Presentación Sanidade Mediaverso



Sergas presentación sanidade mediaverso 


O pasado 12 de xaneiro, a Dirección Xeral de Saúde Pública presentou a plataforma Sanidade Mediaverso na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Ao acto acudiron representantes da Consellería de Sanidade, personalidades das diferentes administracións, así como persoal técnico e colaboradores clave que contribuíron no desenvolvemento deste proxecto integral.

Trátase dunha plataforma multitecnolóxica que utiliza as novas tecnoloxías para promover un estilo de vida saudable e que se estrutura ao redor de catro grandes eixos: a alimentación saudable, a actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.

Seguindo os obxectivos do Plan Obesidade Zero, Sanidade Mediaverso nace co fin de consolidar a intención de promocionar hábitos de vida saudables na poboación e de prover, coas novas tecnoloxías, formación e ferramentas de educación pa​ra a saúde relacionadas coa alimentación, o exercicio físico, o benestar emocional e a prevención de condutas aditivas.

O contido web de Sanidade Mediaverso inclúe unha serie de vídeos instrutivos con expertos en actividade física, nutrición e benestar emocional que proporcionan consellos prácticos e de utilidade relacionados con estes aspectos. Ademais, esta plataforma inclúe diversos cursos de formación e recursos enfocados na prevención de condutas aditivas, con fin de integrar hábitos saudables na vida diaria das persoas.

presentacion sanidade mediaverso decoracion  

En canto a ferramentas dixitais, Sanidade Mediaverso incorpora un planificador de comidas para 8 semanas con receitas saudables que permite elaborar a lista da compra para todos os membros da unidade familiar.

Así mesmo, dentro da plataforma podemos atopar ferramentas interactivas de realidade aumentada que fomentan a actividade física para todas as idades, xogos para aprender as diferenzas entre os alimentos e as súas combinacións para conseguir unha alimentación equilibrada ou unha aplicación que conta os pasos diarios e que permite realizar as distintas etapas do Camiño de Santiago de forma virtual, entre outras.

Ademais, a plataforma tamén incorpora experiencias mediante o uso de realidade virtual para a prevención de condutas aditivas en adolescentes e para incentivar o exercicio físico entre as persoas maiores, adaptado ao estado de saúde.

En definitiva, Sanidade Mediaverso emprega ferramentas dixitais deseñadas para motivar, educar e guiar ás persoas co fin de adoptar un estilo de vida saudable e alcanzar o benestar integral.

Pode acceder a todo o contido de Sanidade Mediaverso na seguinte ligazón: https://sanidademediaverso.sergas.gal/

  
​​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020