Vacinas

224. Vacinas.jpg 

Qué son e cómo funcionan as vacinas?

 

Vacinación

As vacinas son preparados destinados a xerar inmunidade contra unha enfermidade estimulando as defensas do noso corpo mediante a produción de anticorpos.

As vacinas preveñen enfermidades, discapacidades e defuncións.

Os programas de vacinación son unha das estratexias preventivas de saúde pública que máis mortalidade, enfermidade e discapacidade evitou e segue evitando na historia da humanidade.

 

Cómo funcionan as vacinas?

A vacinación provoca que o noso sistema inmunitario produza anticorpos fronte á enfermidade da que nos estamos a vacinar. Estes anticorpos son os encargados de protexernos fronte aos virus ou bacterias que causan a enfermidade, anulándoos e evitando así que enfermemos.

 

Seguridade das vacinas e posibles efectos adversos

 

Seguridade

En relación á seguridade das vacinas, é importante destacar que son os medicamentos máis seguros que existen xa que, al seren utilizados de forma maioritaria en poboación san, se lles esixen máis estudos de seguridade que a ningún outro medicamento. Os estudos de seguridade miden a posible existencia de efectos adversos ou indesexables e realízanse sobre miles de persoas antes de que unha vacina chegue ao mercado.

Ademais, cando as vacinas están xa utilizándose na poboación, seguen vixiándose xa que poden existir efectos adversos moi pouco frecuentes que só aparecerían cando a vacina se administra a millóns de persoas, como é o caso. Toda esta vixilancia asegúranos a seguridade das vacinas que se administran.

 

Posibles efectos adversos que poden producir as vacinas

A meirande parte dos efectos non desexados das vacinas, cando se producen, son leves e os síntomas duran poucas horas.

As vacinas poden ter estes efectos pola acción da propia vacina ou polos conservantes, estabilizantes ou outras substancias que pode conter a vacina e que en moi raras ocasións producen reaccións alérxicas.

Os efectos adversos máis frecuentes son:

  • Dor, calor, inchazón ou entenrecemento no lugar da inxección. Isto ocorre con bastante frecuencia pero non ten demasiada importancia. Pode aliviarse con compresas frías e se molesta moito, pode utilizarse un analxésico suave a dose baixa (paracetamol ou ibuprofeno).
  • As veces aparece un vulto pequeno e duro no lugar da inxección pero tampouco debe preocuparnos xa que desaparece por si mesmo, aínda que pode durar algunhas semanas.
  • Febre: Pode producila calquera vacina, pero hai algunhas que a producen con máis frecuencia como a vacina triple vírica fronte á rubéola, o sarampelo ou as papeiras (neste caso a febre aparece de 4 a 15 días despois da vacinación), e a vacina DTP fronte a difteria, o tétano e a tose ferina. Tamén neste caso pódese administrar paracetamol ou ibuprofeno. Só debe consultar co pediatra se a febre dura máis de 24-48 horas ou aparecen outros síntomas que non son normais.
  • Poden acontecer efectos adversos máis graves (alerxias graves ou problemas relacionados coa función do cerebro) pero son moi pouco frecuentes (pode haber un caso por cada millón de vacinas administradas).

 

Pense sempre que padecer a enfermidade fronte á que se está a vacinar produce infinitamente máis reaccións graves que as que pode producir a vacina, polo que para evitar estas posibles complicacións graves, o mellor é vacinarse.​

 

Ideas falsas sobre vacinación

Existe un grupo que é moi minoritario en España pero con certa forza en países como Estados Unidos, que está a difundir falsas ideas sobre as vacinas e que constitúen un verdadeiro perigo para a saúde pública.

Algunhas das falsas ideas que difunden son:

