, a un adulto coñecedor do fogar. Os datos foron ponderados por zona sanitaria. O cuestionario recolle aspectos sobre as condicións de vida, a saúde percibida, os determinantes sociais, o uso de servizos e as barreiras detectadas no acceso aos mesmos, permitindo así realizar análises comparativas e mantendo un enfoque interseccional.
A selección da mostra contemplou a representación proporcional por zona sanitaria, garantindo datos fiables a nivel autonómico e desagregados nas zonas con, polo menos, 100 fogares enquisados por área sanitaria, salvo en Ferrol (35) e Lugo-Cervo-Monforte (65).
O estudo está cofinanciado con fondos da Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
CARACTERIZACIÓN SOCIODEMOGRÁFICA DA POBOACIÓN DESTINATARIA
A poboación xitana galega concéntrase principalmente nas áreas sanitarias de Coruña e Cee, Santiago e Barbanza, Vigo, Ourense-Verín-O Barco e Pontevedra-O Salnés agrupando a máis do 85 % da poboación xitana entrevistada.
En Galicia, a poboación xitana é máis nova que a poboación xeral (media de idade: 29,45 anos fronte aos 48,36 anos do conxunto da poboación galega), con lixeira maioría feminina e forte presenza de menores.
No que se refire aos fogares, son multixeracionais (a media de persoas por fogar é de 3,49), e a metade delas presenta problemas de habitabilidade, con marcadas desigualdades territoriais. A precariedade residencial require intervencións urxentes para garantir vivendas dignas e reducir a exclusión. O 10% da poboación xitana vese afectada polo chabolismo e a infravivenda.
En canto ao nivel de estudos, máis da metade da poboación xitana carece de estudos formais, con case inexistencia de formación universitaria (0,8%), marcadas brechas de xénero e fortes desigualdades territoriais. O analfabetismo afecta ao 5,75% da poboación xeral (7% das mulleres e 4 % dos homes). Os territorios máis afectados pola falta de estudos son Ferrol (80,5 %) e Ourense–Verín–Barco de Valdeorras (67,8 %), o que reflicte barreiras educativas estruturais. A escasa presenza de estudos universitarios evidencia a existencia de barreiras de acceso, continuidade e titulación que requiren intervencións urxentes para garantir a igualdade educativa.
RESULTADOS
ESTADO DE SAÚDE AUTOPERCIBIDO E CONDICIÓNS CRÓNICAS
O 61,6 % da poboación xitana galega percibe a súa saúde como boa ou moi boa (unha porcentaxe maior do que a poboación xeral galega, probablemente debido á súa idade media máis baixa) aínda que aumentan os problemas de saúde e limitacións coa idade a partir dos 35 anos. As deficiencias na vivenda incrementan a percepción negativa da saúde.
ESTILOS DE VIDA E DETERMINANTES INDIVIDUAIS DE SAÚDE
A poboación xitana galega presenta alta inactividade física, e ocio sedentario (o 48,5% realiza actividade física ocasional e o 44,9% non fai exercicio físico no seu tempo libre), pasando moito tempo de pé de xeito estático.
En relación á dieta, presentan desequilibrios alimentarios tales como consumo diario deficitario de peixe froitas e verduras, mantendo bos niveis de consumo de lácteos, legumes, pasta e pan. Obsérvase un elevado consumo de embutidos, aperitivos salgados, refrescos e comida rápida, especialmente na infancia e xuventude.
Destaca o elevado consumo de tabaco en homes (41,6% fronte ao 23,6% dos homes fumadores da poboación xeral). A idade de inicio de consumo é inferior (14,4 anos fronte aos 18 anos da poboación xeral) e o consumo diario de cigarros é máis alto.
O consumo de alcohol é baixo ou moi baixo e ocasional, sendo do 1,7% fronte ao 9,2% na poboación xeral.
O consumo de bebidas enerxéticas concéntrase no grupo de idade de 16-34 anos, dos cales un 4,6% bébeas a diario, un 14% semanalmente e o 14,3% de forma mensual. Preocupa que no grupo de 0-15 anos, o 5,7% consómeas a diario e o 9,9% mensualmente.
O 92,8% da poboación xitana nunca consumiu tranquilizantes, cifras inferiores ás da poboación xeral. O 4,6% das mulleres sinala un consumo diario, fronte ao 3,3% dos homes.
SAÚDE BUCODENTAL
A saúde bucodental mostra unha alta prevalencia de carie, perda dental, empastes e mantéñense as desigualdades territoriais. As extraccións dentais e o uso de próteses son máis frecuentes na poboación xeral galega.
