O pasado día 29 de setembro de 2025 deu comezo a campaña de vacinación anual fronte á gripe en Galicia, que se desenvolverá ata o 31 de decembro deste ano. Nesta edición, os centros de saúde de atención primaria constitúen o eixo central da campaña 2025/26, actuando como principais puntos de administración das vacinas fronte á gripe e á COVID-19.
Tal como noutras campañas, a vacinación foi secuencial iniciándose nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade, onde os equipos de atención primaria se desprazaron para realizar a vacinación in situ, achegando así a inmunización ás persoas residentes e aos traballadores.
Mediante SMS están sendo citadas proactivamente as persoas de 60 anos ou máis, así como os nenos e nenas de entre seis meses e 11 anos, para vacinarse fronte á gripe, e as persoas de 70 anos ou máis para vacinarse fronte á COVID-19. Estas persoas son vacinadas nos seus centros de atención primaria, co obxectivo de consolidar o modelo de vacinación de proximidade e facilitar o acceso da poboación ás vacinas.
Como novidade, levouse a cabo o programa piloto de vacinación infantil fronte á gripe, desenvolvido en 55 centros escolares, no que participaron nenos e nenas de entre 3 e 11 anos, que recibiron a vacina intranasal, favorecendo así unha maior aceptación da vacinación nesta franxa de idade.
A vacina antigripal trivalente de “alta carga” foi introducida para persoas de 70 a 79 anos (antes reservada a persoas de 80 anos ou máis).
A vacinación antigripal está tamén dirixida ás persoas de 60 anos ou máis, mulleres embarazadas, persoas fumadoras e profesionais sanitarios e sociosanitarios, entre outros grupos de risco.
Un dos principais obxectivos é acadar unha cobertura vacinal do persoal sanitario e sociosanitario de polo menos un 75%, reforzando a protección deste colectivo esencial.
Obxetivos específicos (vacinación antigripal)
- Acadar unha cobertura na poboación de 60 ou máis anos igual ou superior ao 75%.
- Acadar unha cobertura vacinal nos traballadores sanitarios do Servizo Galego de Saúde e traballadores sociosanitarios superior ao 75%.
- Acadar unha cobertura vacinal nas mulleres embarazadas superior ao 60%.
- Acadar unha cobertura vacinal nos nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos de idade do 60%
Indicacións para vacinación antigripal e covid
A vacinación conxunta fronte a gripe e a covid está indicada nos seguintes grupos:
- Persoas de 70 e máis anos
- Persoas de 12 anos ou máis residentes en institucións pechadas (tales como residencias de maiores, centros de discapacidade, etc.)
- Embarazadas en calquera trimestre da xestación
- Persoas de 12 a 69 anos de idade con condicións de risco
- Conviventes con persoas de alto risco
Considéranse grupos de risco os seguintes:
DM, síndrome de Cushing. Obesidade mórbida (IMC≥40 en adultos, ≥35 en adolescentes o u ≥DS na infancia). Enfermidades crónicas cardiovasculares, neurolóxicas ou respiratorias, incluindo a displasia broncopulmonar, fibrose quística e asma. Enfermidade renal crónica e síndrome nefrótica. Hemoglobinopatías e anemias ou hemofilia, outros trastornos da coagulación e trastornos hemorráxicos crónicos, así como receptores de hemoderivados e transfusións múltiples. Asplenia ou disfunción esplénica grave. Enfermidade hepática crónica, incluíndo alcoholismo crónico. Enfermidades neuromusculares graves. Inmunosupresión (incluíndo as inmunodeficiencias primarias e a orixinada pola infección por VIH, por fármacos, así como os receptores de transplantes e déficit do complemento). Cancro e hemopatías malignas. Fístula de líquido cefalorraquídeo e implante coclear ou en espera del. Trastornos e enfermidades que supoñan disfunción cognitiva: síndrome de Down, demencias e outras.
Indicacións para vacinación antigripal