Control do benestar do bebé no parto

Tempo estimado de lectura: 2 min

  

Auscultación fetal

Para valorar se o voso bebé se atopa ben escoitarase o latexado do seu corazón durante o parto mediante a monitoraxe, isto coñécese popularmente como "monitores" ou "correas". Algúns hospitais contan con monitores inalámbricos que permiten o movemento, pero non todos. A monitoraxe pode realizarse de maneira continua ou intermitente. A evidencia científica demostra que a auscultación continua está asociada a intervencións innecesarias. A auscultación continua é necesaria cando se emprega oxitocina ou analxesia epidural. Para realizar auscultación intermitente necesítase que o hospital conte co modelo "one to one".

Que é o modelo "one to one"?

É un modelo de acompañamento ao parto que naceu no Reino Unido e que se viu que aumenta a satisfacción das mamás co proceso. Propón que as mulleres sexades acompañadas por unha matrona durante todo o parto, ou sexa que a matrona estea convosco na sala de dilatación todas as horas que dure o parto. Son moi poucos os hospitais que contan con este modelo (xeralmente os hospitais comarcais), xa que a maioría das matronas que traballan en hospitais grandes deben acompañar a varias mulleres á vez. 

Situacións distintas ás esperadas: microtoma de sangue fetal

Ás veces, se debido ao rexistro dos latexados do bebé se sospeita que está a sufrir durante o parto, pode ser necesario extraer unha cantidade de sangue pequena da cabeciña do bebé, para comprobar que se atopa ben. Mídense parámetros do equilibrio ácido-base. O resultado pode confirmar que o bebé está a sufrir, polo que sería necesario que nacese xa (por cesárea ou mediante parto instrumental) ou confirmar que o bebé se atopa ben. ​​​​

 

cesárea.jpgrecién nacido parto.jpg
 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020