  • Moitas vacinas non son necesarias xa que as enfermidades fronte ás que protexen xa non existen ou son moi pouco frecuentes. Non é certo, xa que a introdución das vacinas fai que os casos de enfermidade baixen de forma moi importante, mesmo ata facelas desaparecer, como é o caso da viruela. A proba é que en países nos que as vacinas non se poñen de forma masiva existen aínda casos de poliomielite ou de sarampelo. Se deixamos de vacinarnos, as enfermidades volverán a ser moi frecuentes.
  • As vacinas poden facer que se sufra a propia enfermidade fronte a que teoricamente protexen. Non é certo, xa que, agás das vacinas que conteñen organismos vivos, o resto das vacinas non teñen capacidade de producir ningunha enfermidade xa que non se poden reproducir. No caso das vacinas de organismos vivos, estes organismos están atenuados e non supoñen ningún problema para un sistema inmunolóxico normal. Por isto están contraindicadas ou se deben administrar con precaución en caso de ter problemas inmunolóxicos, pero estes casos están perfectamente controlados polos profesionais sanitarios. Esta idea é moi común cando se fala da vacina da gripe. Son moitos os que pensan que se vacinaron e que por iso, padeceron a enfermidade. A vacina antigripal que se utiliza habitualmente non contén organismos vivos polo que é imposible que poida ocasionar a enfermidade.
  • As vacinas causan efectos indesexables, enfermidades e incluso a morte. É certo que as vacinas poden provocar efectos adversos importantes, pero a súa frecuencia é moito menor que as complicacións que producen as enfermidades fronte ás que se vacina. Por exemplo, a vacina DTP pode causar encefalite, normalmente leve, nun neno de cada millón de vacinados. Padecer calquera das tres enfermidades (difteria, tétano e tose ferina), pode ocasionar a morte dun neno de cada 200 que a padezan. Difundíronse bulos tamén sobre a asociación entre esta vacina DTP e a morte súbita do lactante, bulos que foron desbotados mediante estudos serios a longo prazo.
  • Algunhas vacinas poden causar autismo e outras enfermidades raras. Os grupos antivacinas sinalan que as vacinas son as causantes do aumento de casos de múltiples enfermidades, entre outras o autismo pero tamén a esclerose múltiple e o Alzheimer, polo feito de que, segundo estes grupos, estas enfermidade son máis frecuentes dende que existen os calendarios de vacinación e se xeneralizou a utilización das vacinas. A ciencia foi desmontando estas falsas ideas. Las enfermidades existían antes da aparición das vacinas e estaban xa en aumento. As causas deste aumento poden ser outras, como o mellor diagnóstico das mesmas, e que os enfermos crónicos viven máis tempo polo que é máis probable que aumenten e se diagnostiquen máis casos. Noutros casos existe un aumento real de casos de enfermidade pero ningún estudio científico foi capaz de establecer unha relación coas vacinas.
  • Recibir moitas vacinas á vez pode sobrecargar o sistema inmunitario. O sistema inmune dos nenos está exposto a unha grande cantidade de antíxenos cada vez de sofre un simple arrefriado o calquera outra enfermidade, aínda que sexa leve. Esta exposición fai, entre outras cosas, que o sistema de defensa se desenvolva de xeito adecuado aprendendo a defenderse producindo anticorpos. Os antíxenos que engaden as vacinas non supoñen unha carga para o sistema inmune, aínda que se poñan moitas vacinas á vez.
  • Algunhas vacinas conteñen substancias tóxicas como o mercurio. O mercurio utilizouse durante moitos anos como conservante dalgunhas vacinas. A cantidade total de mercurio que se lle administraba a unha nena ou un neno cando recibía todas as vacinas do calendario está moi lonxe dos niveis considerados tóxicos. De tódalas maneiras, as vacinas actuais substituíron o mercurio por outros conservantes.
  • As vacinas afectan só á persoa que as recibe polo que cada persoa ten dereito a decidir se se vacina ou non. As vacinas non só protexen a quen as pon, senón que axudan a protexer a outras persoas, especialmente a aquelas que non poden vacinarse por ter problemas inmunitarios ou contraindicacións ás vacinas. Se unha persoa non padece unha enfermidade, non pode transmitirlla á xente da súa contorna. Ademais, se a maioría das persoas están protexidas, dificúltase a circulación do organismo causante da enfermidade, polo que se colabora a que a xente se manteña sa. Vacinarse é un beneficio para a persoa que se vacina, pero tamén é un acto de solidariedade coas persoas que, por problemas de saúde, non poden recibir as vacinas e polo tanto están expostos a padecer as enfermidades.
  • As vacinas son un invento da industria farmacéutica para gañar diñeiro. Non hai ningunha dúbida de que a industria farmacéutica gaña diñeiro coas vacinas. Se non fora así, non inverterían diñeiro na investigación e mellora das vacinas nin na súa produción. Isto ocorre igual con calquera fármaco, ou con calquera outro produto que poidamos comprar, o cal non quere dicir que sexan malas para a saúde. As vacinas teñen un custo económico elevado, na súa maioría financiado polo sistema sanitario público, pero tamén lle permite aforrar moito diñeiro no tratamento das devanditas enfermidades ou nas súas posibles secuelas, que se producirían de non vacinarse a poboación.​​​​​​​​​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020