A Rede Local de Saúde do proxecto Health4EUKids en Ponteareas organiza a xornada de presentación do proxecto á comunidade educativa, para a xeración do programa de acción durante o curso 2024-2025.
Entre as accións que se presentaron aos directores dos centros escolares están:
- Aplicación da ferramenta Vivir Saudable (Living Healthy Tool), adaptada á rapazada, para realizar unha avaliación da situación da súa contorna mediante un grupo de discusión sobre os determinantes da saúde que inflúen no sobrepeso e a obesidade infantil.
- P16: avaliación dos menús dos centros educativos co servizo de comedor.
- Descansos activos nas aulas: mellora da concentración, da hixiene postural e da actividade física.
- Diario de actividade física nas aulas: formación en actividade física, beneficios , tipos etc., e facer un reto de actividade física.
- Plato de Harvard: formación sobre alimentación saudable.
- Taller de etiquetado nutricional: formación sobre o procesado de alimentos e o seu valor nutricional.
- Xogos tradicionais na praza: actividade interxeracional para non perder a nosa cultura popular.
A comunidade educativa é unha parte imprescindible no desenvolvemento das actuacións do proxecto, que finalizará en decembro de 2025. Deste xeito , o profesorado, as nenas e os nenos e as nais e os pais poderán participar tanto no seu deseño como no seu desenvolvemento.
Os centros que participaron na análise da contorna, unha vez analizadas as características das actividades, e as particularidades de cada centro, escolleron participar nas que máis se adaptan aos seus intereses. Elixiron como mínimo 3 e como máximo 5 das accións, que foron establecidas previamente cos representantes da rede comunitaria.
Dos 7 colexios existentes no concello súmanse á iniciativa 5. En total toman parte nas actividades 899 alumnos, 285 do primeiro ciclo, 315 do 2º ciclo e 299 do 3º ciclo de educación primaria. Estes cativos teñen entre 6 e 12 anos de idade.
Os centros educativos que interveñen son: CPR Plurilingüe Santiago Apóstol, CPR Plurilingüe La Inmaculada, CPR Plurilingüe As Veigas, CPR Plurilingüe feliciano Barrera e CEIP Fermín Bouza Brey.