Tempo estimado de lectura: 6 min
Autor:
Xanela Aberta á Familia
O xogo é fundamental para desenvolver as habilidades de liderado e de cooperación, pero se ademais é ao aire libre contribúe a estimular a imaxinación, a creatividade e as habilidades sociais dos vosos/as nenos/as.
As oportunidades de aprendizaxe en espazos abertos son numerosas porque os nenos e as nenas poden observar, explorar e experimentar con total liberdade e por si mesmos.
Propostas de xogos educativos:
Lembra aos/as nenos/as cales son as normas de convivencia coa contorna, son pequenos/as e quizais non saiban aínda como se ha de respectar a natureza.
- Procura de tesouros
É posible que ti o vises todo, pero que sexa a primeira vez que os teus fillos teñan a oportunidade de ver unha duna, unha lagoa, un corvo mariño ou unha garza real. Aproveita esa oportunidade!
Para facer esta procura do tesouro necesitaredes bolsas de papel marrón e rotulador.
Antes de saír de casa, collede as bolsas de papel e poñede en cada unha delas o nome duns dos elementos da natureza ou da contorna que teñen que buscar aos/as nenos/as: pauciños de madeira, pedras, flores, algo “laranxa” etc. Imaxinación ao poder!
Se son nenos/as moi pequenos/as, ademais de escribir en cada bolsa o que deben buscar, sería bo que fixésedes un debuxo do elemento en cuestión para que poidan identificalo.
Para que aos/as nenos/as maiores gocen dunha competencia “extra”, podedes asignarlle puntos a cada elemento. Aos elementos máis difíciles de atopar asignádeslles unha puntuación máis alta.
Unha vez que cheguedes ao lugar elixido… comeza a aventura! É o momento de que o/a neno/a comece a buscar. Vixiade ben os seus movementos ou guiádeo/a sen que se dea conta para que vaia atopando todo o que indican as bolsas. A medida que vaia localizando todo, terao que ir colocando na bolsa correspondente.
Un último apuntamento. É importante que se limpen ben as mans despois de coller cada elemento.
- Gran reto da reciclaxe
Con nenos/as pequenos/as é moi divertido que cada un leve un pau, que é un “detector de lixo imaxinario” que pita cada vez que atopamos un.
Para buscar un incentivo, podemos exporlles un reto: seremos capaces de recoller tanto lixo como pesa este tronco ou esta pedra? Podemos improvisar unha gran balanza cun pau colgado pola metade da rama dunha árbore. Nun extremo colgamos o obxecto do reto e no outro, unha gran bolsa co lixo que recollemos.
- Paseo a cegas
Colocámonos por parellas. Unha persoa cos ollos vendados e a outra actuará de guía e orientará o/a “cego/a”, con coidado, parándoo/a en cousas interesantes de tocar, sentir, cheirar….
Ou se o preferides... aínda máis divertido! Collede un corda longa, co guía á cabeza orientando e o resto do grupo agarrado en fila á corda e cos ollos vendados. Se hai algo interesante que tocar e cheirar, sinálase o/a primeiro/a da fila que llo irá indicando ao seguinte e así sucesivamente.
- Camiña coma un...
O único obxectivo deste xogo é divertirse! Canto máis gracioso, mellor!
Non require moita planificación. Depende un pouco da vosa creatividade. É tan simple como pedirlles aos nenos/as que “camiñen coma un…”: cangrexo, canguro, mono, lagarto, ancián, atleta... O que se vos ocorra!