O aceite de oliva, alimento clave na dieta saudable

10 de Xaneiro de 2022
Tempo estimado de lectura: 5 min

O chamado ouro líquido non é só un ingrediente esencial na nosa cociña, senón tamén un produto que proporciona grandes beneficios á nosa saúde. Axuda a previr as enfermidades cardiovasculares, combate o colesterol, é un excelente antioxidante, un aliado contra a hipertensión e moito máis. Descubre todas as súas propiedades! 
  • Os beneficios do aceite de oliva derivan do seu alto contido en ácidos graxos monoinsaturados e en substancias antioxidantes: vitamina E e polifenois.
  • O seu consumo está recomendado para todas as idades, dende a etapa infantil ata a terceira idade.
  • Aposta polo aceite de oliva virxe extra, menos procesado que o aceite refinado e, polo tanto, con maior achega de polifenois.
Imaxinas a túa despensa sen aceite de oliva? Seguro que non. Unha das principais características da dieta atlántica e da dieta mediterránea é a utilización do aceite de oliva, tanto para o aliñado coma para o cociñado dos alimentos.
 
O aceite de oliva non só é un dos produtos imprescindibles da cociña, senón tamén un ingrediente básico para unha dieta cardiosaudable, xa que nos achega diferentes nutrientes moi beneficiosos para a nosa saúde.
 
O seu consumo moderado está recomendado para todas as idades, dende a etapa infantil ata a terceira idade. Non renuncies a el!
 
Cales son as súas propiedades?
 
As graxas ou lípidos, formados por ácidos graxos, divídense en:
  • Ácidos graxos saturados, procedentes sobre todo de graxas de orixe animal e relacionados en maior medida con problemas cardiovasculares.
  • Ácidos graxos insaturados, procedentes de aceites vexetais e pescados, e máis saudables para o organismo. Á súa vez, os insaturados divídense principalmente en monoinsaturados (como o ácido oléico) e poliinsaturados (como o ácido linoléico), ambos os dous fundamentais para a vida humana. O principal tipo de ácido graxo do aceite de oliva é o monoinsaturado.
Outros nutrientes importantes no aceite de oliva son os antioxidantes como a vitamina E e os polifenois. É precisamente o alto contido en ácidos graxos monoinsaturados e en substancias antioxidantes o que confire ao aceite de oliva efectos tan beneficiosos. 
 
Aceite_oliva.jpg
 
 
15 beneficios do consumo de aceite de oliva
 
Son moitas as investigacións realizadas durante as últimas décadas sobre os beneficios do consumo de aceite de oliva.
 
Queres saber como pode influír na túa saúde? Ofrecémosche 15 boas razóns para incorporalo á túa dieta diaria.
  1. Ten unha gran capacidade antioxidante. O seu alto contido en polifenois axuda a reducir a oxidación e o dano celular. É importante apostar polo aceite de oliva virxe extra, menos procesado que o aceite refinado e, polo tanto, con maior achega de polifenois.
  2. Prevén algunhas enfermidades cardiovasculares. Principalmente, o infarto de miocardio, a anxina de peito e a trombose cerebral.
  3. Axuda a regular os niveis de colesterol. O seu alto contido en ácido oléico contribúe a diminuír o chamado colesterol malo (LDL) e aumenta os niveis do colesterol bo (HDL).
  4. Contribúe a reducir a presión arterial.
  5. Reduce a formación de coágulos sanguíneos e mellora a saúde das paredes arteriais.
  6. Axuda a reducir os niveis elevados de glicosa no sangue.
  7. Reduce o risco de síndrome metabólica (obesidade).
  8. Axuda a manter un equilibro máis san entre ácidos graxos omega-3 e omega-6.
  9. Ten un efecto protector contra certos tipos de cancro, ttales como o de mama, próstata, endometrio e aparato dixestivo.
  10. Reduce a actividade dos microbios e as infeccións.
  11. Ten un efecto antiinflamatorio.
  12. Cando se aplica directamente sobre a pel, ten un efecto hidratante.
  13. Mellora o funcionamento do estómago, fígado, páncreas e intestino e ten un lixeiro efecto laxante.
  14. Axuda a previr a osteoporose, xa que favorece a absorción do calcio e a mineralización do óso.
  15. Non favorece a obesidade e aumenta a actividade lipolítica (destrución de graxa) do tecido adiposo. ​

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020