Ciberacoso sexual, grooming, sextorsión

Tempo estimado de lectura: 6 min

O uso seguro e responsable das tecnoloxías dixitais achega moitos beneficios. Sen ningunha dúbida. Pero tamén temos que ser conscientes dos riscos que poden presentarse.
 
A falta de normas e límites pode facilitar que os/as nenos/as, e os/as adolescentes estean máis expostos a contidos potencialmente daniños e violentos, e a un maior risco de sufrir ciberacoso.
 
Sabes que é o ciberacoso?
 
O grooming, tamén coñecido como sextorsión ou ciberacoso sexual, é o engano dun adulto a través de internet para gañar a confianza dun/dunha menor de idade con fins sexuais.
 
A diferenza do acoso sexual puntual, é unha acción deliberada e planificada que normalmente implica a previa procura e selección dunha vítima que responde aos gustos do acosador.
 
O acosador ou groomer utiliza os medios ou canles que lle ofrece a tecnoloxía para camuflar a súa identidade e achegarse a un/unha menor con técnicas de engano e persuasión para lograr o seu obxectivo.
 
E faino seguindo unhas fases:
  1. Fase de amizade: o acosador faille preguntas á vítima para coñecela, quere saber a súa idade, os seus gustos, afeccións… todo iso para adaptarse aos/ás nenos/as e xente nova, ter aspectos en común e gañar a súa confianza.
  2. Fase de fidelización: tras facerse amigo, o acosador asegúrase de que a súa vítima queira seguir falando con el. Converterase nun grande amigo/a da internet. Fará moitas preguntas sobre el/ela e logo seguirá interesándose en temas familiares.
  3. Fase de sedución: comezará a incluír temas sexuais nas charlas e tentará intercambiar imaxes provocativas de contido sexual. Adularao para que non desconfíe e siga enviando imaxes. Seducíndoo/a e xerando un sentimento de débeda nel/ela, o acosador logrará que cumpra a maioría das súas solicitudes.
  4. Fase de acoso: coa información privada e as súas imaxes, o obxectivo é establecer unha relación sexual, aínda que en principio sexa virtual. Ameazará con publicar esas imaxes ou envialas aos seus contactos e chantaxear para lograr máis ou mesmo un contacto físico.
 

 

Xanela-aberta-a-familia_ciberacoso.jpg
 
 

E, que consecuencias ten o grooming

Os/as nenos/as e adolescentes que sofren este tipo de acoso adoitan volverse introvertidos/as e esquivos/as. Cambian a súa forma de socializar na casa, encerrándose con frecuencia no cuarto ou no baño, conectándose cando os demais dormen sempre á mesma hora… Ademais, poden presentar problemas para durmir, inapetencia, ansiedade, diarreas ou manifestacións psicosomáticas como dores de estómago, de cabeza ou afeccións de pel.
As vítimas tenden a ocultar o que lles sucede por vergoña ou culpabilidade dilatando así a chantaxe no tempo e aumentando os danos.
 
Recomendacións para os/as menores
  • Rexeitar as mensaxes de tipo sexual ou pornográfico.
  • Utilizar contrasinais realmente privadas e seguras.
  • Ser coidadoso/a cos datos persoais que se publican.
  • Non publicar fotos súas ou dos seus amigos/as en sitios público
  • Non aceptar nin agregar como contacto a descoñecidos/as.
  • Nunca xamais acudir a unha cita concertada a través de internet con outro/a menor a quen nunca viron presencialmente.
  • Entender que nunca se debe ceder ante unha chantaxe.
  • Comunicar a pais/nais ou titores/as calquera situación de risco (se un terceiro solicita temas relacionados con aspectos sexuais).
 
Recomendación para os pais e as nais
  • Comunicación aberta cos fillos/fillas abordando beneficios e riscos das TICs
  • Educar na autoprotección: ser coidadoso á hora de facilitar datos por internet e nas redes sociais.
  • Os computadores con webcam  e acceso a internet deben estar en zonas comúns da casa.
  • Instalar antivirus e programas de navegación segura nos aparellos electrónicos.
  • Supervisar, evitando ser intrusivos.
  • Establecer un horario para o uso da internet e do computador.
  • Educar na difusión responsable de imaxes (non enviar a descoñecidos, nin colgar segundo que imaxes).
  • Explicarlles aos vosos/as fillos/as que non deben manter conversacións de contido sexual a través de internet, xa que poden ser capturadas e distribuídas pola rede.
  • Se se produciu unha situación de acoso NON cedades á chantaxe
 

En caso de detectar unha situación de abuso, acoso ou coacción, hai que denunciala inmediatamente. Para iso, será moi útil recompilar, por moi desagradable que sexa, toda a información e detalles posibles: copias das conversacións, pantallazos, imaxes…  Unha vez comunicado o posible delito, o primordial é centrarse en apoiar o rapaz ou rapaza que o sufriu. Ofrecerlle cariño, seguridade, e a confianza para evitar que se sinta culpable ou xulgado/a polas súas accións. Achegarnos á Oficina de Atención á Vítima e buscar axuda psicolóxica tamén será moi útil para saír da situación.

É importante educar os/as menores na prevención e  facerlles ver o que pode ocorrer se comparten na internet imaxes íntimas ou comprometidas, ou se aceptan a descoñecidos/as nas súas redes sociais ou nos seus xogos en liña.
 

A información para os teus, rigurosa

O proxecto RISCAR está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020