Consumo de tabaco durante o embarazo

Tempo estimado de lectura: 4 min


Na maioría das mulleres aumenta a preocupación pola saúde -dela e do seu bebé-, polo que se tenden a eliminar as situacións de risco -coller pesos, subirse a alturas...- e a reducir o consumo de substancias tóxicas, como tabaco, alcohol e café. O que fagas ou deixes de facer neste tempo pode condicionar a vida do teu fillo ou filla... e, consecuentemente, a túa.

A principal razón para deixar de fumar é coidarte a ti mesma, non ten sentido perder anos e calidade de vida.

2179.jpg 
 
 
Reducir o consumo de tabaco non é suficiente: 5-6 cigarros tamén fan dano! Non existe un consumo seguro! Non te deixes enganar:
  • Fumar menos apenas serve para nada, non diminúe os riscos para a túa saúde nin a do teu bebé.
  • Os cigarros baixos en nicotina son igualmente prexudiciais para a saúde, xa que se tende a dar chupadas máis profundas ou a aumentar o número de cigarros co fin de chegar aos niveis de nicotina aos que se está afeito.
  • É máis fácil deixar de fumar que manter a redución.

Se fumas, o teu bebé tamén fuma, xa que depende exclusivamente de ti. Con cada chupada, a nicotina e outros compostos do cigarro chegan ao feto, e fan que a súa respiración sexa máis lenta e o seu corazón latexe máis á presa, chegándolle menos osíxeno e dificultando o seu crecemento normal.

Ao deixar de fumar diminúe o risco de presentar:
  • Aborto espontáneo (perda do bebé).
  • Parto prematuro, que adoita acompañarse de inmadurez fetal.
  • Alteracións na placenta: desprendemento placentario, que dá lugar a hemorraxias.
  • Malformacións conxénitas e morte fetal ou perinatal.

Se non fumas,o teu fillo ou filla terá menos risco de presentar baixo peso ao nacer, inmadurez pulmonar ou taquicardia fetal (ao chegarlle menos osíxeno, o seu corazón ten que traballar máis), que poden deixar secuelas na vida adulta.

2148.jpg 
 
 
Deixar de fumar é a mellor decisión que pode tomar unha muller de cara a súa saúde e ao seu embarazo. Hai moitas razóns para deixar de fumar e ningunha escusa para seguir facéndoo.

Nunca é demasiado tarde para deixar o tabaco. Miles de mulleres xa o conseguiron.

Busca apoio na túa parella, xa que el tamén ten a súa responsabilidade. Pídelle que deixe de fumar contigo e non volvades a fumar despois de que naza o bebé. Que o teu fillo ou filla sexa máis san/sa fará que a súa calidade de vida sexa mellor. Non volver fumar será a mellor elección!

Busca apoio noutras persoas do teu contorno (amizades, compañeiros/as de traballo ou familiares). Elixe un día para deixar de fumar e prepárate para isto. Elimina do teu fogar todo aquilo que che poida provocar desexos de fumar (cinceiros, acendedores...).

Frecuenta lugares onde non estea permitido fumar (cines, teatros, centros comerciais...), evita situacións de risco, ambientes con fume de tabaco e a compañía de persoas que fumen. Busca axuda no teu centro de saúde, alí poderán orientarte sobre as distintas alternativas dispoñibles. ​​​​​​​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020