O pasado 16 de outubro tivo lugar un evento organizado conxuntamente pola Rede Galega de Promoción dá Saúde (REGAPS) e a UDC Saudable no campus de Ferrol. Días máis tarde, o 28 de outubro, tamén se celebrou un evento similar na facultade de informática da Coruña. Nestes encontros levouse a cabo un taller coa aplicación EnMovemento a través das lentes de realidade virtual. Trátase dunha ferramenta que forma parte da plataforma Sanidade Mediaverso. Esta aplicación permite realizar un adestramento que incorpora unha serie de exercicios multicompoñente guiados a través de unha adestradora virtual co obxectivo de previr a fraxilidade en persoas maiores. O adestramento incorpora unha serie de exercicios orientados a traballar as distintas partes do corpo, incluíndo exercicios de quecemento e arrefriamento. Cada exercicio é diferente e para superalos é preciso interactuar cos diferentes elementos, tocando ou esquivando os obstáculos que van aparecendo ao longo do adestramento. Esta nova ferramenta conta con tres niveis de dificultade para adaptarse á capacidade funcional das persoas, podendo seleccionar un adestramento para persoas sen limitación, con limitación leve ou con limitación. É por iso que EnMovemento ten en conta a accesibilidade, permitindo realizar exercicios multicompoñente guiados mesmo para persoas en cadeira de rodas. Este adestramento tamén permite seleccionar a duración do mesmo, podendo elixir entre 5, 15 e 25 minutos. Ademais, toda a experiencia está locutada e subtitulada.
Estes talleres poñen en valor a promoción da saúde a través das novas tecnoloxías. Neste sentido, a REGAPS traballa en todas as áreas co fin de promover estilos de vida saudables na poboación galega, establecendo un nexo de unión entre todos os actores implicados no ámbito local. Á súa vez, a UDC Saudable da Universidade da Coruña é un servizo dependente do Vicerreitorado do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social. En sintonía colaborativa transversal co desenvolvemento sostible, unha das súas principais funcións céntrase na coordinación e na realización de diferentes iniciativas co fin de adoptar estilos de vida saudables na comunidade universitaria con proxección social. As principais áreas temáticas que abordan son a actividade física e o deporte, a actividade ocupacional xunto ás rutinas cotiás, o lecer e tempo libre, a alimentación equilibrada, o benestar psicosocial, a hixiene de sono, a saúde sexual, a prevención de condutas adictivas, a inclusión das persoas con diversidade, a fraxilidade nos distintos grupos de poboación ou a orientación pedagóxica, entre outros aspectos.