Tempo estimado de lectura: 2 min 30 sg
Fase de dilatación
A primeira etapa da fase de dilatación chámase fase latente ou pasiva ou "pródromos de parto". É unha fase de duración variable (pode durar varios días), na que o parto non se iniciou pero comezades a sentir molestias ou algunha contracción illada.
A segunda etapa chámase fase activa da dilatación e comeza cando o colo do útero, que ten forma de embude borrouse e abriuse polo menos 4 cm. Dise que o colo do útero "borrouse" cando "o embude" desaparece.
A fase de dilatación culmina cando o colo do útero, que vai abríndose aos poucos, chega aos 10 cm.
A medición do borramento do colo do útero e da dilatación realízase mediante tactos vaxinais. Estes, debido ao incremento de risco de infección, non deben realizarse de maneira rutineira en intervalos menores a 4 horas.
Esta fase pode durar ata 15 h en mulleres que non deron a luz nunca e 10 h naquelas que tiveron máis dun parto, é dicir, que xa deron a luz con anterioridade un fillo (independentemente do uso ou non de analxesia).
Fase de alumeamento
É a expulsión da placenta, que adoita saír unha vez que o cordón umbilical deixa de latexar. A administración de oxitocina (a oxitocina é unha hormona que, entre outras accións, provoca contraccións do útero durante parto e postparto) nesta etapa diminúe a probabilidade de ter unha hemorraxia despois do parto e acurta a duración do alumeamento. Aínda, que non utilizar fármacos, é unha opción aceptable para as mulleres que así o desexedes.
Normalmente a placenta sae aos 10-30 minutos e pode ser normal ata 1 hora se non se usa oxitocina sintética.
Se transcorrido este tempo non se expulsa, hai máis risco de hemorraxia postparto e é necesario extraela manualmente.