Día mundial da prevención do suicidio

Tempo estimado de lectura: 6 min 30 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

O día 10 de setembro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio enmarcado na campaña trienal da OMS, Prevención do Suicidio 2024-2026 que ten por lema: “Cambiando a narrativa”. Ten a  intención de priorizar a necesidade da prevención da conduta suicida xa que é un importante problema de saúde pública, con consecuencias sociais, emocionais e económicas de gran alcance. Estímase que, actualmente, hai 726.000 falecementos por suicidio ao ano en todo o mundo.

Segundo os últimos datos do INE(1), en 2022 faleceron 4.227 persoas en España por suicidio situándose unha vez máis, como a principal causa externa de morte no noso país. En relación á idade, a maior cifra de falecementos por suicidio e lesións autoinflixidas rexistradas polo INE, concéntrase nos grupos de 50 a 54 anos (con 486 persoas, 26 máis que en 2021) e de 50 a 59 anos (479 persoas, 72 máis que na pasada edición).

Chama especialmente a atención o aumento de mortes por suicidio en nenos/as e mozos de 15 a 19 anos, rexistrándose 75 casos (22 máis que en 2021), o que supón a cifra máis elevada tanto en relación co ano anterior (53) como na última década (52 en 2012).

Galicia é a segunda comunidade con maior taxa de suicidios de España(2), superando a media estatal e europea. En Galicia as taxas de suicidio aumentan coa idade. No 2015 as taxas foron de 17,94 por 100.000 habitantes en persoas entre os 65 a 69 anos e aumentaron ata 27,44 por 100.000 habitantes en maiores de 79 anos (INE). Ao analizar as condutas suicidas en centros sociosanitarios, a maioría son cometidos por persoas cunha idade media de 75 anos, viúvas (44,9%) e con frecuencia soas (40,9)97. No 57,2% dos casos o método utilizado foi a sobredose con benzodiacepinas e hipnóticos e na gran maioría non houbo intentos previos (66,4%). A tentativa de suicidio é maior nas mulleres, pero o suicidio consumado é case o dobre en homes. A principal enfermidade asociada é a depresión (43,7%). A discapacidade física considérase como un factor de risco de suicidio, sobre todo se é adquirida como consecuencia dunha doenza grave ou crónica

 

Mitos

O estigma, en particular, asociado aos trastornos mentais e ao suicidio, fai que moitas persoas que están pensando en quitarse a vida ou que teñan intentado suicidarse non busquen axuda e, polo tanto, non poidan ser atendidas como precisan. A OMS ven alertando nos últimos anos da abordaxe inadecuada da prevención do suicidio debido á falta de concienciación sobre o mesmo como un importante problema de saúde pública e ao tabú que existe en moitas sociedades para falar abertamente del.

Algúns dos mitos relacionados co suicidio son:

  • Quen se suicida quere morrer: Falso. Ninguén quere morrer, nin matarse, queren deixar de sufrir. Non é que non se queira vivir, é que non se pode. Ninguén que sexa feliz, tenta realizar un suicidio. Hai que paliar o sufrimento e axudar a recuperar o desexo de vivir.
  • Falar de suicidio incita a facelo: Falso. Falar é previr. Falar de maneira adecuada axuda a previr as ideas suicidas.
  • Quen o fai non o di, e quen o din non o fai: Falso. Moitos suicidios están precedidos por sinais de alerta, que nunca deben subestimarse. Ningún intento debe valorarse como chamada de atención, senón como petición de axuda.

Prevención

O Ministerio de Sanidade anunciou recentemente o desenvolvemento dun Plan de Acción para a Prevención do Suicidio a nivel nacional 2025-2027(3), orientado a fortalecer os sistemas de información e mellorar a coordinación entre os distintos niveis asistenciais, así como a creación dun Observatorio a nivel estatal que brinde datos cuantitativos e cualitativos da conduta suicida, unha demanda que veñen realizando nos últimos anos, múltiples expertos e profesionais da Psicoloxía, entidades e organizacións, así como o propio Consello Xeral da Psicoloxía (COP).

Unha das medidas máis eficaces que ten exposto o COP, é a incorporación de psicólogos clínicos en Atención Primaria, o que facilitaría tanto a detección precoz como a prevención de este grave problema, no primeiro nivel asistencial de saúde.

O Plan de Prevención do Suicidio en Galicia(4) naceu en 2017 cun dobre obxectivo, o de reducir a taxa de suicidio e o de establecer medidas para diminuír o sufrimento das persoas que presentan un intento de suicidio, e das súas familia.

Prevención do Suicidio na Mocidade – Programa YAM

A adolescencia é considerada un factor de risco individual para a conduta suicida. O suicidio é a primeira causa de morte en España nos mozos de entre 15 e 29 anos.

O Programa YAM “Youth Aware of Mental Health” que significa Xuventude Consciente da Saúde Mental, é un programa escolar dirixido á xuventude de 13 a 17 anos no que aprenden e debaten sobre saúde mental. Está impulsado pola Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental da Consellería de Sanidade e incluído dentro do Protocolo de Prevención e Actuación nos ámbitos sanitario e de ensino ante o risco suicida infanto xuvenil sendo ademais un modelo de intervención recomendado como boa práctica pola OMS e por Save the Children

O programa inicialmente baseouse nunha intervención experimental preventiva grupal, estruturada como intervención breve (5 sesión de 1 hora), centrada na resolución de problemas polos propios pares de adolescentes. Participaron diversos países como: Alemaña, Austria, Eslovenia, Estonia, España, Francia, Irlanda, Israel, Italia Romanía e Suecia. O programa inicial foi avaliado nun estudo europeo multifacético realizado no 2015 con 11.110 alumnos que demostrou que a intervención levada a cabo era eficaz para reducir os intentos de suicidio e as ideacións suicidas graves no 50% entre mozos sen problemas de saúde mental preexistentes. Tamén se acadou a diminución dun 30% da sintomatoloxía depresiva ademais da mellora do apoio entre iguais e o reforzo ds estratexias de busca de axuda.

