A obesidade, definida como o exceso de adiposidade que se diagnostica cando o individuo acada un índice de masa corporal igual ou superior a 30, tanto en homes coma en mulleres, e calcúlase tendo en conta a estatura e o peso (IMC = Peso en kg /(Talla m)2), está a converterse nun importante problema de saúde pública, xa que afecta ao 16,0% da poboación española, segundo cifras achegadas polo Informe Anual do SNS do ano 2023 e da Enquisa Europea de Saúde do ano 2020.
Por outra banda, o sobrepeso sen obesidade, definido como o Índice de Masa Corporal (IMC) igual ou superior a 25, afecta ao 37,6% da poboación española maior de 15 anos, segundo as fontes citadas anteriormente (1-2) e o sedentarismo ou inactividade física ao 36,4%.
En canto á nosa comunidade, Galicia presenta unha porcentaxe de poboación maior de 18 anos obesa do 16,49%, segundo a última actualización dos Indicadores Clave do SNS 2023 (INCLASNS) e 39,2% de poboación presenta sobrepeso.
A comunidade científica pon especial relevancia na obesidade infantil, xa que o exceso de peso na idade pediátrica aumenta o risco de morbimortalidade na idade adulta. Segundo o último estudo sobre Alimentación, Actividade física, Desenvolvemento Infantil e Obesidade (ALADINO) do ano 2023 , máis dun terzo dos escolares analizados en España padecen exceso de peso. De entre os factores asociados á obesidade, seguen destacando os relacionados cos hábitos de alimentación e coa falta de actividade física, o baixo consumo de froitas e hortalizas ou o uso excesivo de pantallas.
Os nenos galegos de entre 6 e 15 anos foron estudados polo Sistema de Información sobre Conductas de Risco (SICRI) en relación á obesidade. Á espera de datos neste último ano 2024, no ano 2017 o 24,9% dos nenos presentaban sobrepeso en Galicia e o 8,25% presentaba obesidade(6).
A obesidade leva asociado un alto risco de presentar outras doenzas crónicas de tipo cardiovascular, respiratorio, osteomuscular, dixestivo e inmunitario como son a: diabetes mellitus, hipertensión arterial, dislipemias, síndrome de apnea obstructiva do sono, patoloxías hepáticas, depresión, cáncer e infertilidade…e por tanto, ameaza directamente ao noso sistema sanitario de saúde ao supoñer un importante aumento do gasto sanitario.
É prioritario combater esta nova pandemia, mediante a promoción de distintas extratexias como: a avaliación de menús escolares equilibrados; educación alimentaria integral para pais e fillos; máis horas de educación física nos colexios; oferta deportiva pública para combater o sedentarismo incluso co emprego de novas tecnoloxías; proxectos saúdables en entornos profesionais e de ocio...".
Dende a REGAPS, Rede Galega de Promoción da Saúde, creada a partir do “Plan Obesidade Zero en Galicia”, xa se están a desenvolver moitas destas estratexias. No ano 2024 avaliáronse os menús escolares de 493 colexios galegos (o 71%), creáronse aplicacións de uso público para promover o exercicio físico como son Camiña, ou Activar-T, ou a plataforma multitecnolóxica Sanidade Mediaverso onde se pode acceder a recursos videográficos de exercicio físico, alimentación saudable, hixiene do sono, e benestar emocional. Á súa vez, a Consellería de Sanidade creou un programa de exercicio multicompoñente para gafas de realidade virtual, coa idea de aumentar o exercicio físico nas persoas maiores e previr a fraxilidade.
A nosa comunidade ten armas para enfrentarse ao reto de obesidade como problema de saúde pública, xa que conta co Plan Obesidade Zero Galicia, e alberga grupos de investigación punteiros en nutrición e nutrixenómica, grandes profesionais no sistema público sanitario e unha boa accesibilidade a alimentos saudables incluídos na dieta altántica e mediterránea.
INE 2020
- A obesidade en España afecta ao 16,0% da poboación de 18 e máis anos (16,5% homes e 15,5% mulleres).
- As persoas con menor nivel educativo presentan o dobre de obesidade que aquelas con nivel de educación superior (21,5% e 10,1%, respectivamente).
- Desde 2006 a prevalencia de obesidade na poboación adulta permanece relativamente estable.
- O 36,4% da poboación de 15 e máis anos declárase sedentaria no seu tempo libre, sendo as mulleres máis sedentarias (40,3%) que os homes (32,3%).
- O sedentarismo está máis estendido nas persoas con nivel educativo inferior, 45,5% fronte ao 24,6% nas persoas con nivel superior.
- No período 2006-2020 o sedentarismo descende lixeiramente, alcanzándose en 2020 os valores máis baixos da serie.
- O 76,5% da poboación de 15 e máis anos consome diariamente froitas e/o verduras; os homes consomen menos que as mulleres cunha diferenza de 8 puntos porcentuais.
- O patrón de consumo diario é máis elevado no nivel de educación superior (80,1%) que no nivel básico e inferior (74,2%).
- No período 2006-2020 o consumo diario de froitas e/o verduras segue en xeral unha tendencia estable cun incremento mantido na última década.