Praias sen fume

Tempo estimado de lectura: 6 min 15 seg
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

A Rede Galega de Praias sen Fume é unha iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública iniciada no ano 2016 dentro do Programa Galego de Promoción dunha Vida sen Tabaco (1993-2023) co obxectivo de aumentar os espazos sen fume ao aire libre, cambiar a percepción social sobre o tabaco, reforzar o papel modélico positivo dos adultos fronte á infancia e promover praias que respecten e coiden o medio ambiente1.

Actualmente a Rede Galega de Praias sen Fume continúa enmarcado no obxectivo terceiro do Plan Inspira Saúde(2023-2027) contando con 82 concellos adheridos e un total de 242 praias rexistradas, incluídas praias fluviais. Esta iniciativa acompáñase doutras como “Clases sen fume”, incluído nos Planes Proxecta de innovación educativa que se elaboran cada ano escolar, a Rede Europea de Hospitais sen tabaco, da que Galicia forma parte dende o ano 2010, a Rede Galega de Portos Sen Fume (2018) e a Rede Galega de Parques sen Fume (2022)2,3.

Todos os concellos poden participar mediante unha solicitude na cal formalizan o compromiso á realización de actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, tales como a sinalización das praias cos materiais facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública (bandeiras, carteis, etc.).

 

De acordo coa Organización Mundial da Saúde, o consumo de tabaco é a primeira causa de morbilidade e de mortalidade evitable. En Europa, o tabaquismo provoca 1,2 millóns de mortes cada ano. Así mesmo, o fume ambiental de tabaco tamén contribúe á morbilidade e á mortalidade. Un estudo recente amosa que en España, en 2020, un total de 747 mortes foron atribuíbles á exposición ao fume de tabaco ambiental en poboación maior de 35 anos4. En Galicia, a exposición ao fume ambiental de tabaco provoca 140 mortes ao ano. Ademais, o 80% das mortes atribuídas ao fume de tabaco en mulleres galegas prodúcese en persoas non fumadoras. Nesta liña, o descenso na prevalencia de exposición tradúcese nun descenso da mortalidade atribuida5.

É necesario resaltar a importancia que ten a educación para a saúde e o fomento do pensamento crítico para adoptar hábitos saudables na rutina das persoas, incluíndo á poboación moza. O 8,5% dos estudantes de 12 a 13 anos recoñece ter fumado tabaco nalgún momento da súa vida, e o 4,1% nos últimos 30 días. Entre os 14 e os 18 anos, o 21% recoñece fumar algún cigarro no último mes. O estudo ESTUDES publicado o ano 2023 recolle que os nenos e nenas de 12 e 13 anos que fumaron algunha vez o fixeron con 11,8 anos no caso das alumnas e con 11,9 anos no caso dos alumnos6. Neste sentido, é responsabilidade de toda a sociedade contribuír a desnormalizar o consumo do tabaco. As actuacións fronte ao tabaco deben ser claras e exemplares. Un dos principais obxectivos da Rede Galega de Praias sen Fume é que a poboación moza reflexione sobre o tabaco e que poidan concluír que non é necesario fumar para gozar dun día de praia.

As praias e os parques son lugares lúdicos para desconectar e gozar da familia, das amizades e da natureza onde o fume de tabaco non ten cabida.

Fagámolo entre todas as persoas!

 

Bibliografía

  • Dirección Xeral de Saúde Pública. Red Gallega de playas sin humo [Internet]. Disponible en: https://www.sergas.gal/Saude-publica/Praias-sen-fume
  • Dirección Xeral de Saúde Pública. Programa Clases sen fume [Internet]. Disponible en: https:// www.sergas.gal/Saude-publica/PCA-Clases-sen-fume
  • Dirección Xeral de Saúde Pública. Red Gallega de parques sin humo [Internet]. Disponible en: https:// www.sergas.gal/Saude-publica/Rede-parques-sen-fume
  • Pérez-Ríos M, López-Medina DC, Guerra-Tort C, Rey-Brandariz J, Varela-Lema L, Santiago-Pérez MI, Candal C, Montes A, López MJ, Dalmau R, Provencio M, Fernández E, Blanco A, Ruano-Ravina A. Mortality Attributable to Environmental Tobacco Smoke Exposure in Spain in 2020. Arch Bronconeumol. 2023 May;59(5):305-310. English, Spanish. doi: 10.1016/j.arbres.2023.02.017. Epub 2023 Mar 10. PMID: 36967344. Disponible en: https://pubmed.ncbi.nlm.nih.gov/36967344/
  • Rey-Brandariz J, Guerra-Tort C, López-Medina DC, García G, Teijeiro A, Casal-Fernández R, Candal-Pedreira C, Varela-Lema L, Ruano-Ravina A, Pérez-Ríos M. Mortality attributable to secondhand smoke exposure in the autonomous communities of Spain. Rev Esp Cardiol (Engl Ed). 2024 Apr 10:S1885-5857(24)00127-0. English, Spanish. doi: 10.1016/j.rec.2024.02.019. Epub ahead of print. PMID: 38609041. Disponible en: https://pubmed.ncbi.nlm.nih.gov/38609041/
  • Observatorio Español de las Drogas y las Adicciones. Estudio piloto ESTUDES 2023 12 Y 13 años. Encuesta piloto sobre uso de drogas y adicciones en estudiantes de enseñanzas secundarias de 12 y 13 años de 1º y 2º ESO en España. (Ed. revisada) Madrid: Ministerio de Sanidad. Delegación del Gobierno para el Plan Nacional sobre Drogas, 2023.41 p. Dispoñible  en:  https://pnsd.sanidad.gob.es/profesionales/sistemasInformacion/home.htm
​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020