En Galicia, no ano 2021, propúxose a actualización do protocolo de suicidio vixente en Educación dende o 2018 e iniciouse unha colaboración entre Sanidade e Educación realizando un Ensaio Clínico Aleatorizado aprobado polo Comité de Investigación de Galicia-Sur. O YAM estase a implementar nos centros escolares que se escollen ao azar e teñen un grupo control de escolas análogas (rural/urbano, públicas/concertadas) representativo do total da poboación escolar galega de 3º da ESO.

Para o desenvolvemento do programa precísase dunha serie de colaboradores como son os Instrutores ou os Helpers:

Instrutores/as:

  • Orientadores/as escolares da Consellería de Educación.
  • Profesionais de saúde mental do SERGAS (psiquiatras, psicólogos/as e traballadores/as sociais).

Todos os instrutores de YAM teñen experiencia previa no traballo con grupos de mozos/as.

Helpers

  • Residentes de psicoloxía, psiquiatría ou enfermería de saúde mental.

Non estará presente ningún/a profesor/a nin persoal escolar mentres se desenvolve o YAM.(ás veces pode ser difícil para a mocidade discutir temas sensibles cando hai unha relación preexistente cunha persoa adulta, especialmente cunha figura de autoridade).

Prevese que para o curso 27/28 chegue a 385 centros educativos e conte ​con 23.000 participantes.

 

Existe outro programa dentro do Plan de Prevención do Suicidio, que enfoca a atención e prevención da conduta suicida en colectivos de mozos especificamente como son: os estudantes universitarios e os menores acollidos polo sistema de protección de Galicia.

O obxectivo de ambos é previr a conduta suicida mediante os Vixilantes de Axuda ou Gatekeepers que serán a figura máis innovadora do Programa Vi-dA, pioneiro en Galicia. Vi-dA englóbase no Plan de Prevención do Suicidio de Galicia: “Mellorar e crear programas de detección e intervención do risco de suicidio no ámbito social (comunitario e especializado)” articulándose en catro Módulos:

  • Psicoeducación.
  • Adestramento en Gatekeepers (xa sexa  profesionais de centros de protección de Galicia, ou gatekeepers alumnos/as, aproveitando a tendencia natural dos/as adolescentes e adultos novos a pedir axuda aos seus propios compañeiros/as).
  • Reunións trimestrais de seguimento con Gatekeepers.
  • Seguimento telefónico.

Desenvólvese coa participación de técnicos da Fundación Lar Pro Saúde Mental, e coordínase entre dúas Direccións Xerais, a de Asistencia Sanitaria e a de Familia e Dinamización demográfica.

As accións de Vi-dA baséanse na evidencia científica: Guía de Práctica Clínica de Prevención e Tratamento da Conduta Suicida  do Ministerio de Sanidade, Política social e Igualdade.

5 Estratexias para previr o suicidio

  • O suicidio pódese previr, como os accidentes de tráfico ou os homicidios. Fan falla políticas e programas de prevención.
  • É necesario incidir na poboación adolescente e persoas maiores.
  • Proporcionar pautas prácticas de actuación a familiares, coidadores e profesionais sanitarios.
  • Son necesarios máis recursos de atención para persoas en risco e familiares.
  • Difundir información veraz, científica, diminuíndo o escurantismo e o estigma asociado historicamente é vital. Falar do suicidio como problema de saúde mental pública nos medios de comunicación axuda a previlo.

Se tes algunha pregunta ou problema de índole emocional, podes contactar por correo  con ayuda@telefonodelaesperanza.org.

Se tes pensado no suicidio e precisas atención máis inmediata podes chamar, chatear o escribir ao grupo especializado: tesuic@telefonodelaesperanza.org.

Lembra que se precisas axuda urxente, o teléfono é a vía de contacto máis directa.

O Ministerio de Sanidade promove a Liña 024 de atención á conduta suicida. Trátase dunha liña telefónica de axuda ás persoas con pensamentos, ideacións ou risco de conduta suicida, e aos seus familiares e achegados, basicamente a través da contención emocional por medio da escoita activa polos profesionais do 024, a recomendación de que contacten cos servizos sanitarios do SNS ou a derivación ao 112 nos casos nos que se aprecie unha situación de emerxencia. En caso de emerxencia vital inminente pode chamar directamente ao teléfono de emerxencias 112.

 

Bibliografía

  • Observatorio del Suicidio. Estadísticas 2022. Fundación Española para la Prevención del Suicidio
  • https://www.sanidad.gob.es/fr/estadEstudios/estadisticas/estadisticas/estMinisterio/mortalidad/docs/DefunSuicidio2022-2024_NOTA__TEC.pdf
  • https://www.sanidad.gob.es/areas/calidadAsistencial/estrategias/saludMental/docs/Plan_de_accion_para_la_prevencion_del_suicidio_2025_2027.pdf
  • https://www.sergas.es/Asistencia-sanitaria/Documents/949/LINEAS%20ESTRAT%C3%89GICAS%20PREVENCI%C3%93N%20DEL%20SUICIDIO.pdf
  • Guía de Práctica Clínica de Prevención y Tratamiento de la Conducta Suicida. GUÍAS DE PRÁCTICA CLÍNICA EN EL SNS MINISTERIO DE SANIDAD, POLÍTICA SOCIAL E IGUALDAD, MINISTERIO DE CIENCIA E INNOVACIÓN

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020