O VIH é un dos maiores problemas de saúde pública do mundo. Calcúlase que uns 29,8 millóns de persoas estaban recibindo tratamento contra o VIH en 2022. Grazas á accesibilidade aos tratamentos antirretrovirais, as persoas con VIH viven máis tempo e con mellor calidade de vida1; non obstante, a longo prazo, a propia enfermidade e o tratamento teñen efectos sobre o paciente en forma de comorbilidades e limitación das súas capacidades funcionais2. Nestes aspectos, a actividade física pode contribuír a diminuír o risco cardiovascular e mellorar a saúde mental e as capacidades funcionais destes pacientes. Entre as actividades recomendadas, destacan as de carácter aeróbico e de intensidade moderada como camiñar, correr, remar 2-3 veces por semana en sesións de máis de 20 minutos, actividades de forza que impliquen grandes grupos musculares (cuádriceps, isquiotibiais, pectorais...) e actividades grupais supervisadas que promovan a socialización e as melloras físicas3.
Na asociación CASCO (Comité AntiSIDA da Coruña) trabállase a prevención do VIH/SIDA dende diferentes enfoques: piso de acollida para persoas en risco de exclusión social, piso de acollida para enfermos de VIH/SIDA, centro de atención social continuada, centro de atención socio-afectiva “Sexpoint” e organización de eventos deportivos para a poboación xeral como a I edición da Carreira Costa Ártabra (12/03/2023) e a II edición da Carreira Costa Ártabra (21/04/2024).
A asociación participa nun programa que engloba os ámbitos médico, social e deportivo, no que colabora co Club Deportivo Boxfit e coa unidade de VIH do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) e no que participa un grupo de traballo multidisciplinar formado por:
1.- Unidade de Enfermidades Infecciosas.
2.- Servizo de Farmacia Hospitalaria: responsables da optimización de procesos en Farmacia e obtención e avaliación de PROMs e PREMs, deseño de alarmas relacionadas con fármacos.
3.- Dirección Asistencial da área Sanitaria da Coruña e Cee:. Responsables de implementación, política de calidade e difusión.
4.- Servizo de Informática do CHUAC: responsables do desenvolvemento informático e a súa avaliación.
6.- Traballo Social.
7.- Comité Antisida da Coruña (CASCO): Protocolización de asistencia a problemática social e formación e vehiculización de persoas con ITS.
8.- Asociación Boxfit: Deseño de protocolos de actividade física para cada perfil.
Este programa busca fomentar hábitos de vida saudables, mellorar a condición física e a autoestima, e enriquecer as relacións individuais e colectivas mediante actividades lúdico-educativas que fomenten o traballo en equipo. Ademais, pretende mellorar a organización do seguimento asistencial dos pacientes con VIH, facendo un seguimento e avaliación da actividade para mellorar a eficiencia, redundando nun aforro económico e na posibilidade de dedicar máis recursos aos pacientes que máis o precisan. Para levar a cabo todos estes obxectivos realízanse actividades como funcional training, ximnasia de mantemento, atletismo, carreiras populares, sendeirismo, fútbol, tenis ou natación.
Bibliografía