A Xunta de Galicia acordou iniciar a tramitación da nova Lei de saúde pública de Galicia co obxectivo de "mellorar a resposta ante os riscos sanitarios xa existentes e os emerxentes, establecer protocolos de actuación e reducir a incidencia de enfermidades" alén de regular de forma específica a promoción de estilos de vida saudables.
A norma modernizará a gobernanza da saúde pública en Galicia mediante a participación cidadá e comunitaria, fomentando unha maior participación das comunidades locais, permitindo que as persoas teñan un papel activo na definición das políticas públicas que afectan á súa saúde. Garantirase, ademais, a equidade territorial e a coordinación cos concellos, co Sistema Nacional de Saúde e cos organismos nacionais competentes.
Preténdese por tanto, fomentar a acción local en saúde, mediante a colaboración e o traballo en rede entre adminisitraciones públicas, entidades comunitarias, centros educativos, asociacións e outros axentes relevantes, co obxectivo de promover a saúde e reducir desigualdades.
Dentro do marco do Plan Obesidade Zero, incluirase a vixilancia das contornas obesoxénicas comprendendo a análise de factores ambientais, sociais e educativos que poidan favorecer o desenvolvemento de sobrepeso e obesidade na poboación, especialmente na infancia, con indicadores públicos e actualizados periodicamente.
O impulso de políticas activas en promoción da saúde implica a creación de contornas saudables en centros educativos, laborais e comunitarios. Os eixos centrais son por tanto as organizacións que creen Redes de Promoción da Saúde como son:
- A Rede Escolas(1) e Universidades promotoras da Saúde (REUPS)(2) da que forman parten as 3 universidades galegas: a USC, a UDC e a Uvigo
- A Rede Internacional de Hospitais promotores da Saúde (3) (HPH) (4)
- A Rede Española de Empresas Saudables (REES) (5)
- A Rede Española de Cidades Saudables (RECS) (6) da que forman parte moitos municipios galegos
A saúde non só depende a bioloxía humana (xenética) e a atención sanitaria, senón tamén das contornas onde vivimos (nun 19%) e convivimos e os hábitos de vida (43%) (7), polo que a promoción da saúde debe ter unha visión ampla.
As contornas físicas inflúen directamente na saúde: os espazos verdes e seguros favorecen hábitos saudables, mentres que a contaminación e as vivendas en malas condicións de habitabilidade poden causar enfermidades e tensións.
As contornas sociais son importantes para o benestar emocional, xa que o apoio e a inclusión preveñen problemas mentais, mentres que a discriminación e o illamento agrávanos.
A contorna educativa axuda a formar hábitos saudables e valores desde a infancia, alén de favorecer o desenvolvemento privado e social do alumnado.
A contorna laboral afecta á saúde física e mental: ter boas condicións laborais mellora o benestar emocional, mentres que a tensión e a precariedade prexudícano.
A contorna dixital ofrece vantaxes para a comunicación e o acceso a información, pero o seu uso excesivo pode provocar sedentarismo e problemas sociais.
En conclusión, as contornas teñen unha gran influencia na saúde e é necesario crear condicións que permitan unha vida saudable e de calidade. A promoción da saúde require a colaboración de toda a sociedade para crear contornas máis saudables, sostibles e igualitarios.