Que facer ante un caso de ciberacoso sexual?

13 de Febreiro de 2023
Tempo estimado de lectura: 9 min
Autor: Xanela Aberta á Familia
 

O uso seguro e responsable das tecnoloxías achega moitos beneficios, pero temos que ser conscientes dos riscos que poden presentarse.

A falta de normas e límites pode facilitar que os nenos, as nenas e os/as adolescentes sexan máis vulnerables ante con?dos potencialmente daniños e violentos e a un maior risco de sufrir ciberacoso.

Sabes que é o ciberacoso?

O grooming, tamén coñecido como sextorsión ou ciberacoso sexual, é o engano dun adulto a través de internet para gañar a confianza dun/dunha menor de idade con fins sexuais.

A diferenza do acoso sexual puntual, é unha acción deliberada e planificada que normalmente implica a previa procura e selección dunha vítima que responde aos gustos do acosador.

O acosador ou groomer utiliza os medios ou canles que lle ofrece a tecnoloxía para camuflar a súa identidade e achegarse a un/unha menor con técnicas de engano e persuasión para lograr o seu obxectivo.

E faino seguindo unhas fases:

  • Fase de amizade: o acosador faille preguntas á vítima para coñecela, quere saber a súa idade, os seus gustos, afeccións… todo iso para adaptarse aos/ás nenos/as e xente nova, ter aspectos en común e gañar a súa confianza.
  • Fase de fidelización: tras facerse amigo, o acosador asegúrase de que a súa vítima queira seguir falando con el. Converterase nun grande amigo/a da internet. Fará moitas preguntas sobre el/ela e logo seguirá interesándose en temas familiares.
  • Fase de sedución: comezará a incluír temas sexuais nas charlas e tentará intercambiar imaxes provocativas de contido sexual. Adularao para que non desconfíe e siga enviando imaxes. Seducíndoo/a e xerando un sentimento de débeda nel/ela, o acosador logrará que cumpra a maioría das súas solicitudes.
  • Fase de acoso: coa información privada e as súas imaxes, o obxectivo é establecer unha relación sexual, aínda que en principio sexa virtual. Ameazará con publicar esas imaxes ou envialas aos seus contactos e chantaxeará para lograr máis ou incluso un contacto físico.
Fases ciberacoso sexual ou grooming  
E, que consecuencias ten o grooming?

Os/as nenos/as e adolescentes que sofren este tipo de acoso adoitan volverse introvertidos e esquivos, cambian a súa forma de socializar na casa, encerrándose con frecuencia no cuarto ou no baño, conectándose sempre á mesma hora cando os demais durmen…

Tamén poden presentar problemas para durmir, falta de apetito, ansiedade, diarreas ou manifestacións psicosomáticas como dores de estómago, de cabeza ou afeccións de pel.

As vítimas tenden a ocultar o que lles sucede por vergoña ou culpabilidade dilatando así a chantaxe no tempo e aumentando os danos.

Recomendacións para os menores
  • Rexeitar as mensaxes de tipo sexual ou pornográfico.
  • Utilizar contrasinais realmente privadas e seguras.
  • Ser coidadoso/a cos datos persoais que se publican.
  • Non publicar fotos súas ou dos seus amigos/as en sitios públicos.
  • Non aceptar nin agregar como contacto a descoñecidos/as.
  • Nunca xamais acudir a unha cita concertada a través de internet con outro/a menor a quen nunca viron presencialmente.
  • Entender que nunca se debe ceder ante unha chantaxe.
  • Comunicar a pais/nais ou titores/as calquera situación de risco (se un terceiro solicita temas relacionados con aspectos sexuais).
Recomendación para os pais e as nais
  • Comunicación aberta cos fillos/cas fillas abordando beneficios e riscos das TICs.
  • Educar na autoprotección: ser coidadoso á hora de facilitar datos por internet e nas redes sociais.
  • Os ordenadores con webcam e acceso a internet deben estar en zonas comúns da casa.
  • Instalar antivirus e programas de navegación segura nos aparellos electrónicos.
  • Supervisar, evitando ser intrusivos.
  • Establecer un horario para o uso da internet e do computador.
  • Educar na difusión responsable de imaxes (non enviar a descoñecidos, nin colgar segundo que imaxes).
  • Explicarlles aos/ás vosos/as fillos/as que non deben manter conversacións de contido sexual a través de internet, xa que poden ser capturadas e distribuídas pola rede.
  • Se se produciu unha situación de acoso NON cedades á chantaxe.

No caso de detectar unha situación de abuso, acoso ou coacción, hai que denunciala inmediatamente. Para iso, será moi útil recompilar, por moi desagradable que sexa, toda a información e detalles posibles: copias das conversacións, capturas de pantalla, imaxes…

Unha vez comunicado o posible delito, o primordial é centrarse en apoiar o rapaz ou rapaza que o sufriu. Ofrecerlle cariño, seguridade e a confianza para evitar que se sinta culpable ou xulgado/a polas súas accións. Achegarnos á Oficina de Atención á Vítima e buscar axuda psicolóxica tamén será moi útil para saír da situación.

É importante educar os/as menores na prevención e facerlles ver o que pode ocorrer se comparten na internet imaxes íntimas ou comprometidas, ou se aceptan a descoñecidos/as nas súas redes sociais ou nos seus xogos en liña.

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020