CAPACIDADES SENSORIAIS E MOTORAS
En canto a capacidades sensoriais, a poboación xitana galega presenta menores frecuencias en alteracións visuais e auditivas que a poboación xeral, pero estas aumentan a partir dos 55 anos e os casos graves son máis severos. A poboación xitana ten lixeiramente menos dificultades que a poboación xeral na mobilidade e na deambulación pero son máis graves.
BENESTAR EMOCIONAL E SAÚDE MENTAL
O 43,7 % da poboación xitana experimentou malestar emocional nas últimas dúas semanas. As mulleres e as persoas maiores de 55 anos presentan unha maior frecuencia. Nas áreas de Santiago, A Coruña e Ferrol destacan por síntomas leves frecuentes, namentres na de Pontevedra-O Salnés e Monforte lideran en casos graves de malestar emocional. Un 16,5% tivo limitacións moderadas debido ao seu estado de saúde mental e un 10,2 % limitacións graves durante os últimos 6 meses. As causas de malestar emocional asócianse fundamentalmente a limitacións físicas (77,6 %) ou mixtas (16,6 %). Só o 44,7 % recibe axuda, quedando un 55,3 % sen apoio neste ámbito.
En canto á capacidade de concentración e memoria, a poboación xitana presenta lixeiramente menos dificultades que a poboación xeral, especialmente no caso das mulleres.
SAÚDE DA MULLER
O 52,7% das mulleres nunca foi ao xinecólogo por motivos non relacionados co embarazo, e unha porcentaxe moi elevada nunca se fixo unha mamografía; soamente a realizaron o 16% das mulleres que a tiñan indicada.
VACINACIÓN
O 71,1% nunca se vacinou contra a gripe, aínda que o 74,7% si o fixo contra a COVID-19 antes de 2024. O 94,9% de menores de 14 anos está ao día co calendario vacinal, aínda que estes porcentaxes diminúen na Coruña e en Ferrol.
ACCESO E UTILIZACIÓN DOS SERVIZOS SANITARIOS
Destaca unha alta demanda da atención primaria (47,6% de frecuentación fronte ao 32,3% da poboación xeral), e un notable uso do servizo de urxencias. Sen embargo, detectouse unha baixa asistencia no resto de especialidades hospitalarias, destacando un déficit en revisións xinecolóxicas e bucodentais e unha desigual cobertura en vacinación. Por outra banda, as listas de espera, as barreiras de transporte e as limitacións económicas dificultan o acceso, afectando especialmente a mulleres maiores e a certas áreas xeográficas.
IMPACTO DA SAÚDE EN EMPREGO E EDUCACIÓN
Estes problemas de saúde xeran absentismo laboral e escolar, con maiores taxas na Coruña e alto desemprego en maiores de 55 anos.
CONCLUSIÓNS
A poboación xitana en Galicia percibe maioritariamente a súa saúde como boa, aínda que existe unha elevada prevalencia de enfermidades crónicas.
A enquisa pon de manifesto os altos niveis de sedentarismo, así como os importantes desequilibrios nutricionais, tanto por consumo insuficiente de alimentos saudables (froitas, verduras, peixe) como por exceso de produtos non recomendables (embutidos, refrescos, aperitivos salgados, comida rápida) o que implica unha alta carga calórica e un maior risco metabólico acumulativo). Non obstante, manteñen mellor adherencia á dieta básica de cereais, pasta, pan e legumes.
O patrón de consumo de tabaco nesta poboación caracterízase por un inicio moi temperán e un consumo diario concentrado nos homes adultos, cunha baixa presenza de cigarros electrónicos e unha forte desigualdade de xénero. Tamén presentan maior exposición ao fume de tabaco (FAT), fundamentalmente os homes.
A saúde bucodental é particularmente deficitaria, con alta frecuencia de caries, perda de pezas e problemas nas enxivas dende idades temperás.
Manteñen unha adecuada cobertura vacinal infantil, aínda que a poboación adulta presenta taxas de vacinación inferiores en comparación coa poboación xeral.
As dificultades visuais, auditivas e de mobilidade aumentan a partir dos 55 anos, con escasa cobertura de axudas técnicas.
En saúde mental e benestar apréciase que case a metade declara sufrir malestar emocional, principalmente mulleres e persoas maiores sen apoio suficiente.
O acceso ao sistema sanitario vese afectado polas barreiras económicas e o transporte, ampliando as desigualdades en saúde, o que impacta directamente na inserción laboral e educativa.