Campaña de vacinación antigripal 2024

Tempo estimado de lectura: 8 min
Autor: Xanela Aberta á Familia
Campaña de vacinación antigripal 2024 

O pasado día 23 de setembro comezou a campaña de vacinación anual da gripe en Galicia, que se desenvolverá ata o 31 de decembro de 2024. Como en campañas anteriores, levarase a cabo en diferentes puntos de vacinación e comezarase polas persoas en residencias de maiores e persoas en centros de discapacidade, que serán vacinadas no seu contorno, por equipos específicos.

Mediante SMS serán citadas proactivamente as persoas maiores de 80 anos para vacinarse fronte a gripe e a COVID-19, para o que se habilitarán grandes recintos nas áreas sanitarias así como os servizos de atención primaria. A vacina tamén está indicada en mulleres embarazadas en calquera trimestre de xestación, as persoas fumadoras e o persoal de centros de educación infantil, entre outros.  Este ano, como novidade, introdúcese a vacina intranasal para nenos e nenas de entre 24 e 59 meses.

Nesta campaña temos un reto importante: conseguir unha cobertura vacinal nos traballadores sanitarios do SERGAS e traballadores sociosanitarios superior ao 75 %. Durante a campaña do 2023, obtívose un 56,85% nos traballadores sanitarios do SERGAS. Este ano os profesionais poderán vacinarse no seu centro de traballo fronte a gripe e covid-19 a partir do 14 de outubro de 2024.

 

Obxectivos específicos (vacinación antigripal)

  • Acadar unha cobertura na poboación de 65 ou máis anos igual ou superior ao 75%.
  • Acadar unha cobertura vacinal nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e traballadores sociosanitarios superior ao 75%.
  • Acadar unha cobertura vacinal nas mulleres embarazadas e persoas con condicións de risco superior ao 60%.
  • Acadar unha cobertura vacinal nos nenos e nenas de entre 6 meses e 59 meses do 60%.
 

POBOACIÓN DIANA PARA A VACINACIÓN FRONTE Á GRIPE

  • Persoas de 60 ou máis anos
  • Residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e centros de discapacidade)
  • Mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación e puérperas nos 6 primeiros meses tras o parto, se non foron vacinadas anteriormente
  • Persoas de 12 a 60 anos con condicións de risco (definidas no apartado 1)
  • Poboación infantil de entre 6-59 meses de idade
  • Menores de entre 5 e 12 anos con condicións de risco (Apartado 2)
  • Persoas de 5 a 18 anos de idade que reciben tratamentos prolongados con ácido acetilsalicílico
  • Persoas fumadoras
  • Persoas con enfermidade celíaca
  • Persoas con fístula de líquido cefalorraquídeo e implante coclear ou espera deste
  • Conviventes de persoas pertencentes a grupos de alto risco
  • Persoas que traballan en servizos públicos esenciais, con especial énfase nos seguintes: 

    - Forzas e corpos de seguridade do Estado, con dependencia nacional, autonómica ou local

    - Bombeiros

    - Servizos de protección civil

    - Persoal de centros sanitarios e sociosanitarios públicos e privados (tanto sanitarios como non sanitarios): coidadores domiciliarios, persoal de oficinas de farmacia e persoal que traballa nos servizos de emerxencias sanitarias

  • Profesionais ou estudantes en prácticas de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios
  • Persoal de centros de educación infantil nos cursos de nenos e nenas menores de 5 anos
  • Persoas con exposición laboral directa a animais ou ás súas secrecións en granxas ou explotacións avícolas, porcinas ou de visóns ou a fauna silvestre (aves, xabarís ou mustélidos), como gandeiros, veterinarios, traballadores de granxas, cazadores, ornitólogos, axentes de medio ambiente, persoal de zoolóxicos, etc
 

Apartado 1: persoas de entre 12 e 60 anos con condicións de risco:

  • Diabetes mellitus e síndrome de Cushing
  • Obesidade mórbida (IMC ≥40 en adultos, ≥35 en adolescentes ou ≥3 DS na infancia)
  • Enfermidades crónicas cardiovasculares, neurolóxicas ou respiratorias, incluíndo displasia broncopulmonar, fibrose quística e asma
  • Enfermidade renal crónica e síndrome nefrótica
  • Hemoglobinopatías e anemias ou hemofilia, outros trastornos da coagulación e trastornos hemorráxicos crónicos, así como receptores de hemoderivados e transfusións múltiples
  • Asplenia ou disfunción esplénica grave
  • Enfermidade hepática crónica, incluíndo alcoholismo crónico
  • Enfermidades neuromusculares graves
  • Inmunosupresión (incluíndo as inmunodeficiencias primarias e a orixinada pola infección por VIH, por fármacos, así como nos receptores de transplantes e déficit de complemento. En pacientes con antecedentes de transplante de proxenitores hematopoéticos, no caso de administrar unha dose antes do sexto mes postransplante, recoméndase administrar unha segunda dose ás 4 semanas. En pacientes con antecedente de transplante de órgano sólido, recoméndase só unha dose anualmente
  • Cancro e hemopatías malignas
  • Enfermidade inflamatoria crónica
  • Trastornos e enfermidades que supoñan disfunción cognitiva: Síndrome de Down, demencias e outras

Apartado 2: nenas e nenos de entre 5 e 12 anos con condicións de risco:

As citadas no Apartado 1

Vacinándote fronte á gripe e a COVID-19 protéxeste ti, aos teus pacientes e a túa familia. Anímate e arrima o ombro.

 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020