Rede Galega de Promoción da Saúde na Poboación Xitana

Tempo estimado de lectura: 3 min
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

A Rede Galega de Promoción da Saúde na Poboación Xitana, é unha das accións desenvolvidas pola Consellería de Sanidade a través do plan “Obesidade Zero en Galicia 2022-2030” que busca reducir a obesidade da poboación galega. Un dos obxectivos do Plan é reducir as desigualdades e fomentar accións que teñan en conta a equidade, garantindo un acceso xusto aos recursos sanitarios, para que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades de desenvolver e manter a súa saúde.

A través desta Rede contratáronse sete mulleres integrantes desta comunidade (unha por cada área sanitaria), que actuarán como mediadoras de saúde, favorecendo a adquisición de habilidades en hábitos de vida saudables respectando a súa identidade e cultura.

 

Os seus principais obxectivos son: mellorar o estado de saúde deste colectivo, minimizar as posibles desigualdades existentes, potenciar a súa participación nas accións comunitarias, fomentar cambios na contorna que lles facilite desenvolver uns estilos de vida saudables e promover o traballo en rede de todos os actores que inflúen na promoción da saúde. Para isto, será necesario mellorar a alimentación, o aumento do exercicio físico, a prevención de accidentes e a redución do consumo de tabaco, alcol e outras sustancias adictivas. Para o cal é imprescindible acercar a comunidade xitana aos servizos de saúde e estes á súa realidade.

Para a posta en marcha desta iniciativa, a consellería de Sanidade publicou a ORDE do 1 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras dunha subvención, cofinanciada nun 60% pola Unión Europea, no marco do programa do Fondo Social Europeo Plus Galicia 2021-2027, para realizar programas de saúde pública no campo da promoción da saúde da poboación xitana.​

 

Como primeiro paso desta subvención, realizouse unha formación inicial en materia de promoción de saúde, para as sete referentes, en temas como: os determinantes sociais da saúde, diagnóstico de saúde comunitaria, sistema sanitario, educación para a saúde, promoción de estilos de vida saudables, prevención de enfermidades, uso adecuado de medicamentos, programas de detección precoz, atención sanitaria a muller e a adolescencia, coidado da saúde mental, etc.

Nunha segunda fase realizouse un estudo diagnóstico sobre a situación da poboación xitana galega en materia de saúde, co fin de detectar as necesidades e para orientar ás mediadoras na formación e nas estratexias de intervención a levar a cabo nas súa áreas de influencia.

Unha vez rematado este estudo, desenvolveranse as actividades para o fomento de estilos de vida saudables e a diminución dos seus factores de risco, mediante a promoción e a educación para a saúde de acordo ao seu propio contexto e tendo en conta os resultados obtidos na enquisa.

Dende xullo de 2024 ata xuño de 2027, período de vixencia do proxecto, terá lugar a formación continuada, das mediadoras ou referentes en saúde segundo as súas características e as necesidades da área sanitaria na que desenvolvan as accións, para a mellora e o reforzo das habilidades e coñecementos necesarios para a promoción da saúde.

Durante todo o proceso, realizarase unha avaliación continua para adecuar e mellorar as actividades de promoción da saúde implantadas en cada territorio.

 


A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020