A crianza nos procesos adoptivos

Tempo estimado de lectura: 5 min

 
A adopción é unha medida de protección á infancia que evita a institucionalización de nenos e nenas que sufriron situacións traumáticas relacionadas coa desprotección. Desta forma, poden experimentar unha nova relación familiar parental e marental, esta vez baixo a protección e a vinculación que todo neno ou nena ten dereito a sentir.

Que a adopción supón as mesmas responsabilidades e deberes que a parentalidade biolóxica, é sabido. Por iso haberá que contemplar aqueles aspectos característicos do proceso evolutivo de calquera neno ou nena, e prestarlle atención ao que sucede en cada etapa do ciclo vital: primeira infancia, etapa escolar e adolescencia.

Así pois, como pai e nai adoptivo debes ter sempre presente que o teu fillo ou filla vai atravesar estas fases, como calquera outro ser humano, independentemente do sucedido previamente á adopción. Por tanto, fai falta prestarlle atención a que isto vai suceder, facéndoo desde unha mirada de curiosidade pola túa banda, e procurar estar atento e atenta ás súas necesidades.

Jugar.jpg 
 
 
Algo que non adoita estar “encima da mesa” é o feito de coñecerte a ti mesmo como pai ou nai; ti tamén tiveches unha familia, atravesaches etapas evolutivas, e tes o teu repertorio de aprendizaxes e emocións. Recoméndoche que te observes con frecuencia, e reflexiones como poden estar a influír na crianza que tes ou que queres ter entre mans.

A característica especial da adopción é que, ao comentado nas liñas anteriores súmaselle o dano emocional que esa persoa menor de idade trae consigo, debido a estar exposta a situacións traumáticas, xa que será preciso ir conxugando aqueles aspectos relacionados coa súa identidade conforme vaia crecendo. Como pai ou nai adoptivo, tes a responsabilidade de ocuparte deste aspecto. Neste artigo ofrézoche unha “vista panorámica” do que vas atopar nun proceso adoptivo; será noutro artigo que se publicará máis adiante onde atoparás estratexias máis concretas para poder manexar esta circunstancia.

Adopción.jpg 
 
 
Así pois, que é o trauma?
O trauma é o conxunto de reaccións normais, que teñen as persoas normais ante sucesos insólitos ou anormais (Frank Parkinson, 1993). Moitas reaccións que vemos en nenos, nenas e adolescentes vítimas de trauma poden parecernos “non normais”. En realidade, o que vemos son os síntomas consecuencia de pasar por algún acontecemento que sufriu cando non estaba preparado ou preparada para iso (porque era demasiado pequeno ou pequena, porque o suceso era moi daniño etc.). O seu sistema nervioso quedou atrapado na desprotección, no medo intenso, en algo incomprensible nese momento. Cando pensamos en trauma, tendemos a pensar en feitos de malos tratos evidentes (golpes, abuso, exposición ao consumo de drogas e/ou violencia...). Menos frecuente é pensar noutro tipo de circunstancias, que tamén son traumáticas se se repiten de forma cotiá: restar importancia aos seus sentimentos cada vez que buscan apoio emocional, deixar “que se defendan sós e soas” cando necesitan a protección e a seguridade da persoa adulta de referencia, ter que asumir unha autonomía que non lle corresponde por idade (cando é a única forma de recibir atención), ser o ou a confidente ou o pano de bágoas das persoas adultas, privalo de xogar etc. Calquera destas situacións adoita ir acompañada dunha falta de asunción da responsabilidade do dano por parte das persoas adultas de referencia (nai, pai, avó, avoa, tíos...), o que deriva en que ese neno, nena ou adolescente acabe cargando con ela en forma de culpa e vergoña, emocións que están detrás da ira ou da tristeza visibles, por exemplo.

Así pois, como nai ou pai adoptivo, ou se estás a pensar en adoptar, é necesario que coñezas o que supón isto para esa persoa á que lle vas a dar unha familia, e para ti, pois estaraste enfrontando a algo novo que fai falta saber manexar, para que non apareza tan facilmente a frustración e te sintas coa maior seguridade posible para manexalo.

Sandra Gómez López
Foi psicóloga do Programa de Adopcións Especiais. Actualmente é terapeuta no Programa de Intervención con Nenos e Nenas Vítimas de Violencia de Xénero, terapeuta e coordinadora do Programa de Intervención con Mulleres Vítimas de Abuso e Violencia Sexual e do Programa de Intervención con Nenos, Nenas e Adolescentes Vítimas de Abuso Sexual da Fundación Meniños.

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020